O PP presenta unha moción de censura contra a presidencia do PSOE na Mancomunidade do Salnés

O PSOE avanza unha "batalla" para impedir a moción, incluso acudindo aos tribunais

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2024 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

O PP presentou unha moción de censura contra a presidenta da Mancomunidade do Salnés, a alcaldesa socialista de Meis, Marta Giráldez, que lles permitirá lograr o mando da institución grazas ao cambio de postura dun representante dun partido veciñal do municipio de Meaño.

Os populares, que dispoñen de doce representantes na entidade comarcal, contarán co apoio do alcalde Meaño e cabeza de lista de Veciños de Meaño, Carlos Viéitez, así como do concelleiro de Meaño Independente, José Aspérez.

O cambio de voto deste último, que na constitución do pleno da Mancomunidade tras as eleccións de maio de 2023 votou a favor de Marta Giráldez, é o factor que posibilitou esta moción de censura para entregar a Presidencia da agrupación de municipios pontevedreses ao alcalde de Ribadumia, David Castro, que obterá o apoio de 14 dos 27 integrantes do pleno comarcal.

David Castro xustificou a presentación da moción de censura "pola inestabilidade" que, di, atravesa a mancomunidade "nos últimos meses" como consecuencia das "desavinzas" postas de manifesto entre os representantes do PSOE e do BNG.

O candidato popular á presidencia da Mancomunidade tamén sinalou que a moción pretende cambiar o rumbo da entidade e "mellorar a xestión dos grandes investimentos que necesita a comarca do Salnés".

BATALLA XURÍDICA

En declaracións a Europa Press, a actual presidenta da Mancomunidade, Marta Giráldez, sinalou que o PSOE vai presentar batalla, "incluso acudindo aos tribunais se é preciso", para impedir que se consome a moción de censura.

Os socialistas argumentan que existe xurisprudencia e que hai un informe do mes de outubro de 2023 no que se indica que non procede a moción de censura nunha Mancomunidade cuxos estatutos non a contemplan.

Marta Giráldez lembrou que só houbo dous precedentes de mocións de censura en mancomunidades. Unha na época de Jesús Gil na Costa do Sol e outra no ano 2006 na Rioxa, tamén nunha mancomunidade na que os estatutos non contemplaban a moción. "E naquel caso determinouse que non procedía. Así que daremos a batalla, por suposto", apostilou.

"UN TROFEO POLÍTICO" ANTES DO 18F

A continuación, Marta Giráldez cualificou a moción de censura da Mancomunidade do Salnés como "un trofeo político" que o PP "trata de porlle encima da mesa" ao presidente da Xunta e candidato á reelección, Alfonso Rueda, antes das eleccións autonómicas do próximo 18 de febreiro.ç

A presidenta comarcal engadiu ademais que o feito de presentar este martes a moción de censura é unha clara manobra do PP para "desviar a atención" da crise provocada pola vertedura de pellets na costa galega que tamén afecta os municipios do Salnés.

SEN ARGUMENTOS DE CENSURA

A presidenta da Mancomunidade sinalou que cando se presenta unha moción, "suponse que o que se censura é precisamente a xestión", neste caso, da presidenta. Con todo, incidiu en que neste caso os asinantes da moción non achegaron nin un só argumento para censurar a súa xestión.

"Será porque neste catro anos e medio que levo de presidenta aumentáronse todos os servizos e creáronse outros que non existían", indicou, en alusión á oficina de control de verteduras, a orientadora laboral ou as oficinas comarcais que se están abrindo nos concellos de menos de 5.000 habitantes.

UN "CARGILLO" A CAMBIO

Aínda que desde hai semanas ouvíase falar da posibilidade de que se presentase esta moción de censura, Marta Giráldez sinalou a Europa Press que para ela foi unha sopresa. "Vese que por fin callaron eses acordos co alcalde de Meaño e co representante de Meaño Independente realizados na escuridade dos despachos e aos que son alleos os veciños do Salnés", aseverou.

Marta Giráldez engadiu que se supón que todos os concellos deben que concorrer en igualdade de condicións á hora de obter convenios e axuda doutras administracións. "Pero vese que se firmas unha moción de censura, igual tes máis fácil acceder a un auditorio, a un polideportivo, a obter un posto na deputación ou un carguillo cunha contraprestación e un soldo a cambio", sinalou.

David Castro, alcalde de Ribadumia
David Castro, alcalde de Ribadumia | Fonte: Cope

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta