Piden tres anos de cárcere para un avogado por comprometerse a defender a uns clientes e non cumprilo

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2024 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña fixou para este martes, día 30, o xuízo contra un avogado acusado de recibir pagos duns clientes aos que se comprometeu a defender, pero sen cumprilo.

O caso procede do Xulgado de Instrución número 1 de Arzúa e, tras ser aprazado en dúas ocasións anteriores, sinalouse para o vindeiro martes. O Ministerio Público pide para o procesado tres anos de prisión.

Segundo relata o fiscal no seu escrito, o acusado, avogado colexiado que exercía nun despacho na Coruña, foi contratado en setembro de 2014 pola vítima para que defendese á súa parella sentimental e ao fillo deste, ambos en prisión provisional.

Tras contactar cos dous presos, "prometeulles que conseguiría a súa excarceración nun prazo aproximado dun mes", preparando a defensa de ambos unha vez foron postos en liberdade, á vista do xuízo que se celebraría e na que figuraban como acusados.

O acusado chegou a personarse como defensor de ambos e presentou escrito de personación con data 17 de outubro de 2014. A partir dese momento, mantivo conversacións cos clientes, a quen lles insistía en que conseguiría librar aos acusados do cárcere.

"A pesar diso, actuando co afán de enriquecerse e sen intención algunha de cumprir as obrigacións profesionais asumidas", requiriu á contratante, en concepto de provisión de fondos, dous pagos de 3.000 euros en setembro e decembro de 2014, así como de 600 euros, en novembro, para o pago de procuradores.

Fixo crer así aos clientes que facía xestións xudiciais, interpuña recursos ou solicitaba ao xuíz a posta en liberdade, cando non presentou ningún escrito ante o órgano xurisdicional competente, o que determinou que pai e fillo estivesen presos ata o momento da celebración do xuízo, os días 10, 11, 12 e 15 de febreiro de 2016.

En virtude da sentenza do 24 de febreiro de 2016 da Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña, os reos resultaron condenados ás penas de nove anos de prisión, como autores dun delito de secuestro, e de dous anos e seis meses de prisión, por un delito de tenencia ilícita de armas.

DELITOS E PENAS

Por todo isto, a Fiscalía considera ao letrado culpable dun delito continuado de estafa, polo que solicita unha pena de tres anos de prisión e un delito de deslealdade profesional, polo que pide 20 meses de multa, con cota diaria de 12 euros.

Ademais de abonar as costas, o acusado deberá indemnizar aos prexudicados con 6.600 euros polas entregas en efectivo realizadas e en 10.000 euros, a cada un deles, por danos morais.

Exterior da Audiencia Provincial da Coruña
Exterior da Audiencia Provincial da Coruña | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta