Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 06/02/2024 | Actualizada ás 21:00
Se poñemos no buscador 'Figuras do Entroido galego' saen os Peliqueiros de Laza, os Cigarróns de Verín, as Pantallas de Xunto, os Xenerais da Ulla, entre outras moitas. Galicia presenta unha gran riqueza de máscaras para gozar dunha época do ano agardada por moitos e moitas. Nesta reportaxe buscamos coñecer a historia en detalle de cinco figuras do noso Entroido que se cadra non teñen tanto recoñecemento... ou si! A ver cales coñecías.
A PITA DE EIROÁS
Situamos esta máscara no barrio ourensán de Eiroás e con Lois Pardo, da Asociación de Amigos/as da Pita coñecimos un pouco da súa historia. A pita é a representación iconográfica da Festa da Pita, que lembra a unión entre dous viúvos que houbo no barrio na segunda metade do XX. Os veciños reclamábanlles que pagaran a festa, cada vez que un viúvo/a se xuntaba con outra persoa, facían tocar os cencerros con moito ruído. A raíz desa 'cencerrada' fíxose unha festa durante décadas, que non se sabe quen pagou, que coincidía co Entroido nas Eiroás, inclusive durante a Ditadura. No 1999 a Asociación de veciños decide rescatar a festa e crear un Entroido.
Decidíuse crear unha máscara. O nome de 'Pita' vén do alcume da viúva Gumersinda que casou co viúvo Antonio. Parte da carauta lembra a unha galiña precisamente por ese alcume, na parte de atrás leva un debuxo relacionado coa natureza. Isto débese a que o Entroido é unha festa do ciclo agrario. O traxe mestura as premisas do traxe tradicional coas premisas desta época: colorido, presenza de elementos de son como 17 chocas e moitos axóuxeres. Leva medias e camisa branca, adornado con plumas debaixo da chaqueta en amarelo, vermello e axul. Dos ombreiros saen cintas e cada cor representa un ano e unha temática, como o Prestige e este ano a traxedia das guerras e colócaselle a cada pita que corre ese ano. Ao mirar para o ombreiro podemos saber cantos anos correu a pita e en que anos foi.
Tamén leva unha bolsiña de coiro con ovos, o elemento que lanza a pita. Durante o ano valéiranse os ovos e méteselles penso ou material que non manche. Porén, toda pita leva un ovo de verdade para tirar a quen se lle poña por diante como mecanismo de defensa. Nas Eiroás debe de haber unhas 38 pitas, pero nunca saen xuntas máis de 36. Tomade nota porque o día máis agardado é o martes de Entroido onde se realiza 'A voda da Pita', unha obra de teatro entre a veciñanza para lembrar en ton satírico o que hai de actualidade no país e no mundo enteiro.
PAQUITA E NICANOR DE SEIXALBO
Quedamos na cidade de Ourense onde Paquita e Nicanor son un matrimonio de sona entre as figuras do Entroido. Queda na parroquia de Seixalbo, a poucos quilómetros do núcleo urbano, nunha zona máis rural. Falamos con Juan Cid da Asociación Veciñal de Seixalbo para coñecer quen son estes dous bonecos. Datan de hai máis de 140 anos, para ser exactos é Paquita quen os ten, xa que Nicanor ronda os 90 porque se perdeu o oroxinal durante a Guerra Civil. Son figuras feitas en madeira para ir contra os poderes públicos e eclesiásticos en ton de mofa. Agora ben, as orixinais están gardadas nunha furna para que se conserven e para saír de troula teñen uns semellantes. En Seixalbo o Entroido é diversión, sentimento e respecto.
O carpinteiro que fixo a Paquita e Nicanor din que empregou pau de amieiro. Só teñen a cabeza de madeira xa que o corpo quéimase e está feito doutros materiais e cuberto de palla. O rito do martes de Entroido é pasear coa parella polas rúas de Seixalbo e na praza cántanse coplas. Primeiro versan sobre política estatal, logo da Xunta de Galicia, despois do alcalde, a continuación da asociación veciñal e tamén pode saír algún veciño. Os bonecos ano tras anos vanse entregando de familia en familia. Inicialmente eran símbolo de fertilidade. A familia que os ten decide como os viste e arránxaos e despois selecciona unha nova familia para que queden con eles todo o ano. Poden gardalo en segredo ata a última hora do martes de Entroido para sorprender.
Ollo que Paquita e Nicanor trouxeron descendencia, o Vicentiño. Resulta que había un veciño que levaba moitos anos coa parella e non conseguía ter descendencia, nin con Paquita e Nicanor na casa. Ao ano seguinte o matrimonio de bonecos acabou noutra casa e acordáronse do anterior veciño e fixeron un mequiño, o Vicentiño. Agora todos os anos saen os tres, pero o rapaz pode quedar noutros sitios, como o colexio, mentres que o matrimonio ten que soportarse. Paquita e Nicanor, sempre xuntos e espertando sentimento en Seixalbo por pasar por tanta xente da parroquia durante anos e anos.
OS VOLANTES DE SANTIAGO DE ARRIBA
Situámonos en Chantada, concrétamente en Santiago de Arriba e no Entroido Ribeirao. Marisé, integrante desta familia, cóntanos que é unha celebración moi rural e que todo se fai co que hai pola casa e intentan mercar o menos posible. Ten tres figuras ben diferenciadas. O volante é o personaxe máis recoñecido, viste un traxe de cor vermella e amarelo e loce un pucho, un sombreiro moi grande recuberto con flores de papel e do que colgan fitas de moitas cores con 4 plumachos e dúas bonecas. O sentido disto é que o Entroido é a celebración previa á primavera, cos campos cheos de flores coma as do pucho; coas árbores sacando froito, de aí os plumachos de cores e cos nenos saíndo xogar polo campo, de aí as bonecas. Levan tamén un cinto de campaíñas machos e femias, postas dunha forma determinada para ter un son en concreto. O volante é unha personaxe elegante, con guantes, zapato negro de vestir e ten que saír da casa impoluto. Tamén ten dous panos cruzados sobre os hombreiros e unha pañoleta na cabeza. O pucho grande pesa uns 18 quilos e hai un só que se vai pasando entre os volantes. Ademais hai pucho mediano e pequeno para a mocidade e cativos que se visten segundo a idade.
O maragato viste máis arapento con roupa e calzado vello e leva pelicas no peito, sobre as costas e non leva campaíñas, senón unha choca amarrada cun cinto. Pega cun cinto que leva na man e pode levar cornos. Os mecos representan os oficios, obras teatrais satíricas en ton burlesco, mudas ou semimudas sobre situacións que viviron os veciños ou temas de actualidade. Durante os oficios, haberá xente do público que queira desfacer a obra e os maragatos irán detras deles e faranlles de todo.
No Entroido Ribeirao, hai só 4 volantes grandes porque as campaíñas que levan son exclusivas e non se fabrican. Teñen que ir por casas do concello e de fóra en busca delas que piden prestadas. O volante máis novo ten dous meses e vén xente de Barcelona co desexo de vestirse de volantes e maragatos. O martes de Entroido é un día sinalado no que os nenos, o futuro, toman o mando e fan todo o que realizan os maiores durante o resto de días. Todo remata co 'Choro do pucho', tráense os puchos que se empregaron e veñen as choronas e maragatos e volantes danzan. Choran de xeonllos porque remata a celebración. O maragato leva o pucho e vai polas hortas nun recorrido inverso, vai desaparecendo entre a vexetación e ata o próximo ano non volve saír.
OS TROTEIROS DE BANDE
Con Marigel, troteira de Bande, queremos saber máis desta misteriosa figura. O troteiro ten bastantes anos, xa que data de antes da Guerra Civil polas poucas fotografías que hai. Nos 80, eran catro veciños os que sacaban este personaxe, pero foi no ano 2000 cando se xuntaron uns mozos e decidiron rescatalo. O traxe do troteiro caracterízase por unha vestimenta branca adornada. Leva polainas de coiro, cinto con chocas, un pau imprescindible, por atrás un tapete ganchillado que soían facer as noivas ou nais dos rapaces e o sombreiro de palla vai engalanado cunhas postais. Eran enviadas polos mozos que estaban na mili ás súas noivas. Tamén leva un pano ganchillado na cara para tapar a identidade da persoa. A súa función é ir polos pobos anunciando que chega o Entroido.
Cantos troteiros hai? Marigel está nun grupo de WhatsApp con máis de 50, así que son unha chea. O domingo de Entroido, os troteiros van polo pobo de Bande e comen cocido con toda a xente que se anime. O luns feo consiste en levar o entroido dun pobo a outro, xa que cada ano escóllese o pobo onde vai quedar un boneco todo o ano. "En ton de burla, que quede o entroido con vós, mantédeo ben", di Marigel, que recorda que fai anos botaban a noite enteira evitando quedar con este boneco. Déixase colgado desde o punto máis alto que se poida do pobo e queda aí ata o ano seguinte. O martes de Entroido vaise á residencia de anciáns que lembran cando ir de troteiros de novos e emociónanse
OS FARRUMECOS DE SOBRADELO
Os farrumecos foron comúns aos concellos de Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio e Baños de Molgas. Porén, hoxe falamos da figura de Sobradelo, que recuperou Rochi Nóvoa, no 2018 xunto coa súa familia. Históricamente esta sigura non levaba máscara, senón que era como unha gasa, que resultaba moi incómoda. Por iso cun molde, fixo máscaras para os farrumecos que teñen unha particulariedade. Nunca saen dúas iguais, cada farrumeco é único porque este molde non dá dúas igual baixo ningún concepto. Comezaron sendo uns cinco ou sete e agora xa son máis de trinta e saen uns 23 pola aldea. O máis importante é que hai futuro con moita cativada que quere ir de farrumeco.
Levan botas ou zapatos, medias, un vestido ou saia e todo superposto, é un chafalleiro e hortera. Gústalle pór peza sobre peza e pode levar vestido, saia por riba, mandil e cores moi chamativas. Ademais viste cunha capa e sempre leva un colar de castañas, allos ou cebola. Un pano tradicional na cabeza, cada un dunha cor. Os farrumecos son silandeiros, non fan ruído, pero levantan saias, son moi trasnos, descolocan cousas...
En Sobradelo, saen co pertardazo de Xinzo porque queren un dia enteiro para festexar, xa que son moi entroideiros. Rochi, a que máis, di que así poden ir aos entroidos grandes, xa que é farrumeco, maragata, felo e pantalla. O Entroido é un sentimento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.