Galicientífica- Ana Barreiro: "O meu soño é que se sexa consciente da importancia dos solos e da súa preservación"

É bióloga de formación e traballa na Escola Superior de Enxeñería do Campus de Lugo nun proxecto que estuda a presenza de antibióticos dos animais en solos.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 07/02/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Chegou a última entrega da serie 'Galicientíficas' que nos permitiu coñecer a mulleres científicas de diferentes disciplinas e centros singulares. Ana Barreiro será a encargada de poñer o broche final. É bióloga e investigadora no campus de Lugo da USC, concrétamente, na Escola Superior de Enxeñería. Co seu grupo de investigación Uxafores leva a cabo un proxecto que estuda a presenza de antibióticos dos animais en solos. "Centrámonos principalmente nos antibióticos anticoccidios, que se usan contra a conccidiose, que é unha enfermidade común en aves. O que queremos ver é se este antibiótico que se lle dá aos animais enfermos pode acabar nos cultivos que comemos", explica Ana. 

Ana Barreiro Galicientífica
Ana Barreiro Galicientífica

Estudou bioloxía molecular e fixo un mestrado especializado en medio ambiente, na actualidade mestura ambas partes xa que se encarga de estudar que lles pasa aos microorganismos dos solos. "Nesta investigación unin as dúas cousas que me gustaban durante a carreira", comenta. 

MULLER E CIENCIA 

Ana destaca que na súa contorna ve igualdade en número de investigadores e investigadoras. Porén fai fincapé en que se nos centramos nos investigadores e investigadoras máis sénior e con postos estables, o número de homes supera "con claridade ao de mulleres". Ana coincide co resto de Galicientíficas nese efecto tesoira á medida que avanza a carreira investigadora nas mulleres. Recoñece a importancia das referentes, xa que ela tivo a sorte de traballar "sempre baixo a supervisión de grandes mulleres investigadoras" que a guiaron na súa traxectoria. "Si me ten acontecido que dubidasen do meu labor como avaliadora debido a ser unha investigadora nova, feito que nunca vin que lle acontecese a un investigador novo", apunta. 

En canto á conciliación no momento de ser nai, ela non se viu nesa casuística, pero incide en que na etapa postdoutoral, na que se atopa, a nivel global hai un claro decenso de mulleres investigadoras, en parte debido á maternidade. Ana estivo en Suecia, concrétamente na Universidade sueca de Ciencias Agrícolas e cando lle preguntamos por diferencias que atopou en relación a Galicia, di: "Volven da súa baixa de maternidade para traballar ao 50%, está máis avanzado e é máis fácil conciliar". 

DIVULGACIÓN CIENTÍFICA 

Para a bióloga no ámbito da divulgación científica é primordial adaptar as mensaxes ao público obxectivo, tanto en forma como en contido. Establece que as redes sociais son unha boa ferramenta ao estar presentes na vida diaria de moitas persoas e "que parece viñeron para quedar". De igual modo, cre que é importante que os máis novos coñezan os avances e que desenvolvan unha capacidade crítica. "Elas e eles serán as investigadoras e investigadores do futuro, así que canto antes accedan a ese coñecemento mellor que melllor", expón. 

Ana estivo fóra de Galicia durante catro anos da súa traxectoria, pero sempre estivo moi vinculada coa USC. "Fun estudante tanto a nivel de licenciatura como pre-doutoral, logo estiven fóra como investigadora post-doutoral, e a volta á universidade foi como volver a casa", comenta. Considera que é unha universidade con moito talento e paixón entre as persoas investigadoras, así como unha entidade que facilita a colaboración entre os memos e o uso de "instalacións de primeiro nivel". Tamén expresa que lle dá moi ta importancia á xestión de recursos humanos, como proba o solo de excelencia neste sentido. 

HAI FUTURO NO SEU CAMPO DE INVESTIGACIÓN EN GALICIA? 

"Galicia ten un potencial enorme na investigación tanto no meu campo, como en moitos outros, a comunidade conta con tres universidades onde se fai investigación punteira, en moitos casos coa colaboración entre investigadoras e investigadores das distintas institucións", afirma Ana.

En canto ás axudas por parte das administracións públicas, afirma que "é un dos grandes problemas da ciencia en Galicia". A falta de financiamento e a inestabilidade do persoal investigador son as principais liñas de mellora para ela. 

"NON DESCARTO MARCHAR Á PRIVADA"

Unha das preguntas clave nesta sección é por que se decidiron pola investigación e Ana ten clara a razón: "Gústame moito a investigación de base, saber que lle pasa a este solo se lle fago este proceso, é moi importante. Na industria privada van cara a ciencia máis aplicada. Na miña tese estudei como lle afectaban os incendios aos microorganismos, iso é importante e axuda a entender como recuperar o solo e non é tan aplicable. Non descarto marchar á privada se isto segue así. Fálase moito de funcionalidade, chegar a descubrir ben a función que cada bichiño ten no solo, teño esta praga neste cultivo, engado isto e vai funcionar ben. É o que está menos claro", afirma.

Por último, conta: "O meu soño é que tanto o público en xeral como as distintas administracións sexan conscientes da importancia dos solos e da súa preservación". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta