Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2024 | Actualizada ás 20:43
Espazo Común, a formación que lidera o ex-socialista Pachi Vázquez no Carballiño, reclama que o rexedor municipal da vila, Francisco Fumega, levantou un reparo do interventor para pagar con diñeiro público unha factura de 400 euros "nun restaurante de Madrid".
Desde a formación, sinalan que o tenente de alcalde, Manolo Dacal, tivo "unha reacción airada" no pasado pleno cando lle preguntaron por esa factura "dunha comida nun coñecido restaurante madrileño con estrela Michelín", o que, indican, "fala do desnorte do grupo de goberno socialista". "A única resposta que se lle ocorreu foi que eses gastos son do ano pasado", esgrimen no comunicado no que afean que "non é xustificación suficiente para ese dispendio, para darse unha homenaxe".
Indican que a factura dos gastos son de xaneiro do 2023 e critican que "probablemente polas eleccións municipais" foi rexistrada moito despois, o 29 de decembro de 2023, "dous días antes de que terminase o prazo".
"Se o señor Dacal pensa que o problema é que a oposición faga preguntas, deixa claro que despois de dezasete anos sabe moi pouco de democracia", afirman desde Espazo Común, onde van a máis e critican "os seus comportamentos noutras sesións plenarias, insultando entre dentes aos concelleiros doutros partidos por facer o seu traballo".
"DARSE UNHA HOMENAXE"
Así pois, para o partido, o tenente alcalde "decidiu darse unha homenaxe a conta dos veciños na súa visita a Fitur do ano 2023" e despois "esconder a factura ata decembro", polo que piden explicacións ao rexedor municipal e ao propio tenente de alcalde.
Precisamente, o tenente de alcalde, Manolo Dacal, explicou que a viaxe para asistir á Feira Internacional de Turismo en Madrid no ano 2023 tivo un custo total de 800 euros, "entre a ida e volta en tren, coas comidas e co aloxamento dunha soa noite entre dúas persoas", el e o concelleiro de cultura.
"Pasámolo a gastos de protocolo porque así foi", asegurou o tenente alcalde que en relación en concreto á comida explica que foi cun senador e un congresista "no restaurante con estrela Michelín, pertencente a un veciño ourensán, como sinal de agradecemento".
"As dúas persoas coas que comemos influíron moitísimo na área de turismo para a comarca do Carballiño e Ribeiro. Conseguimos dous millóns e medio de euros e ademais un deles traballou moito para que conseguísemos a cualificación de Festa de Interese Turístico Internacional para a Festa do Polbo, así que foi un agradecemento polo seu labor", sostivo.
Así pois, Dacal aclara que "en ningún momento se ocultou" a factura e recoñece que lle "ofende" que "se fale dunha paparota ou unha homenaxe", porque sinala que "esa forma de pensar non cabe na cabeza de ninguén".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.