Galiartesán- Álvaro Pin, o rapaz zoqueiro: "Se chama a atención que fale en galego, canto máis que faga zocas"

Ten 17 anos e confecciona zocas porque lle gusta levalas, amante declarado dos oficios artesáns e de gadallar.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 03/04/2024 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

Nesta nova entrega da serie 'Galiartesáns e galiartesas', o Galicia Confidencial fai parada no lugar de Barreiros, en Castroverde, máis concretamente na casa de Florencio. O día semella non acompañar chove con ganas e fai frío, pero ao chegar á leira recíbenos un rapaz vestido co seu xersei de lá, unha chaqueta sombre os hombreiros, cunha vara e o máis importante, cunhas zocas nos pés. Ten de nome artístico, Florencio de Barreiros, pero é coñecido como Álvaro Pin, o mozo zoqueiro. Convídanos a coñecer o seu taller e o primeiro que chama a atención son as múltiples zocas colgadas dunha parede. "Florencio era o meu tataravó e a casa é del, no lugar de Barreiros, e de aí o nome", coméntanos Álvaro, que comezou a facer zocas porque atopara unhas "zoquiñas tiradas na pendella" e foi meter os pés dentro e andar con elas, e querer ter unhas. O curioso é que non lle vén de familia, non hai zoqueiros nin zoqueiras, houbo nesta casa "ebanistas" e "por parte de nai, menciñeiros e dentistas, máis que nada".

Álvaro Pin no seu taller
Álvaro Pin no seu taller

Agora ten 17 anos, pero fixo a súa primeira zoca con 14 anos no 2021. "A primeira fíxena cunhas trenchas que había por aí e pouco máis, despois xa me fun facendo coa ferramenta para ir mellorando". Aprendeu á base de facer e pasou un tempo na casa dun zoqueiro de Muimenta, Paco Morán, do que recoñece que aprendeu. De feito, precisamente foi aló onde acudiu a súa primeira feira para zoquear. "Foi algo prematuro, aínda non facía ben as zocas e xa xa estaba na feira. A experiencia estivo ben por ver como a xente se alegraba de ver a un zoqueiro novo ou como recordaban aos seus pais ou avós que facían zocas", lembra. A partir de aí, a xente deulle madeira para confeccionar as zocas e xa se xuntou con seis ou sete xogos de ferramentas de zoqueiro. "Estou moi agradecido e ben servido", di cun sorriso. 

COMO SE FAI UNHA ZOCA? 

Despois de falar un pouco con Álvaro, decidimos pasar ao importante e xa no gastallo coa cuña, comeza a explicar como se crea unha zoca. Primeiro, a madeira, expresa que preferiblemente de bidueiro porque "é a mellor e cando as acabas quedan todas branquiñas como a neve e moi bonitas", aínda que se usa tamén o ameneiro. Xa na confección, destaca que en primeiro lugar hai que darlle a forma por fóra coa macheta, "o que vén sendo esmaltar esa parte". Despois, unha vez xa ten a forma bruta, coa aixola, outra ferramenta, mellórase cos folpes da macheta para que quede retocada. "Unha vez xa está feita por fóra, métese nun gastallo coa cuña, para que quede fixa, e coa gubia delimitas todo o que vas furar, metes o trade e xa furas toda a zoca ata adiante. Logo cos alegres repasas para que asente ben o pé", explica. Moito vocabulario de ferramentas se aprende con este rapaz, que destaca como máis complicado do proceso que "a zoca non é un zapato liso, entón hai que facerlle todas as voltas que fai o pé para que asente ben". E engade outra dificultade "facer as dúas iguais"

O mozo zoqueiro fai unha aclaración por se hai alguén confundido: "As zocas son todas de madeira á diferenza dos zocos, que foron os que colleron máis auxe e ata estiveron de moda". E que aclara, que as zocas se usaban daquela porque era o que había e que hoxe en día a xente ten a idea de que "son incómodas, mancan moito no pé ao ser de maedira, é unha cousa moi ríxida e dura, que fai callo...". Pois Álvaro que as leva postas semella estar do máis a gusto porque como di "se está ben feita e ten o oco do pé ben asentado, é moi cómoda e quente" e sinala: "É o calzado máis sano que hai porque ao estar en contacto o pé cos carpíns de lá, que son os calcetíns cos que se levan as zocas, e máis a zoca de madeira, vai moi ben para a circulación". 

"SIMPLEMENTE QUE HOXE UN RAPAZ FALE GALEGO, XA CHAMA A ATENCIÓN"

Álvaro Pin ou o Florencio de Barreiros é consciente de que non o típico mozo galego desa idade, na que un pensa nos deportes ou nas redes sociais como entretemento: "Supoño que chamar chama a atención porque xa simplemente hoxe ver un rapaz que fale galego, xa chama a atención, así para canto máis, que faga zocas ou que as leve, pouco máis hai que dicir". Porén, na súa contorna xa non se sorprenden e están afeitos. Estuda primeiro de bacharelato en Lugo no IES Xoán Montes, e recoñece que a algún compañeiro lles resulta curioso. Fai zocas por gusto e por que non se perda a tradición, xa que confesa que "é un saber moi valioso e non tiña que perderse, outra cousa é que non llo deamos". 

Neste sentido, como mozo que teóricamente fai un oficio asociado á xente maior, ten máis dunha anécdota: "Inconscientemente parécelles que por ser eles vellos que saben máis e, claro que saben máis, pero ao preguntarlles: 'neste ámbito, cantas zocas fixo? Eu non fixen nada, e cantas viu facer? Ningunha'. Pois entón que me vén contar. Ben sei que non son un experto e que aínda as podo mellorar moito e teño que melloralas moito, pero algo vou sabendo despois de todas as que levo feito"

AO SON DA TROMPA DECLARADO FAN DO OFICIO ARTESÁN

Durante a visita, no seu taller non só ensinou as múltiples zocas que fixo, das que ao principio levaba unha conta e ía anotando un pau por cada par que facía, pero agora xa non sabe cantas leva. Tamén se vestiu co carapucho feito por el de xuncos, e explicaba que iso era o mellor que había para a choiva. Pón en valor o oficio artesán e di que non se debería de perder ningún. "O de cesteiro gústame e áinda fago algo para a casa, así como o de teitador, fago cestas de varas, de brengas, de palla, carapuchos de xuncos para  a auga, polainas, cazos, culleres, un pouco de todo". E por se isto fose pouco, tamén ten colmenas, horta e "bichería" e declárase fan "de gadallar".  

Antes de marchar, sorprendeunos cun instrumento do máis curioso, que se chama trompa ou birimbau en castelán. "Era da zona da Fonsagrada e por aí din que apareceu da terra un ferro mentres dous irmáns estaban arando, supoño que xa era dos celtas e copiáronno. Por aló houbo moita xente que o tocou", conta Álvaro. A que el ten na man non vén de alí, senón de Brión, onde tamén se fai. E como se toca iso? "Segundo poñas a lingua nun lado ou outro xa cambia a nota e para facelas tal cal iguais, hai que probar moito. Ao poñelo na boca amplía o son, dar doulle unha vez pero soan dúas, no caso da muiñeira".

Animouse a tocar un pouquiño e ao rematar confesa que aprendeu con gravacións e a base de práctica, como todo o demáis. Se tivese que dar un consello para alguén que queira aprender a facer zocas, di: "Se é xuzgado que non lle faga caso a quen o xulga, que pense o que ten que pensar el, e que non ten nada que perder tampouco, se non fai a zoca ben, xa ten unha estela para o lume, que foi o que gañei eu ao principio e, se lle sae ben, xa ten unha zoca e pode ir mellorando unha detrás da outra, igual que a zoca cincuenta mil cousas". Falando de lume, co frío que facía, Álvaro marchou para detrás da lareira e o Galicia Confidencial continúa a súa andaina na procura de amantes e expoñentes da artesanía como este rapaz. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta