Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2024 | Actualizada ás 14:51
Unións Agrarias criticou o uso "exclusivamente telemático" das comunicacións por parte da Consellería do Medio Rural relativas ao trámite do 'Rexistro de explotacións avíscolas de autoconsumo'.
Nunha nota de prensa, o sindicato afirma que os propietarios de aves de curral para autoconsumo que optaron pola opción de comunicación 'por correo postal' están a recibir respostas da Consellería "a través dunha caixa de correos dixital en lugar de mediante correo ordinario, tal e como solicitaran".
Explica que é unha situación que se repite en distintas comarcas e que está a crear malestar, "sobre todo entre as persoas maiores que non entenden que despois de toda unha vida producindo os seus ovos e pitos en casa atópanse agora coa obrigatoriedade de legalizar os seus currais baixo ameazas de multa e por medios electrónicos alleos ás súas posibilidades".
Por iso, Unións Agrarias pide á Consellería que inste as oficinas de extensión agraria que non están a utilizar o correo postal para as comunicacións cando así lles foi solicitado procedan a utilizar este sistema.
Nesta liña, o sindicato agrario asegura que fontes de varias oficinas de Extensión Agraria trasladáronlles que utilizan o sistema dixital porque "carecen de infraestrutura" para responder vía correo postal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.