Aberto o prazo de alegacións ao impacto ambiental da biofábrica de fibras téxtiles Altri, en Palas de Rei

Usará como materia prima máis dun millón de metros cúbicos anuais de madeira de eucalipto. Ecoloxistas en Acción pedía denegar esta iniciativa que "ocupará tanto terreo como a extensión de Santiago de Compostela" e "precisará dun consumo diario de auga superior" á que emprega "toda a poboación de toda a provincia de Lugo no mesmo día".

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 04/03/2024 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

A Xunta somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA) e a declaración de utilidade pública da futura fábrica de fibras téxtiles que a compañía lusa Altri proxecta no municipio de Palas de Rei, que contará cun investimento de 900 millóns de euros na súa primeira fase.

Segundo informa a Consellería de Economía no Diario Oficial de Galicia (DOG) este luns, poderanse presentar alegacións durante o prazo de 30 días (a partir deste martes, 5 de marzo) sobre esta planta que está impulsada por Greenfiber (con domicilio social en Pontevedra), a sociedade de Altri que se encargará de desenvolver o proxecto da primeira biofábrica de fibras téxtiles en España a base de celulosa.

O Consello da Xunta declarou este proxecto industrial como estratéxico en decembro de 2022. A finais de 2023, a compañía presentou a documentación necesaria para a tramitación da autorización ambiental. Todo iso mentres diferentes entidades ecoloxistas alertaron nos últimos días do impacto ambiental que suporá estas instalacións.

De feito, a Plataforma da Ría de Pontevedra tachaba de "inaceptable" (ao presentar alegacións ante Augas de Galicia a pasada semana) que se someta a exposición pública o proxecto de captación de auga de forma separada ao proxecto industrial da pasteira portuguesa. Adega denunciaba que a captación solicitada por Altri para a planta de Palas provocará "problemas de abastecemento", á vez que Ecoloxistas en Acción pedía denegar esta iniciativa que "ocupará tanto terreo como a extensión de Santiago de Compostela" e "precisará dun consumo diario de auga superior" á que emprega "toda a poboación de toda a provincia de Lugo no mesmo día".

CARACTERÍSTICAS DO PROXECTO

Segundo detalla a descrición do proxecto, a industria estará asentada na Leira de Quintas, na Vacariza, parroquia de Remonde, no Concello de Palas. Ademais, os municipios de Melide e Santiso, así como Agolada tamén se verán afectados as infraestruturas necesarias. A planta terá unha capacidade de produción de 400.000 toneladas métricas de pasta secada ao aire anuais (ADt/ano) e de 200.000 toneladas de lyocel (tecido artificial e ecolóxico fabricado a partir de pasta de madeira de eucalipto, que se desenvolverá nunha fase inicial cunha produción de 250.000 ADt/ano de celulosa e 60.000 toneladas ao ano de lyocell. Como materia prima básica usaranse 1,2 millóns de metros cúbicos anuais de madeira de eucalipto.

Entre outras áreas da factoría haberá: preparación de madeira, liña de fibra, instalacións de produción de enerxía eléctrica, secapastas, así como plantas de recuperación, produción de osíxeno e ozono. Os elementos de combustión contarán cunha caldeira de recuperación (500 megawatts térmicos), unha caldeira de biomasa (250 megawatts térmicos), ademais de turboxeradores, forno de cal e caldeira de emerxencia.

Sobre o consumo de auga, inclúe un sistema de captación no encoro de de Portodemouros, municipio de Agolada, cun caudal de 46.000 m3/día. Haberá unha estación de bombeo, unha estrutura flotante e prevese captar auga potable de pozos da Leira de Quintas e do río Ulla, entre outras cuestións. Para a subministración eléctrica, está proxectada unha liña soterrada de máis de 9 quilómetros de lonxitude, con orixe na subestación de Melide, que transcorre tamén por Palas e Santiso.

E acerca das verteduras, estipúlase que as augas residuais xeradas trataranse nunha estación de tratamento de augas residuais industriais con caudal de vertedura de 30.000 metros cúbicos por día. Outras intervencións que se inclúe neste anuncio asinado polo secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez Iglesias, pasan pola creación de accesos provisionais, con conexión por camiños ás estradas N-547 e LU-P-4001, mentres o acceso á autovía A-54 non está operativo.

OUTROS ESTUDOS DE IMPACTO AMBIENTAL

Por outra banda, o DOG deste luns publica outros anuncios da Xunta nos que saca a información pública as autorizacións previa e de construción, así como o estudo ambiental, do proxecto do parque eólico de Barreiros I, situado nos municipios lucenses de Barreiros e Ribadeo. Impulsado por WPD Tecnorenova, contará cunha potencia instalada de 49,5 megawatts, unha instalación de 11 aeroxeradores e un investimento de case 44 millóns de euros. Noutra orde de cousas, o Goberno galego somete a información pública o proxecto de instalación de almacenamento de produtos petrolíferos no porto exterior de Ferrol, promovido por Terminal de Líquidos Ferrol SL.

Aspecto dunha leira tallada de piñeiro entre dúas grandes masas de eucalipto na Fonsagrada
Aspecto dunha leira tallada de piñeiro entre dúas grandes masas de eucalipto na Fonsagrada | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta