Xa non será sinxelo facer pasar por tenreira ou viño galegos produtos que non o son: Bruxelas toma medidas en Internet

Selos como Tenreira Galega e Augardentes e Licores de Galicia avogan por protexer aos consumidores da "picaresca" e produtos "pirata".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2024 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

Indicacións Xeográficas Protexidas (IGP) de Galicia valoran que a Eurocámara apoiase recentemente dotar de maior protección para estes selos de produtos agrícolas, viño e bebidas espirituosas. Entre outras cuestións, apóstase por atallar o uso ilegal en internet e regúlase o uso dos indicativos cando se trata dun ingrediente nun produto procesado.

Nunha entrevista con Europa Press, o presidente do consello regulador das indicacións protexidas de carne de vacún de Galicia, Jesús González, aplaude que "todo son medidas orientadas a dar máis transparencia e seguridade ao consumidor". Así, o responsable de Tenreira Galega remarca que esta modificación "vai en sentido de que se abran novos sistemas de comercio co tema do mundo dixital". Aquí reflexiona acerca de que era "imprescindible" regular as vendas por internet para evitar "picaresca comercial".

Igualmente, cre que "é bo que se permita" que algunhas industrias poidan facer elaborados con "produtos de máxima calidade" e sinala que para iso deben aparecer os ingredientes, co que "trasladar ao consumidor materias primas dunha calidade recoñecida e protexida con todas as normativas que hai". Pon o exemplo de que se unha hamburguesa "se fai con carne certificada, que poida pór que é con carne elaborada de Tenreira Galega, unha demanda que se foi facendo cada vez máis maioritaria".

MEDIDAS DO PARLAMENTO EUROPEO

O regulamento adoptado a finais de febreiro (con 520 votos a favor, 19 en contra e 64 abstencións) protexe o IGP tanto offline como en liña, outorga máis poderes aos seus produtores e simplifica o proceso de rexistro dos produtos agrícolas. O texto da nova norma recolle unha serie de medidas para garantir unha mellor protección deste selo de calidade tamén no comercio en liña como a disposición para garantir que todos os dominios web que abusen do nome dun IGP se pechen automaticamente ou se asignen a un grupo de produtores que si a usa legalmente.

Para axudar con esta tarefa, a Oficina de Propiedade Intelectual da UE deberá establecer un sistema de alerta que controle o rexistro de nomes de dominio. As novas normas tamén definen que un IGP que designe un produto utilizado como ingrediente só poderá utilizarse no nome, a etiquetaxe ou a publicidade dun produto procesado cando o ingrediente se utilice en cantidades suficientes para conferir unha característica esencial ao produto final. A porcentaxe do ingrediente deberá indicarse na etiqueta e os produtores deberán notificalo a unha agrupación recoñecida que poderá emitir recomendacións sobre o uso correcto do IGP.

Os produtores de IGP tamén poderán previr ou contrarrestar calquera medida ou práctica comercial que vaia en detrimento da imaxe e o valor dos seus produtos, incluída a desvalorización das prácticas de mercadotecnia e a redución dos prezos. Outra novidade pasa porque o nome do produtor aparecerá xunto á indicación xeográfica na embalaxe. A Comisión seguirá sendo o único supervisor do sistema de IGP, pero reduciuse o tempo límite que ten o Executivo comunitario para introducir os novos rexistros de seis a cinco meses, a fin de acurtar trámites burocráticos.

CONTROL DA FRAUDE

Unha cuestión sobre a que chama a atención o presidente do IGP de Tenreira Galega explica que "o mercado evoluciona" e a "regulamentación tamén ten que evolucionar", aínda que lamenta que "vai un pouco lenta". E é que "xa fai tres ou catro anos tíñase que delimitar" o comercio por internet. E é que se queixa de que con "certa frecuencia" hai quen quere aproveitarse e facer pasar por Tenreira Galega produtos que non o son. Para iso están uns consellos reguladores que velan por vixiar que o produto reúna todos os requisitos que están no regulamento que o definen e por controlar calquera uso fraudulento ou "con picaresca comercial". Unha problemática que, "se non as atallas, vai crecendo".

Ve crucial "controlar que produtos que están no mercado non utilicen o nome da denominación se non cumpren os requisitos que teñen que cumprir", xa que "hai determinados operadores que pretenden beneficiarse dun nome que ten un prestixio", con casos que xa houbo que denunciar, algo que pode volver pasar por algún "oportunista" que "non quere pasar por esixencias de control e facer unha produción barata".

En concreto, un total de 8.270 explotacións están amparadas baixo o selo de Tenreira Galega e abarca a 100 industrias e comerciais. Pode atoparse en 1.675 puntos de vendas autorizados. Certifica máis de 100.000 canles (corpo do animal despois de ser sacrificado e eviscerado), o que supón un valor económico de máis de 160 millóns de euros.

Nesta liña, o presidente do consello regulador das indicacións xeográficas de Augardentes e Licores de Galicia, José Antonio Feijóo, considera que "a protección da lexislación europea era e é suficiente". "O que falla é facela efectiva en España e protexer, de verdade, os produtos con selo de calidade desde todas as administracións implicadas", opina. En declaracións a Europa Press, o responsable do IGP de Augardentes e Licores sinala que "hai que loitar contra os abusos das empresas que están fóra das indicacións xeográficas e que vulneran a legalidade para facerse pasar como un produto con garantía de orixe, evitando así unha fraude ao consumidor".

"Debería de impedirse a posta no mercado das augardentes e licores que nas súas etiquetas pon que son galegos e non o son. Partimos da premisa de que os auténticos augardentes e licores de Galicia xa están amparados polo consello regulador, o resto de beberaxes que se queren facer pasar por caseiros non son máis que destilados piratas, fóra da lei, sen ningún tipo de control sanitario nin económico. De aí, a necesidade de facer cumprir a lei en España para defender ao consumidor ante a fraude", expón José Antonio Feijóo.

Tenreira Galega de Lavaca
Tenreira Galega de Lavaca | Fonte: LAVACA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta