Sindicatos agrarios galegos: "É lamentable que algúns estean manipulando con cuestións políticas puras"

Unións Agrarias e o Sindicato Labrego Galego apostan por unha estratexia diferente co sector asturiano e cántabro na mobilización do agro diferente ao resto do Estado. Fixan para o día 20 a mobilización nas catro capitais de provincia e en Santiago de Compostela e apuntan á ultradereita como instigadora de certas tractoradas.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 09/02/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia e norte da península é diferente, tamén na problemática do agro. Por iso, as organizacións agrogandeiras de Galicia, Asturias e Cantabria convocaron mobilizacións coordinadas para o día 20 de febreiro e esperan que se estendan desde a fronteira con Portugal á de Francia. Así o acordaron os colectivos maioritarios destas comunidades nunha reunión na que non puido participar o País Vasco, pero, segundo detallou Unións Agrarias, esperan que os colectivos dese territorio se sumen ás accións conxuntas.

Arquivo - Vacas dunha gandaría de lácteo en Sabadelle.  Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Vacas dunha gandaría de lácteo en Sabadelle. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

Desta forma, os sindicatos cren que ante as "problemáticas comúns" a toda a Cornixa Cantábrica os convocantes ven "necesario e factible" que os agricultores e gandeiros "vaian da man" na "defensa" dos seus intereses. Con ese obxectivo, o vindeiro martes celebrarán unha nova reunión para pechar a táboa de reivindicacións conxunto para a que "servirá de base" o documento consensuado en Galicia por Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Asociación Agraria de Galicia. 

"POLITIZACIÓN"

Os sindicatos Unións Agrarias e Sindicato Labrego critican a "politización" das protestas, especialmente, sobre a marcha de tractores convocada pola plataforma 6-F que se dirixirá este sábado a Ferraz, sede xeral do Partido Socialista en Madrid. En primeira instancia, Félix Porto, responsable de coordinación sectorial de Unións Agrarias, traslada o respecto a todas esas persoas que consideran que se deben mobilizar. "Parécenos lamentable que algúns traten de manipular a determinados sectores con cuestións políticas puras, cando a realidade é que hai elementos suficientes para unha crispación xeralizada como é a que estamos vivindo", afirma.  Ambos sindicatos mencionados reuníronse con outras organizacións para pechar como data o 20 de febreiro para a mobilización. "A idea é que se concentre nas catro capitais de provincia e na capital galega como puntos neurálxicos da comunidade galega", afirma Félix.. 

Indica que hai razóns para saír e cuestións que modificar, como a excesiva burocratización que están sufrindo as explotacións, os custos de produción ou a non aplicación da Lei de cadea. "Isto último implica que se cobre por debaixo de custos de produción en determinados nos sectores. Nunca hai unha negociación real. Queremos trasladar que os gandeiros deste país o que queren é vivir da súa producción e dos prezos dignos, para iso é necesario articular os mecanismos para que sexa unha realidade", comenta. Sinala, que é importante que se poña en marcha a  AICA (Axencia de Información e Control Alimentarios), que funcione como instrumento para impedir os continuos abusos das industrias sobre os productores. Tamén demandan un observatorio de prezos que indique cales son os mínimos por debaixo dos cales non se pode vender. "Son moitas as cuestións por modificar e nova lexislación entendendemos que non aporta nada nin en materia de seguridade alimentaria ni en ningunha outra cuestión", destaca.  

En canto á afirmación de convocar mobilizacións despois do 18F, Felix Porto di o seguinte: "Desde Unións Agrarias xamais convocamos unha mobilización coincidindo cun periodo electoral porque dalgunha maneira podería incidir no que sería o resultado das eleccións e entendemos que non se debe mesturar unha cousa coa outra". Reivindica que a situación de Galicia é diferente ás outras comunidades e que ten que haber un compromiso de todas as administracións que teñen competencias nesta materia. "Cremos que as mobilizacións teñen que ir máis aló do día 18", reafirma. 

Sobre a plataforma 6-F asegura que "hai que ter coidado cos determinados mensaxes que se trasladan de antisindicalismo". Expón que "sempre son os memos, os que se erixen en representantes dos sectores e salvadores da patria xusto en momentos nos que hai procesos electorias e tratan de sacar ese rédito, froito da confusión e do clima antisindicalista". Asegura que desde Unións Agrarias non participarán en ningunha mobilización con tintes neste sentido e onde se lles exclúe abertamente. 

POSTURA DO SINDICATO LABREGO 

Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego galego, apunta a que levan meses dicindo "en espazos coa administración" que a PAC non respondía á realidade da produción agraria-gandeira de Galicia. Fai fincapé na excesiva burocracia "sen sentido" e que non aporta nada ás granxas nin mellora a calidade do producto. De igual modo, menciona que as políticas europeas traen consigo medidas como a figura necesaria dun veterinario de explotación e que non se pooida dar tratamento sen receita. "As granxas que eu coñezo contan cos servizos veterinarios e moitas veces con varios. Isto todo non vale, agora hai que ter outro a maiores contratado novo para papeleo. Logo a Xunta de Galicia di que non atopa veterinarios para facer as campañas de vacinación pola lingua azul, por exemplo, non sei de onde imos sacalos?", pregúntase. 

Desde o Sindicato Labrego denuncian a dificultade dunha renda digna, a burocratización da PAC, feita moitas veces á medida de producións agroindustriais e para exportación. Nas mobilizacións convocadas nestes días, Isabel asegura que ven moita xente de fóra do sector, así como demandas que non responden aos problemas da agricultura ou gandería galega. "Defendemos unha renda digna, queremos alimentos saudables para o conxunto da sociedade, coidar o territorio e manter a calidade de auga que logo bebemos", reivindica. 

A secretaria deste sindicato sinala ás organizacións da ultradereita e incide: "Tampouco nos debemos deixar enganar por esos cantos de serea". "Hai que facer reivindicacións razonables para o sector e dirixirnos con claridade ás institucións que teñen a capacidade de decidir isto, Xunta de Galicia, Ministerio e en Europa a parte que corresponde. Dito isto, España é un país no que cada quen é libre de manifestarse", conclúe. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta