Por que o alcol se considera un atenuante legal en caso de abuso contra as mulleres? Vulnerabilidade vs. sumisión química

Un estudo piloto realizado o pasado ano pola Universidade de Santiago (USC) entre 1.000 universitarias da propia institución académica arroxa datos arrepiantes: un 12 % delas, é dicir, máis de unha de cada dez, aseguraron ter sido agredidas sexualmente algún dos xoves ou venres que saíron de festa na cidade. Reflexionamos co psicólogo e profesor da USC Antonio Rial Boubeta sobre esta gran problemática.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 21/01/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un estudo piloto realizado o pasado ano pola Universidade de Santiago (USC) entre 1.000 universitarias da propia institución académica arroxa datos arrepiantes: un 12 % delas, é dicir, máis de unha de cada dez, aseguraron ter sido agredidas sexualmente algún dos xoves ou venres que saíron de festa na cidade. Fai tres anos, outro estudo da USC apuntaba a que un 2 % de menores de idade sufriron agresións sexuais con substancias polo medio no ocio nocturno. As cifras son as que son e, como sociedade, deberíannos preocupar. Hoxe dende Galicia Confidencial falamos co doutor en Psicoloxía e profesor da USC Antonio Rial Boubeta, investigador implicado nestes estudos, sobre como a sumisión química (con drogas) e a vulnerabilidade química (con alcol), están a aumentar ano tras ano nos casos de violacións a rapazas, cada vez máis pequenas tamén en idade.

Alcol
Alcol | Fonte: Commons - Arquivo

"En 2022 atopámonos cunha preocupación social moi grande e tamén cunha confusión enorme e unha terxiversación non menor", advirte Rial Boubeta sobre este "problema tan gordo, porque era e segue a ser a día de hoxe un problema enorme e crecente". Por desgraza, hai moi pouca información fiable ao respecto, o que leva a caer moitas veces na desinformación, e só os estudos realizados dende a USC en colaboración con outras universidades a nivel nacional logran arroxar un pouco de luz. "Vemos que os números van a máis, tanto nos datos que existen dende a Fiscalía, como dende o Consello Xeral do Poder Xudicial ou dende o Ministerior de Interior e as denuncias presentadas", alerta o experto, que tamén evidencia que hai moitas veces en que "as dilixencias non sempre rematan en sentenzas, porque algún caso é sobreseído ou se detén, polo que moitas non chegan aos xulgados". Con todo, coas que si chegan, xa é evidente que a problemática "está aumentando, non hai dúbida".

Os estudos a nivel nacional e internacional que hai, algúns dos máis relevantes da Universidade de Santiago, "amosan que, como moito, só se denuncian entre o 10 e o 20 % dos casos". O que quere dicir, como advirte Rial Boubeta, que "hai un 80 % de casos que non se denuncian, una cifra que se mantén oculta enorme", o que supón que "só coñecemos a punta do iceberg e, aínda así, os datos oficiais arroxan un aumento constante de casos ano tras ano". Este xa é un motivo de alerta social, pero a iso hai que sumarlle outro motivo non menor: a idade dos rapaces que exercen os casos e tamén a idade das rapazas (na súa maioría) que son vítimas. Como afirma este experto, "cada vez se están dando casos entre rapaces máis novos, menores de idade, o que nos debería levar a preguntarnos que é o que está pasando?".

"CANDO OS AGRESORES TEÑEN 14 SON INIMPUTABLES, E CADA VEZ HAI MÁIS"

Cando os casos se dan en rapaces que son moi pequenos, o profesor da USC alerta de que "dende o punto de vista xurídico tense pouco marxe de manobra, porque pouco se pode facer se se trata de rapaces moi menores, cuxo grao de imputabilidade é limitado". De feito, lembra que "cando teñen menos de 14 anos son inimputables, e cada vez comeza a haber máis casos de rapaces menores de 14 anos". Entón, pregúntase, "que fas con eles?". "Por lei non poder facer nada e, mesmo nos casos de rapaces de 15, 16 ou 17 anos, mesmo se fan algo moi forte, só podes, como moito, internalos nun centro de menores, e que capacidade correctora ou rehabilitadora ten iso?", plantexa Rial Boubeta, que considera que "o que hai que pensar é onde está a orixe de que estes rapaces nesas idades tan temperás fagan iso, para poder corrixilo, para poder facer unha rehabilitación efectiva e para que non continúen a reproducir esas condutas no futuro". Hai unha importante parte da sociedade que pide baixar a idade de entrada en prisión aos 16 anos, pero o psicólogo pregúntase "que solucionas con iso? Temos que ir máis aló e pensar no que está fallando".

Discoteca
Discoteca | Fonte: Arquivo

VIOLACIÓNS GRUPAIS: "DE ONDE SACAN ESES RAPACES QUE ISO MOLA?"

E máis aló da preocupación que xa supón o feito de que cada vez haxa máis casos e de que cada vez se den en rapaces máis menores, case inimputables xudicialmente, hai outro motivo de alerta: que as violacións danse de maneira grupal con maior frecuencia. "De onde sacan eses rapaces, no seu imaxinario social, na súa cabeza, que facer iso mola, excita, que é desexable e que é aplaudible por parte do grupo? Ten tela", advirte Rial Boubeta, que considera que "o feito de que as violacións sexan grupais ten unhas connotacións moi preocupantes". E a isto hai que sumar o tipo de prácticas que se exercen durante esas violacións: "Violar é violar, pero hai formas e formas, e as que empregan son absolutamente denigrantes para a muller, cunha compoñente machista sen precedentes". "Temos que preguntarnos en que estamos a fallar como sociedade, e ese pensamento e esa reflexión é imprescindible á hora de buscar solucións", afirma o experto, que pide "pensar en que estamos facendo mal coa súa vida dende o punto de vista socioeducativo".

"TEMOS RAPAZAS QUE BASEAN A AUTOESTIMA EN VER CANTO DESEXO SUSCITAN"

Rial Boubeta tamén comenta unha realidade que, por desgraza, non sorprende a ninguén, e que moitas veces nos temos atopado calquera de nós ao saír de festa unha noite: "Un montón de rapaces no instituto ou na universidade que saen de festa fíxanse nunha rapaza co pensamento de 'esta cae, polo civil ou polo criminal, e follámola entre os tres'". "Iso nunha barra dun pub en Santiago é verbalizado por X porcentaxe de rapaces universitarios e non universitarios, e non é algo admisible", evidencia o psicólogo. Por que sucede isto? Pois o experto da USC cre que por moitos motivos, pero entre eles está "a sexualización prematura da infancia, a hipersexualización da adolescencia e a imaxe das rapazas nas redes sociais". "Cando temos a rapazas que basean a súa autoestima nos 'likes' e en ver canto desexo sexual son capaces de suscitar nos rapaces, que fan 'tik toks' cunha elevada carga sexual-erótica, vemos que cada vez hai máis rapaces cos dentes afiados consumindo isto e pensando que o día que a pillen por banda van facer que caia dunha forma ou doutra".

"O ALCOL É A PRINCIPAL DROGA FACILITADORA DOS ACTOS SEXUAIS"

Máis aló da imaxe que tentan proxectar as rapazas nas redes sociais tamén está o problema do consumo intensivo de alcol, cada vez a idades máis temperás e en maior grao. "O alcol é a principal droga facilitadora dos actos sexuais e nos casos onde hai asalto sexual adoita haber alcol de por medio, non burundanga, alcol, en grandes cantidades", advirte Rial Boubeta, lembrando que, ademais, o consumo deste alcol "é consentido e faise de forma compartida". O típico rapaz que invita a varias copas a unha rapaza para ver se pode rematar acostándose con ela. Non é nada raro, por desgraza. E, como apunta o experto, "isto lévanos a unha figura legal que non é a da sumisión química, que ten implicacións penais, senón que é vulnerabilidade química, porque a rapaza consumiu o alcol conscientemente, porque hai probas e testemuñas de que se estaban emborrachando todos xuntos, non é que lle botasen droga na copa e ela non se enterase". A día de hoxe, este feito, "é visto coma un atenuante, porque non é sumisión, a pesares de que o alcol é un agravante dende o punto de vista do risco de ser vítima de violación". 

"A PORNOGRAFÍA ESTALLES A DICIR QUE MOLA QUE A 'FOLLEN' ENTRE CATRO"

Por todo isto, "hai que fiar moi fino para poder atallar o problema": "todo o tema da percepción do sexo, da falta de educación afectivo-sexual, da cousificación da muller, da hipersexualización da adolescencia, das redes sociais, son cousas que inflúen". Neste último senso, Rial Boubeta apunta a que "nas redes sociais as rapazas preséntanse como cachos de carne e para os adolescentes resulta moi difícil velo e resistirse, porque son rapaces que aínda non teñen a mente formada". Ademais, indica que moitos cren que por subir ese tipo de fotografías e vídeos ás redes "estano buscando, gústalles". E relacionado con isto está o feito de que "aínda que a pornografía segue a ser consumida maioritariamente por rapaces, tamén hai cada vez máis rapazas que a consumen, e vén un tipo de pornografía que lles está a dicir que mola que a follen entre catro, o que supón que lle estamos a ensinar a esas rapazas que teñen que percibir esas condutas como algo guai, excitante, desexable para elas, que é o que se agarda delas". Deste xeito, é evidente que o consumo de pornografía cada vez en idades máis temperás tamén está na base do problema.

Interior dunha discoteca
Interior dunha discoteca | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta