Muros e Ribeira séntense abandonados pola Xunta ante a crise dos pellets: "Temos que recollelos nós; botan balóns fóra"

Dende os concellos gobernados polo BNG e dende o propio partido instan á Xunta a "esixirlle ao Estado todos os medios a disposición para a limpeza, non só na costa, senón tamén no mar, e actuar e colaborar coa administración estatal coma se fixo sempre ante este tipo de verquidos". A Xunta asegura que xa traballa cos concellos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 05/01/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A chegada de milleiros de pellets (pequenas boliñas de plástico) ás costas galegas está a xerar unha alerta ambiental moi importante en Galicia. Hai quen xa fala dun novo Prestige, pois semella que aínda que hai centos de voluntarios e servizos municipais implicados na limpeza das praias, nada é suficiente para frear a chegada de sacos e sacos (moitos rotos) destes microplásticos aos areais. Ante tal catástrofe, os concellos máis afectados xa aseguran sentirse abandonados á súa sorte polas administracións competentes, como se o problema non fose con ninguén. Muros e Ribeira, ambos concellos gobernados polo BNG, alzaron a voz publicamente este mesmo xoves.

María Lago, alcaldesa Muros, Antía Alberte, concelleira de medio ambiente de Ribeira e Rosana Pérez, deputada do mar, nunha rolda de prensa sobre a crise dos pellets
María Lago, alcaldesa Muros, Antía Alberte, concelleira de medio ambiente de Ribeira e Rosana Pérez, deputada do mar, nunha rolda de prensa sobre a crise dos pellets | Fonte: BNG

ALCALDESA DE MUROS: "A DÍA DE HOXE, RECIBIMOS A CALADA POR RESPOSTA"

Así, a alcaldesa de Muros, María Lago, asegurou que "sentímonos abandoados por todas as administracións, sós fronte ao que pode chegar a ser unha catástrofe se non se atalla o máis axiña posible".  Conta que foi o mércores pola tarde cando "recibimos unha chamada duns particulares avisándonos da chegada á praia de Area Maior dun destes sacos de pellets que, dende hai case un mes, están regando a nosa costa e, seguidamente, esta chamada veu precedida doutra da demarcación de costas que nos instaba a recoller canto antes ese saco que chegara". Cal foi a sorpresa cando, segundo detalla Lago, "os efectivos municipais se achegaron para facer a retirada e topáronse con que non só se trataba dun saco, había moito máis material".

Ante esta situación, a alcaldesa de Muros denuncia o "total abandono do resto de administracións, que non mandaron ningún efectivo para colaborar". "A día de hoxe, despois de tentarnos poñer en contacto con todas as entidades implicadas, recibimos a calada por resposta ou ben botaron balóns fóra, dicindo que isto non lles compete a uns nin a outros", alerta Lago, que reclama que "a Xunta e o Estado se mollen, literalmente, canto antes, para axudarnos a retirar este material e evitar que este quede depositado nos estratos inferiores da area se non se fai a retirada inmediatamente, porque o problema vai ser máis grave".

CONCELLEIRA DE RIBEIRA: "FIXEMOS UN RASPADO DA PRIMEIRA CAPA DA AREA"

Pola súa banda, dende Ribeira, a concelleira de Medio Ambiente do municipio, Antía Alberte, asegurou que no concello do Barbanza estes sacos "apareceron na semana do 11 de decembro" e "dende o minuto un puxémonos mans á obra, porque viamos que isto ía ser unha catástrofe medioambiental". Por sorte, conta que "fixemos a recollida xa cos sacos bastante enteiros, co cal non tivemos esa visión de ver a praia chea da marea branca". Con todo, lamenta que "ao longo da semana chegaron máis". Así as cousas, "os operarios da recollida de limpeza do concello e Urbaser, encargada da limpeza de contedores, non contaban con ferramentas suficientes para a recollida, polo que ao final fixeron un raspado desa primeira capa de area aproveitando que estabamos nunha semana de estabilidade climática, para evitar que cando chegara o vendaval non se remexera coas capas inferiores".

Alberte asegura que "dende o minuto cero solicitamos axuda a organismos superiores, porque sabiamos que isto podería chegar a máis zonas e tiñamos medo de que os sacos se abriran e logo a catástrofe fose peor, porque a recollida ía ser máis dificultosa". O resultado foi a calada por resposta. Dende o Concello de Ribeira piden a colaboración dos veciños: "Calquera veciño que saiba algo ao respecto que nos avise, porque sabemos que agora están a chegar máis sacos, avisádenos porque dende o Concello imos operar, porque nos parece unha catástrofe ambiental que non se pode deixar pasar".

DEPUTADA DO MAR, ROSANA PÉREZ: "DENDE O DÍA 12 A XUNTA TIÑA QUE ACTUAR"

Finalmente, a deputada do Mar do BNG, Rosana Pérez, denunciou que "as administracións están totalmente desaparecidas". "A través do dispositivo de control de buques a dirección xeral da mariña mercante sabe perfectamente cando se produciu este verquido e que buque foi o causante, e deberase estar actuando para abrirlle un expediente sancionador, buscar responsabilidades e resarcir os danos que está causando este verquido nas nosas costas", demanda Pérez, que critica que "dende o 12 de decembro a Xunta tiña que ter actuado, esixíndolle ao Estado todos os medios a disposición para a limpeza, non só na costa, senón tamén no mar, e actuando e colaborando coa administración estatal coma se fixo sempre ante este tipo de verquidos".

"O que é inaudito e inexplicable e inxustificable é que, neste momento, estean absolutamente abandonados os concellos, as administracións locais, que coa boa vontade de moitos veciños e veciñas das propias localidades están a recoller e varrer, literalmente, con escobas, estas boliñas de plástico", lamenta a deputada do Mar do BNG, que reitera que "aquí hai responsabilidades e as administracións competentes teñen que actuar". Ademais, quixo dirixirse ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para dicirlle que "deixe o autobús electoral e se poña por fin a atender as prioridades e problemas da xente, porque este é un problema que está nos trae á memoria o Prestige". Este xoves o BNG presentou unha serie de iniciativas no Congreso dos Deputados dirixidas ao Miteco para que dean resposta ao que está a suceder e a que accións se levaron ou se están a levar a cabo para dilucidar responsabilidades.

Pola súa parte, o parlamentario do Bloque no Congreso, Néstor Rego, solicitou información ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico acerca dos medios que dispuxo sobre o terreo, das medidas que implantará respecto diso e da investigación para proceder contra os responsables.

A XUNTA ASEGURA QUE XA TRABALLA PARA RETIRAR OS PLÁSTICOS

Pola súa banda, a Consellería do Mar asegura que xa está a traballar na detección e limpeza dos pellets cos concellos afectados, a quenes trasladou a súa "máxima colaboración". Ademais, pídelles recoller toda a información dos traballos e os custes asumidos por estas administracións para que posteriormente sexan trasladados á empresa. Neste senso, o Goberno galego asegura que mantén o contacto co representante legal da empresa armadora, a cal tería trasladado a súa vontade de colaborar coas administracións nas labores de limpeza e retirada dos pellets.

Tamén detalla a Xunta que Gardacostas de Galicia mantén a vixilancia no litoral para detectar a chegada destes materiais, sen embargo, apunta que as súas características dificultan a súa retirada por medios marítimos, tendo que realizarse unha vez que estes plásticos cheguen á costa. Por este motivo, solicita á cidadanía que notifique a aparición destes materiais ao 112 para acometer os traballos de retirada e limpeza dunha forma áxil e eficaz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta