Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2024 | Actualizada ás 14:42
Case 600 participantes no IV edición do programa '21 Días co Galego e +', impulsado pola Xunta nunha decena de centros educativos, acudiron este mércores a unha xornada celebrada na Cidade da Cultura, en Santiago, para conmemorar o Día Internacional da Lingua Materna. Nesta reunión lúdica e didáctica, presentada polo músico Pakolas, participaron o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, así como o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes.
Rodríguez reivindicou "o éxito" da iniciativa '21 Días co Galego e +', coa que "entrega tras entrega" a Xunta pretende "seguir axudando" a que o idioma propio de Galicia "sexa un elemento máis do día a día da mocidade". Neste contexto, o conselleiro en funcións destacou que "a mellor forma" de manter viva unha lingua xeración tras xeración "é empregándoa desde a infancia". Así, cre que o sistema educativo debe ser un "garantizador para que os nenos teñan destrezas e competencias nas dúas linguas", castelán e galego, que se deben usar "en absoluta liberdade", dixo.
Non en balde, Román Rodríguez aproveitou para reivindicar que Galicia é a comunidade autónoma na que hai "un maior coñecemento" da lingua propia. Nesta xornada na Cidade da Cultura, alumnos, profesores e coordinadores dos equipos de dinamización de lingua galega dos dez centros escolares participantes nesta edición de '21 Días co Galego e +' puideron gozar de música, bailes, monicreques, xogos tradicionais e contos que eles mesmos prepararon para este encontro.
En concreto, neste curso participaron no programa os colexios CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), CEIP de Prácticas López Ferreiro (Santiago de Compostela), CEIP Plurilingüe da Ramallosa (Teo), CEIP Plurilingüe de Nadela (Lugo), CEIP Frei Luís de Granada (Sarria), CEIP O Couto (Ourense), CEIP Ramón Otero Pedrayo (O Barco de Valdeorras), CEP Campolongo (Pontevedra), CEIP Plurilingüe García Barbón (Vigo) e CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.