Esther, enxeñeira técnica de minas: "Na miña primeira entrevista dixéronme que tiña un problema: era muller"

"Soltoumo así e aí foi cando caín na conta de que ía ter un verdadeiro problema para atopar traballo", confesa Esther, que asegura que mesmo cando dende unha empresa de Ourense lle deron a oportunidade, "non podía crelo" e, antes de viaxar, "insistíalles en que era muller", coma se lle quedase ese trauma da primeira entrevista. Galicia Confidencial continúa contando historias de mulleres valentes que deron o paso saltando os estereotipos sociais e os roles de xénero.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/03/2024 | Actualizada ás 20:58

Comparte esta noticia

A serie do Galicia Confidencial con motivo do 8M continúa descubrindo mulleres que se adican a traballos que a día de hoxe están monopolizados por homes. Hoxe é a quenda de coñecer a Esther, unha enxeñeira técnica de minas que leva toda a vida nesta profesión, pois naceu xa rodeada de mineiros, nun pequeno pobo asturiano onde practicamente toda a xente vivía da mina e leva máis de 30 anos exercendo na comunidade galega, motivo polo que "xa son como galega de pura cepa". Esther explícanos o seu traballo de forma fácil: "Cando saes á rúa e miras ao redor, todo o que ves, agás árbores e papeis, son minaría, dende un coche ata un edificio; en Galicia a minaría explota principalmente pizarra e granito, e esas materias primas sácanse das canteiras, despois machácanse nunha fábrica e o resultado final son produtos variados que se mesturan con outros aditivos para facer formigón, aglomerados... cos que logo se fan vivendas, estradas e todo tipo de infraestruturas".

Esther, enxeñeira de minas
Esther, enxeñeira de minas | Fonte: Cedida

"A día de hoxe para todo o que te imaxinas precisas da minaría, todo vén da terra, de todos os minerais que hai na terra", asegura, poñendo como exemplo "os propios teléfonos móbiles, que non serían posibles sen a minaría, pois levan moitos compoñentes que non se poderían extraer sen minaría". No seu lugar de traballo, na Coruña, o que máis abunda é o granito, e con el o que máis se fan son áridos para estradas ou edificios. Comezando polo principio, "a minaría é algo que a min venme de herdanza, non o de ser enxeñeira técnica como tal, senón a minaría en si, porque a miña familia, o meu pai e o meu avó, xa eran mineiros en Asturias, e no pobo no que nacín tamén parte da xente era mineira", cóntanos Esther. Si que é certo que as novas xeracións se achegaban xa a outras profesións como médicos ou avogados, pero "no meu caso eu sempre quixen estudar isto, algo que meus pais non agardaban, pois eles esperaban que eu estudase maxisterio, medicina, historia ou calquera outra cousa menos esta".

Tanto é así que confesa que "o meu pai disgustouse un pouco cando me matriculei en enxeñaría de minas, porque pensaba que ía estudar moito para non exercer". A pesares diso, e "como sempre me dixeron que estudase o que quixese e o que me gustase", "a min gustábame isto", así que decidiu ir a por todas. "Gustábanme as ciencias, as matemáticas, a química, a física, o debuxo liñal... E cando fun coas miñas amigas a matricularme de algo, creo lembrar, relacionado coa empresa, e vin que non había ningunha asignatura das que me gustaba dixenme 'non, eu teño que estudar unha enxeñaría'", recorda Esther. E aínda que nun principio ía estudar unha enxeñaría industrial, rematei por meterme en minas, pensando que se polo que fose non me remataba de gustar, tiña tempo de cambiar. Cal foi a súa gran sorpresa cando "ao entrar na clase vin que de 100 persoas só eramos catro rapazas". "Dábame igual, pero chamoume moito a atención", lembra.

"ERAMOS NA CLASE CATRO MULLERES ENTRE OS 100 ALUMNOS DE ENXEÑARÍA"

Por sorte, a nivel de formación, asegura que nunca houbo comentarios nin miradas nin discriminación polo feito de ser muller por parte dos seus compañeiros. "Os rapaces da nosa idade pensaban que estudabas iso ou ben porque che gustaba, ou porque tiñas unha inquietude, ou porque querías facelo, ou porque che mandaban teus pais... non che xulgaban", asegura. Aínda que na súa clase non só había rapaces da súa idade, de 18 e 19 anos, senón tamén traballadores da propia mina que, á vez que traballaba na mina, facían unha enxeñaría, polo que tiñan máis idade, chegando a superar os 30. "Era algo que tamén che chamaba a atención, porque con 20 anos, vías á xente de 30 moi maior, con moita diferenza de idade", conta.

O máis extraño que viviu durante o tempo de formación foi cun profesor. Durante as primeiras semanas "non pasou nada", pero chegou un momento en que os separaron en clases para reducir o número de alumnos por aula e, "a primeira vez que entrei na clase de matemáticas, como sempre fun das que me gustaba estar sentada adiante se tiña interese polas materias, o profesor entrou, viume e fíxome unha pregunta que me chamou moito a atención: díxome que que facía eu alí, mirando a hora; serían como as tres e media ou catro da tarde, así que eu díxenlle que viña á clase, e el díxome: é hora de que esteas fregando cacharros". "Eu quedeime branca, ti imaxínate, eres unha rapaza", lembra Esther que tamén asegura que "non me pasou máis, foi só unha vez, logo xa tratei de pasar máis desapercibida, sentarme máis atrás e non o volveu facer, pero tampouco ninguén lle dixo nada, porque naquela época as cousas eran distintas".

"SAIU UNHA OFERTA DE TRABALLO QUE NINGUÉN QUERÍA, PORQUE ERA EN OURENSE, MOI LONXE DE ASTURIAS, ASÍ QUE CHAMEI EU"

Tan distintas que a súa primeira incursión no mundo laboral, a comezos da década dos 90, deixoulle claro que ser muller ía ser un problema para adicarse ao oficio. "Na primeira entrevista de traballo que tiven eu era a única muller entre todos os candidatos, e a entrevista foime xenial, tocoume cun avaliador moi agradable, pero ao final da entrevista díxome que todo estaba perfecto pero que tiña un único problema", lembra. "Eu pensei que era a falta de experiencia e como estaba convencida de que ía dicir iso, e contra iso era difícil loitar, pregunteille se era por iso, e díxome que non, que iso lle daba igual, que o problema era que era muller", conta Esther, que asegura que "soltoumo así e aí foi cando caín na conta de que ía ter un verdadeiro problema para atopar traballo". E era nese momento ou nunca, pois tiña a oportunidade de que "na miña época os rapaces terminaban de estudiar e moitos aínda tiñan que facer a mili, porque pedían un permiso para poder estudar e logo completar a formación militar, así que eu tiña que atopar traballo antes de que volvesen os meus compañeiros de promoción".

Pasaban os meses e non había maneira de atopar nada, así que despois desa entrevista na que parecía que ía entrar pero finalmente non polo simple feito de ser muller, Esther, "desesperada", decidiu estudar unha oposición, adicarse xa un pouco a outras cosas e pasar un ano na Universidade de Oviedo, da que saiu como colexiada, momento no que xa lle saían algunhas ofertas e lle dicían de contactar con certas empresas. Foi así como "saiu unha oferta de traballo que ninguén quería, á que ninguén chamaba, porque era en Ourense, moi lonxe para os asturianos, era case como saír ao estranxeiro", chancea. Entón "chamei por teléfono e comentáronme as condicións e decidín viaxar para que me coñecesen e eu coñecelos, sempre insistíndolles por teléfono en que eu era muller". A pesares de que os ofertantes de emprego lle dicían que iso era algo que lles daba igual, era tiña tal mala experiencia que non podía crelo, así que, "aínda que lles dicía tamén outras cousas como que era nova no traballo, sempre remataba por recalcarlles o de que era muller".

"O XEFE TIÑA DOUS FILLOS DA MIÑA IDADE, E OS MEUS COMPAÑEIROS PENSABAN QUE EU TAMÉN ERA FILLA DO XEFE"

Por sorte, todo foi ben e despois de levar tres días coñecendo á xente de Ourense, dende a empresa pedíronlle que se animase a aceptar o posto e virse para Galicia e así o fixo, aínda que "aínda non podía crerme que me deran a oportunidade". "Hoxe en día isto xa non é un problema, pero naquel momento o verdadeiro problema estaba en conseguir que che desen a oportunidade, porque unha vez que ma deron quedeime catro ou cinco anos traballando para eles e logo cambiei para outra empresa na que estiven outros catro ou cinco anos, e xa non tiven problemas", explica Esther, que considera que "a xente vai evolucionando e aos empresarios de hoxe dalles igual que o empregado sexa home ou muller, o que queren é a persoas que teñan capacidades e sexa comprometidos co traballo, ademais de persoas nas que poder confiar".

Así comezou o seu traballo neste sector. "Eu comecei máis ben no sector da construción vinculado á minaría, en empresas que tiñan explotacións mineiras de onde sacaban material para logo as construcións, entón eu levaba a explotación mineira e logo facía topografías, marcaxes... Entón no meu posto era moi chamativo ver unha muller", apunta esta enxeñeira técnica. Ademais, confésanos unha anécdota que lle serviu moito para non ser discriminada polo feito de ser muller: "Na primeira empresa na que traballei o xefe tiña dous fillos da miña idade, un un pouco máis maior e outro un pouco máis novo, e como eles eran de León e falaban castelán e eu tampouco falaba galego, pensaban que era filla do xefe, entón vían máis normal que fose unha muller traballando na minaría". Así, "tratábanme moi ben, e non se enteraban de que iso non era verdade ata máis adiante", sorrí Esther lembrándose deses momentos.

"POÑÍANME ALGÚN MOTE, PERO DE XEITO INOCENTE, NUNCA ME FALTARON AO RESPECTO"

Ao preguntarlle se se sentiu, despois diso, violentada nalgún momento por comentarios ou miradas dos seus compañeiros no traballo, Esther confesa que, "neste sentido, o galego é máis reservado, diante de ti non che dí nada, aínda que imaxino que por detrás si falaban, pois cos anos entereime de que tiña motes, pero o asturiano é máis directo, dicho á cara, é máis cruel". De feito, explica que "eu tamén traballei na minaría interior en Asturias, fun das primeiras mulleres enxeñeiras que chegaban á minaría interior de carbón da comunidade e aí si que tiven momentos moi difíciles, cousas que hoxe en día e sinxelo denunciar pero que naquel momento era moi complicado e coas que tiñas que ter moita man esquerda para que non che superasen, tratamentos moi fortes". Ese foi outro dos motivos que a levou a quedarse en Galicia, porque "aquí sempre me sentín ben profesionalmente" e, máis aló dalgún que outro mote, non tivo problemas.

Ademais, sobre o tema dos motes ou apodos, puntualiza que "eran máis ben cousas inocentes". Por exemplo, anos despois enterouse de que a chamaban Pamela, e era "porque levaba como un gorro destes que teñen moita pamela, así que eles dicían: aí vén Pamela; e eu non sabía que era por min". "Tamén tiven outros motes, pero eran como moi inocentes, non para faltar ao respecto, nunca os vín como algo negativo ou para faltarme ao respecto", asegura, engadindo que "aínda que puidesen dicir outras cousas, eu non as chegaba a saber, así que tampouco me afectaban". E é que, no seu caso, como adoita suceder, aínda que facilmente podería atopar traballo axudada polos seus pais, que xa estaban dentro do sector da minaría e tiñan contactos, "non quería que me axudasen, quería demostrar que podía conseguir traballo coas miñas capacidades e non porque tivese enchufe". "O escapar daquelas situacións tamén foi o que me fixo ter varias decepcións", apunta, aínda que sen arrepentirse.

"CALQUERA MOZA QUE QUEIRA SER ENXEÑEIRA TÉCNICA DE MINAS, SE QUERE, PODE SELO, COMO QUEIRA E CANDO QUEIRA, SÓ TEN QUE POÑERLLE GANAS E FACELO"

Por sorte, hoxe en día cre que as cousas dentro do seu sector están cambiando e cada vez entran nel máis mulleres enxeñeiras, aínda que "cando vou a unha explotación mineira o normal é que nela sexan todo homes, a non ser que falemos de mulleres que están na báscula ou na oficina". Como curiosidade, conta que "chamoume a atención cando no ano 2000 fun a unha voladura porque un compañeiro non puido ir e fun no seu lugar e atopeime alí con catro artilleiras, catro mulleres artilleiras no ano 2000", algo totalmente atípico. Actualmente, apoia que cada moza "estude o que lle gusta e, se lle gusta calquer tipo de enxeñaría, neste caso a minaría".

E diríalle que "se ten medo porque considera que é un traballo de homes, que se quite iso da cabeza, porque antes os empresarios que me contrataban a min eran maiores, agora son máis novos e xa teñen outra mentalidade". Así as cousas, Esther amósase convencida de que para facer o seu traballo "non se trata de ser homes nin mulleres, trátase de ser persoas e de saber facer as cousas". E, neste sentido, está convencida de que "calquera moza que queira ser enxeñeira técnica de minas, se quere, pode selo, como queira e cando queira, e o único que ten que poñerlle é ganas e facelo, nada máis".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Viva

Sí, es mujer, es un problema