Por Europa Press / Redacción | MADRID | 09/03/2024 | Actualizada ás 12:32
O grupo parlamentario de Junts expuxo no Congreso un cambio legal para poder utilizar o catalán e as demais linguas cooficiais nos órganos xudiciais con xurisdición en todo o Estado, como a Audiencia nacional e o Tribunal Supremo. Trátase dunha emenda rexistrada ao proxecto de Lei Orgánica do Dereito de Defensa, á que tivo acceso Europa Press, na que se engade un artigo novo para garantir que "todas as persoas, físicas e xurídicas teñen o dereito a utilizar calquera das linguas oficiais das comunidades autónomas nos órganos xudiciais que teñan xurisdición en todo o Estado".
Conforme á Lei de Demarcación e Planta Xudicial considéranse órganos xudiciais que teña xurisdición en todo o Estado o Tribunal Supremo, a Audiencia Nacional e os Xulgados Centrais de Instrución, do Penal, do Contencioso-administrativo e de Vixilancia Penal, así como o Xulgado Central de Menores.
DEREITO DE DEFENSA
Na súa xustificación, Junts alega que a Audiencia Nacional é un órgano especializado por razón da materia, que opera como extensión do xuíz natural do lugar de execución do feito, e en consecuencia entenden que, "para dotar de eficacia plena ao dereito de defensa persoal", ten que facilitarse o uso das linguas cooficiais no territorio.
Ao seu xuízo, hai que "atender á incidencia que a condición de falante dunha lingua cooficial ten no desenvolvemento do xuízo penal, no desenvolvemento da proba, en especial no interrogatorio do acusado e no dereito á última palabra". No xuízo do procés, que tivo lugar no Tribunal Supremo, as defensas dos acusados pediron intervir en catalán con tradución simultánea nos interrogatorios, pero o tribunal que presidía Manuel Marchena só permitiu a tradución consecutiva.
INTÉRPRETE NOS XUÍZOS
Noutra emenda, Junts tamén quere asegurar o dereito a intérprete ou tradutor de linguas cooficiais nos xuízos: "O xurado ou o tribunal porá a disposición da persoa física ou xurídica (xa sexan as partes, os seus representantes e os que os dirixan, así como as testemuñas e peritos) intérpretes e/ou tradutores", recolle o texto rexistrado. Para os independentistas cataláns, "é necesario pór énfase no dereito de utilizar a lingua coa que é máis cómodo e fácil defenderse, diante de calquera tribunal", aínda que admite que "sempre estaría suxeito ao criterio do tribunal ou o xuíz competente do asunto".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.