Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/02/2024 | Actualizada ás 22:15
Como o escoitades. Aínda que estes partidos políticos non poidan ser máis diferentes entre si (sobre todo o PPdeG con respecto ao PSdeG e ao BNG), hai algo que os tres teñen en común: un 'slogan'. E é que semella que os de marketing non se comeron moito a cabeza co tema: 'É o momento' e variantes moi semellantes repítense ao longo dos anos nas eleccións galegas coma se dun mantra se tratase. Algo debe ter de especial para que a cabeza sempre se dirixa cara ese lema. Mesmo a Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome o empregou nas eleccións municipais do 2015. Dende o Galicia Confidencial contámosche en que momento foi usado ese 'slogan' por cada partido político.
Todo comezou co PPdeG de Feijóo, nas primeiras eleccións ás que se presentou como candidato á Xunta de Galicia, no ano 2009. Alí o agora líder nacional do PP levaba como lema 'Chegou o momento', acompañado dunha canción baixo o mesmo título composta por Los Limones. A el seguiríalle o PSdeG de Pachi Vázquez, que no 2012 tamén se presentaba ás eleccións galegas cambiando o 'Chegou o momento' de Feijóo polo 'É o momento', engadíndolle debaixo a apostila de 'Galicia decide', para rematar unha canción composta polas Xuventudes Socialistas xunto a varios artistas galegos titulada 'Prezo aos corazóns'.
Logo habería que esperar ata este pasado ano 2023 para volver ver o 'slogan', neste caso nas eleccións xerais, onde Feijóo encabezaba a candidatura do Partido Popular fronte a Sánchez recuperando o seu primeiro lema usado en Galicia e que lle valera para acadar a maioría absoluta: 'Es el momento', rezaban os carteis propagandísticos. E xa agora, nestes comicios de 2024 para os que nada queda, dende o BNG déronlle unha nova volta ao mesmo significado coa campaña: 'Agora!', que na propia páxina do partido se anuncia baixo o título de 'É o momento!'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.