Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2024 | Actualizada ás 11:18
As localidades coruñesas de Narón e de Ferrol sitúanse entre o dez municipios españois onde é máis barato alugar unha vivenda, segundo o informe 'A vivenda en aluguer en España no ano 2023' elaborado a partir do índice inmobiliario de Fotocasa.
En concreto, Narón sitúase no quinto posto a nivel estatal, con 6,21 euros o metro cadrado, un 14,4% máis que un ano antes. Inmediatamente despois está Ferrol, que ocupa o sexto lugar a nivel nacional con 6,36 euros o metro, un 9,7% máis.
O municipio español máis barato para alugar unha vivenda é Puertollano, en Ciudad Real, con 5,01 euros o metro cadrado, un 10,8% máis. Logo Don Benito, en Badaxoz, con 5,34 euros, un 2,7% menos. Plasencia, en Cáceres (5,69 euros), e Ciudad Real capital (5,78 euros) ocupan o terceiro e o cuarto posto deste ranking.
Despois das dúas localidades galegas, pechan o 'top 10' Mérida, con 6,39 euros o metro cadrado; Alcoy, en Alacante, con 6,43 euros; Talavera de la Reina, en Toledo, con 6,67 euros, e Palencia, con 6,96 euros. A nivel estatal, Fotocasa explica que o prezo da vivenda en aluguer non deixou de crecer durante o pasado ano, incrementándose un 5,7% de media en España, ata os 11,66 euros o metro cadrado ao mes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.