(Vídeo) O poboado chabolista do Vao cinco anos despois das grandes redadas contra o narcotráfico: "Agora xa está todo tranquilo"

O youtuber arxentino Joaco Santos adéntrase no Vao para coñecer a realidade actual do barrio, onde o patriarca do Vao de Arriba, Adolfo Casal, lle asegura que "por aquí vén de vez en cando a policía, pero antes estaban aquí 15 horas parando a mozos, que entraban por outro monte, xa sabes o que é un drogadicto, que ten que buscar (a droga) e entra por onde sexa".

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 19/01/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O poboado chabolista do Vao, no municipio de Poio, segue dando moito que falar a pesares de que xa non é, nin por asomo, o que era antigamente: o supermercado da droga en Galicia. Cada día centos de drogodependentes desprazábanse ata o poboado para mercar cocaína e heroína, o que xeraba moitos problemas de seguridade cidadá e pelexas continuas entre 'camellos' e 'ionquis'. Aínda que a policía estaba ao tanto e organizaba redadas cada pouco, semellaba que era imposible rematar coa lacra do tráfico de drogas na zona. Pero foi a partir do ano 2017 cando a cousa cambiou, de xeito que aínda que o 'trapicheo' segue a ser o modo de vida de moitos dos habitantes do Vao, hai tamén moitos que se adican á chatarra ou á vendima, así como a vender nos mercadillos, polo que as operacións xa non son tan frecuentes.

Operativo da Garda Civil no poboado do Vao, en Poio
Operativo da Garda Civil no poboado do Vao, en Poio | Fonte: GARDA CIVIL - Arquivo

E é que en apenas un ano e oito meses, no período comprendido entre comezos de outubro de 2018 e comezos de xuño de 2020, a Garda Civil e a Policía Nacional asestaron de forma sucesiva catro golpes que, non só conseguiron descabezar aos clans que se repartían o narcotráfico no poboado, senón que impediron que novos grupos familiares ocupasen ese baleiro de poder. As detencións superaron amplamente o cento, case unha oitava parte dos veciños censados. A xustiza tamén fixo a súa parte e foi condenando a todos e cada un dos sospeitosos. Pero aínda quedan xuízos pendentes.

Sen ir máis lonxe, este pasado ano 2023 a Audiencia de Pontevedra levou a cabo dous xuízos que supuxeron un duro golpe para o tráfico de drogas no Vao. Nun, remataron condenados unha vintena de acusados relacionados cos catro clans dirixidos polas matriarcas do Vao de Abaixo e, noutro, os integrantes do clan de 'O Sevilla' e o seu fillo 'Pinocho', que actuaban no Vao de Arriba. Así as cousas, e aínda que xa non é o que era, é innegable que para unha persoa do común entrar neste poboado pode supor un risco. Con todo, fai cousa de dous meses, o youtuber arxentino Joaco Santos viaxou dende o outro lado do océano Atlántico para coñecer cal era a realidade do Vao actualmente. Algo que sorprendeu ata aos propios galegos.

Como narra no seu vídeo, que acada xa case as 150.000 reproducións e os 1.500 'me gusta', chegaba ao lugar con algo de medo, pois ao final continúa a falarse del como o lugar máis perigoso de toda Galicia: "Un lugar quente, de negociacións entre os clans que nel residen e os fiscais e a xustiza". O seu propósito era poder falar cos dous patriarcas: o do Vao de Arriba e o do Vao de Abaixo. Primeiro diríxese ao de Arriba, onde pregunta por Adolfo Casal Jiménez, e non atopa maior resistencia, unha muller indícalle onde pode atopalo con facilidade. Fronte á súa vivenda, sentado nunha cadeira, tranquilo e desfrutando do sol da tarde, atopa a Adolfo Casal, un home xa de avanzada idade que o recibe cos brazos abertos.

"POR UN XITANO PAGAMOS TODOS; POR UN 'PAYO', SÓ PAGA O 'PAYO'"

Poboado do Vao, en Poio
Poboado do Vao, en Poio | Fonte: Pontevedra Viva - Arquivo

Pregúntalle como de perigoso é agora o Vao, porque moita xente lle disuadiu de visitalo. "Non lles fagas caso, iso era antes, agora xa non, fai xa tres anos, ao non venderse droga está todo tranquilo", asegura Adolfo, engadindo que "este era un punto negro de toda Galicia, pero agora fai tres anos que eu, que son o patriarca, xa me metín nese lume, e axudoume moito o sarxento da Garda Civil, ao que lle teño que dar as grazas". Ademais, conta que as familias de xitanos viven no Vao dende o ano 65, e, no seu caso, "nin que me deran o que me deran (marcharía), nin aínda que me deran a DKV chea de billetes de 500", alegando que ten un vínculo afectivo coa zona, na que xa lle morreron moitos familiares.

"Agora xa non vén un 'payo' por aquí, e antes viñan formigueiros de 'payos' a mercar, agora xa non, agora xa está todo tranquilo", afirma Adolfo, que tamén comenta que "por aquí (por O Vao) vén de vez en cando a Policía Local ou a Garda Civil, pero antes estaban aquí 15 horas parando a mozos, pero eles entraban por outro monte, xa sabes o que é un drogadicto, que ten que buscar (a droga) e entra por onde sexa". Durante a conversa co patriarca, a Joaco achégase outro home, de mediana idade, que lle asegura que "nós estamos todos traballando na vendima, non nos queda outra, somos un grupo de 15 ou 20 persoas". Ademais, matiza que "cando remate a vendima os mozos vanse ás feiras, mercadillos, a buscar ferros, a mercar... menos ao tráfico de drogas, a todo". 

Adolfo tamén conta que antes a xente dos montes colindantes co poboado tiña medo de ir por alí, cando agora "veñen e falan con nós aquí tranquilamente". Na mesma liña, outro home, Adolfo Jr., asegura que o de que O Vao é perigoso "son faladurías, aquí ao que vén o recibimos cos brazos abertos". Por iso, fai un chamamento para que "nos deixen integrarnos na sociedade, porque estamos apartados, ten que haber menos racismo e menos discriminación aos xitanos, aos negros, aos inmigrantes, porque nós levamos toda a vida aquí e somos galegos e sabemos e falamos galegos, pero considérannos xitanos, non galegos".

Adolfo Jr. lamenta que "por un xitano pagamos todos o que faga, pero cando o fai un 'payo' só o paga o 'payo', e cando o fai o xitano págao toda a sociedade xitana". No seu caso, como lle ensina a Joaco, "fai case 15 anos que estou pedindo un piso de proteción que poida pagar, porque a miña casa xa non vale, a miña muller e eu estamos enfermos de asma crónico a causa do chabolismo, porque entra moita humidade e moho". "A verdade é que quería estar nun piso que puidera pagar, se o puidera pagar, pagaríao", demanda Adolfo Jr., que tamén pide "una lavadora, que pedín e non me trouxeron e tívena que mercar de segunda man".

No seu caso, estivo detido por un delito menor, un roubo, e "cando saín do cárcere atopeime dende cero [...], abandonáronme, a reinserción costou moito". Xa fai tres anos que saiu de prisión, tras cumprir catro anos e medio, e afirma que "marcoume para ben, porque fai oito anos que estou rehabilitado de todo, fai oito anos que non consumo nada e estou rehabilitado de todo". Joaco pregúntalle se o caer nas drogas tamén foi propiciado polo ambiente que había no barrio, ao que resposta que "nese momento si me afectaba, pero agora gracias a deus aquí xa nada dende fai anos". "A droga levoume a cometer erros que hoxe non cometería, que se lle vai facer? Pasado é pasado", conclúe Adolfo Jr, cuxo soño é "marcharme de aquí, a unha casa propia ou de alquiler que me cobren o xusto". 

"SE ENTRAS CON RESPECTO, TRATÁMOSCHE CON RESPECTO"

Xa de camiño ao Vao de Abaixo, na procura do seu patriarca tras comprobar que no Vao de Arriba a cousa non foi para tanto, Joaco atópase con dous mozos: Bryan e Miguel Ángel, cos que fala afablemente. Ambos lle recomendan non ir máis aló no barrio: "Non te metas. Eu non teño relación, eu non cho aconsellaría", dille un. Tamén lle ensinan o seu coche, un Seat León reprogramado que aseguran que poñen a 260. Ambos consideran que na súa parte do barrio non hai problema para entrar: "Se entras con respecto vanche tratar ben, se entras coma se foses un chulo non". E a pesares das advertencias, Joaco decide proseguir co seu camiño cara o Vao de Abaixo.

Alí atópase con Adrián, o que di ser o patrón do barrio, aínda que logo sinala como patrón a outro home chamado Jacobo. Adrián cóntalle ao youtuber que "aquí non é todo o que din, se entras con respecto, tratámosche con respecto", e asegura que "estamos traballando no porto de Marín, outros están traballando na vendima e en descargas no porto". Todo cambia cando lle pide que o acompañe polo barrio, pois Adrián, que tamén se presta a ensinarlle a súa vivenda, asegura que unha rúa máis para abaixo xa é outro territorio, e que el alí non se mete "porque pode haber problemas". Visto o visto, Joaco comprende que dentro dun mesmo barrio hai subdivisións en familias que se respectan mutuamente para evitar as liortas.

O propio youtuber, de camiño cara o Vao de Abaixo, confesa á cámara que "sinto certa tensión, algo ocorre, porque todos che din 'non vaias para acá, non vaias para alá...', cada un ten ben delimitada a zona que é súa e hai tensión, quizáis agora non hai tema de drogas, pero entre eles dinche que zonas son máis perigosas". E volve atoparse cos mesmos mozos que ao comezo do vídeo, que lle reiteran que fai uns anos no Vao había "pelexas, tiroteos, malos rollos... pero agora dende que se acabaron todos nos levamos ben e imos tirando como se pode". Un dos mozos, de 17 anos, confésalle a Joaco que "se me tocase a lotaría gustaríame irme para outro lugar, ao centro de Pontevedra ou de Madrid, pero non a ningún barrio".

Este mesmo rapaz cóntalle que o día a día no Vao pásase entre "estar cos curmáns, ir de 'quedadas' cos coches, estar de cantes e vivir a vida". Aos seus 17 anos gustaríalle "seguir estudando, cante". Mentres conversan achégase outro mozo cunha especie de 'garrote' na man: "Isto é o que se fan os xitanos, feito a man e co nome, de madeira dura, a partir da pata dunha mesa, é o armamento dos xitanos". Ante semellante descubrimento, o youtuber non pode evitar preguntarse para que se usa esa arma, por que tanta equipación: "Somos fanáticos, non é para usar, é de lei xitana, sempre se ten por se o día de mañá...", explícalle outro mozo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta