Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/01/2024 | Actualizada ás 13:06
A candidata do BNG para as eleccións do 18 de febreiro, Ana Pontón, rompeu un dos tabús dos partidos políticos para abordar abertamente o problema do suicidio en Galicia, un mal que afecta, nos últimos anos, especialmente aos máis novos. Así, e tras suliñar Galicia está á cabeza en taxa de suicidios e o 23 % da poboación ten un problema de saúde mental crónica, propuxo á posta en marcha dun plan de saúde mental e prevención de suicidio co reto de dedicar a este problema o 10 % do orzamento en sanidade.
"O PP leva 15 anos mirando para outro lado", criticou a líder nacionalista que asumiu, tamén, como un dos seus compromisos de goberno duplicar o número de psicólogos clínicos na sanidade pública. Fronte a isto, a candidata do BNG reiterou que se chega ao Goberno galego porá "medios e recursos suficientes" para atender a saúde mental na Comunidade, con medidas como a incorporación de psicólogos clínicos á Atención Primaria e presenza destes profesionais no sistema educativo e os servizos sociais, para atender tanto a nenos e adolescentes como a persoas maiores.
Pontón apostou por "pór en primeiro plano" e no "centro do debate" político a asistencia aos problemas de saúde mental, lembrando que o sistema sanitario "debe de atender todos os problemas de saúde". A candidata do BNG chamou a atención sobre a necesidade de "visibilizar" esta situación, un "problema moi importante" en Galicia, onde a taxa de suicidio é "a segunda máis elevada de todo o Estado". Co paso do tempo, dixo Pontón, "incrementáronse moitísimo os problemas derivados da saúde mental". "Miles de persoas están a lanzar un SOS, non pode ser que a atención á saúde mental estea nunha esquina, esquecida", engadiu.
INCORPORAR PSICÓLOGOS PARA FACILITAR O ACCESO
Como compromiso tras o 18F, Ana Pontón destacou a intención de facilitar o acceso a axuda psicolóxica de maneira áxil para aquelas persoas que a solicitan, tendo en conta que unha das queixas máis recorrentes son as listas de espera na materia. Por iso, comprometeu máis recursos a través dun Plan de Saúde mental con "medidas concretas e prazos", entre elas que se incorporen profesionais de psicoloxía clínica en Atención Primaria, dado que "o 30 por cento das consultas" neste nivel "teñen que ver coa saúde mental", e supón, ademais, a porta de entrada da maior parte dos pacientes.
Tamén incidiu na atención psicolóxica na infancia e na adolescencia, apostando por que todos os hospitais galegos teñan unidades específicas e incorpórense psicólogos ao sistema educativo para atender casos que poidan detectarse. Ana Pontón chamou a atención sobre os problemas de saúde mental que afectan ás persoas maiores, tanto por "unha cuestión cultural" como porque "están nunha posición de máis fraxilidade". Por iso, comprometeuse a incluír máis profesionais nos servizos sociais para atender casos e "darlle solución".
ENQUISA CIS
Por outra banda, a portavoz nacional do BNG valorou este venres a enquisa de intención de voto do CIS apuntando que evidencia "que hai unha maioría que quere cambio" en Galicia. "Hai unhas tendencias que son moi claras: que o Partido Popular está a baixar e o BNG é a forza que sobe e, por tanto, estamos ás portas de que podamos pór en marcha un cambio de ciclo en Galicia", dixo, en declaracións aos medios en Santiago.
Máis aló das enquisas, Pontón lembrou que o 18 de febreiro saberase "cal é a valoración que fai a xente deste país de que futuro quere escoller", aínda que augurou que a comunidade está "ás portas dun gran cambio", do que hai "unha posibilidade real".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.