O BNG pedirá avaliar na comisión do pacto de investidura o impacto do PGE prorrogados

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que os nacionalistas galegos buscan "aclarar ben os termos" de cada un dos acordos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2024 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que os nacionalistas galegos pedirán unha reunión da comisión de seguimento do pacto de investidura de Pedro Sánchez para "aclarar ben os termos" de cada un dos acordos tras a paralización da tramitación dos novos orzamentos, que quedan prorrogados para este ano.

Nunha entrevista en RNE, recollida por Europa Press, Pontón manifestou que o compromiso do BNG por seguir "defendendo no Congreso os intereses dos galegos" e advertiu de que o que ela "teme" é que siga un goberno da Xunta "absolutamente dirixido desde Madrid" e que, no canto de estar a pensar en como situar a axenda galega no Estado, "estea a pensar en como ser útil para a estratexia electoral de Feijóo".

A dirixente nacionalista insistiu en que "hai que pisar o acelerador dos investimentos en Galicia e que o Goberno central ten que cumprir o acordo de investidura, pero tamén atender moitas outras cuestións pendentes".

"Hai un orzamento prorrogado e, por tanto, con ese orzamento, o goberno de Sánchez ten que cumprir cos galegos", manifestou Pontón, quen dixo que pedirán "reunir a comisión de seguimento do pacto de investidura para aclarar ben os termos, prazos e o contido concreto de todos e cada un dos acordos", moitos deles, engadiu, "nin sequera vinculados ás cuestións orzamentarias".

NOVA LEXISLATURA

Ademais, a líder nacionalista referiuse a a constitución do Parlamento este luns para mostrarse "orgullosa" do resultado e expresar o "sentido da responsabilidade" de que "case medio millón de galegos" outorgásenlle o seu apoio á candidatura presentada o pasado 18 de febreiro. "E isto é tamén un plus de responsabilidade á hora de facer oposición", conveu Pontón, quen comprometeu "empregarse a fondo".

A dirixente nacionalista sinalou que "seguen os mesmos problemas que antes do 18 de febreiro", en sanidade, en falta de emprego, en atención ás persoas maiores e despoboamento e "é evidente que as receitas do PP non están a ser efectivas neste ámbito", polo que o Goberno do PP "tamén debe tomar nota de que hai unha sociedade plural" e debe saber que "revalida unha maioría absoluta", pero que "ten que gobernar para todos".

Como avanzou o BNG en rolda de prensa, Pontón é favorable a "auditar todos os contratos que se fixeron durante a pandemia". "Creo que os galegos non entenderían que o PP se negase a esa transparencia e, sobre todo, aclarar se houbo xente no medio dunha pandemia que se estivo enriquecendo de maneira ilícita co diñeiro dos galegos", porque facelo en pandemia podería ser "unha inmoralidade e unha crueldade".

Neste sentido, incidiu na súa aposta pola "máxima transparencia" porque "hai sombras de dúbidas de como se fixeron as contratacións" e que o PP "non ten que ter medo a unha auditoría", polo que se se se nega de novo o BNG "non descarta unha comisión de investigación".

PACTO PARA ELECCIÓNS EUROPEAS

Preguntada por se o BNG xa decidiu se vai reeditar a coalición para as europeas --con ERC e Bildu--, Pontón contestou con que a formación nacionalista destaca o "labor moi importante que está a facer a eurodeputada Ana Miranda, que demostrou ao longo da lexislatura que serve para darlle voz á defensa dos intereses" de Galicia.

"Aínda faltan moitos meses para a celebración desas eleccións e, por tanto, imos actuar sempre desde a convicción de que o que máis interesa a Galicia é que o BNG teña unha voz firme en todos os foros onde se toman as decisións e, evidentemente, o Parlamento Europeo é un deles".

Sobre as resolucións xudiciais que paralizan parques eólicos, Pontón dixo que "un pode estar ou non de acordo coa decisión xudicial, pero están a traspasarse certos límites con algunhas das acusacións que se están escoitando ao longo destes últimos meses en torno ao desenvolvemento eólico en Galicia". "Atácanse tribunais que o que están a dicir unicamente é que se ten que cumprir a lei", manifestou en primeiro termo, para sinalar que é "curioso" o posicionamento do PP a este respecto fronte ao seu discurso sobre o respecto ás decisións xudiciais.

Sobre a cuestión de fondo, apuntou que Galicia "ten un modelo de desenvolvemento eólico que non está a ser planificado, nin consensuado en ningún ámbito e que exclusivamente quere pór a etiqueta verde ao espolio e destrución o territorio". E iso é o que non pode ser, porque temos que aprender dos erros do pasado e non cometelos no futuro", apuntou.

A candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á presidencia da Xunta, Ana Pontón / César Argina - Europa Press  / Europa Press
A candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á presidencia da Xunta, Ana Pontón / César Argina - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta