Conto esta anécdota porque vén a conto agora que este mes de Agosto se cumpren noventa e cinco anos dos actos celebrados pola Real Academia Galega no Balneario de Mondaríz co gallo do ingreso na institución de Ramón Cabanillas e Antonio Rey Soto. O programa preparado por Enrique Peinador Lines, dono do establecemento balneario, fora moi lucido: banquetes, música e visitas guiadas ao museo etnográfico de Pías e excursións ás paraxes próximas.
Tamén podería ter sido que o modelo do Balneario de Mondaríz inspirase a Fraga na elaboración do plan dos paradores de turismo . A diferenza está en que no Balneario a cultura galega tiña unha visibilidade notoria, porque Peinador Lines puxera o empeño en ofrecerlle aos seus hóspedes un clima amable tinguido de cultura galega, que, ao cabo, é o que busca o turista cando viaxa procurando coñecementos de realidades ben distintas ás do seu país de oríxe, e os chamados paradores nacionais non ofrecen o mesmo. A oferta do Balneario de Mondaríz satisfacía así os gustos dunha clientela esixente que se deleitaba lendo os xornais “La Temporada” e “Mondariz” nos que sempre había colaboracións dedicadas a divulgar o patrimonio etnográfico e arqueolóxico, e a obra dos nosos escritores e investigadores. Peinador Lines esixíalles as orquestras que animaban as veladas que incluísen pezas galegas nos seus programas.
O Balneario de Mondaríz foi o único que tiña carácter internacional entre os españois. Porque o seu propietario non era un empresario ao uso, vulgar, rutinario e preocupado unicamente pola conta de resultados; soubo conxugar o éxito dos servizos que ofrecían co compromiso coa cultura galega. Foi o auténtico precursor da fórmula aritmética tan socorrida en calquera proxecto empresarial do I+D+i, ao que el lle engadíu un sumando máis, o “G” de galeguismo.
En 1920 creou o “Premio Peinador” na Facultade de Medicina de Madrid cunha dotación de 1.200 pesetas ao ano para custear o título de Doutor en Medicina ao autor dunha tese sobre Hirdroloxía Médica.Coa Universidade se Santiago de Compostela estableceu vínculos estables, e ao Estado dooulle un edificio para destinalo a Instituto de Hidroterapia, Colexio Maior ou residencia de médicos e estudantes.E outro premio máis para incentivar o estudo do hábitat galego e o modelo de autogoberno para Galicia, que gañaran Carlos Sobrino e Peña Novo,respectivamente.
Mondaríz foi a recreación desa Galicia ideal que deseñou o 1º Congreso de Economía de Galicia celebrado en Lugo en 1925. Peinador Lines, que posiblemente asistíu a el, levou ao pé da letra todas as conclusións daquel cónclave: poñer en valor a paisaxe; recuperar para o turismo espazos e vilas termais; artellar unha rede de transportes que el materializou co proxecto dunha liña de tranvía que unise Vigo con Mondaríz, que só chegou a O Porriño; proxección internacional do mercado das augas envasada,etc.,e a defensa dos valores identitarios galegos.
Chama a atención que hoxe ningún balneario galego arromedase o exemplo daquel Mondaríz modélico. Da mesma maneira que non é comprensible que a rede de paradores non sexan escaparates da nosa cultura e tradicións para ofrecerllelas aos forasteiros ávidos de coñeceren outras culturas; ou que as casas rurais en Galicia non teñan máis galeguidade.
Agora que conmemoramos o acto da Real Academia Galega, traemos a memoria do seu fillo, Enrique Peinador Porrúa, que foi fusilado en Madrid pola súa militancia republicana, dous meses antes do pasamento do seu pai.