O sector de oficinas e despachos de Pontevedra mobilízase: só cos complementos de antigüidade chegan ao salario mínimo

O sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra está convocado polo sindicato CIG a sumarse aos paros parciais do 5 e 11 de abril e á folga total prevista para o luns 15 para reclamar un convenio colectivo digno con salarios xustos.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 03/04/2024 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

O sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra está convocado polo sindicato CIG a sumarse aos paros parciais do 5 e 11 de abril e á folga total prevista para o luns 15 para reclamar un convenio colectivo digno con salarios xustos. A secretaria comarcal da CIG-Banca de Vigo, Iria Salvande, e Aitor Maquieira, de CIG-Pontevedra, denunciaron este mércores nunha rolda de prensa que o convenio leva quince anos paralizado sen negociación.

Os responsables da CIG consideran "insuficientes" as táboas presentadas pola Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP). As últimas reunións estiveron centradas en cuestións económicas, sen que fose posible alcanzar un acordo porque, segundo explicaron, a última proposta empresarial suporía, nalgunhas categorías como a de auxiliar administrativo, un incremento de 30 euros brutos anuais máis que o salario mínimo interprofesional (SMI).

Segundo explicaron, na actualidade todas as categorías laborais do sector (excepto titulado superior e titulado medio) perciben soldos por baixo do SMI. A central sindical nacionalista lembra que o persoal de empresas pequenas, asociacións empresariais, despachos de avogados, de procuradores, a maioría de colexios profesionais, empresas de informática e de innovación, acóllese a este convenio. En total, ao redor de 15.000 persoas na provincia, con máis dun 80 % de mulleres traballadoras, están afectadas por esta negociación. "É uns dos convenios con máis aplicación na provincia", indican desde a CIG.

Aitor Maquieira manifestaba que é necesario que o convenio recolla a realidade do sector e non buscar un acordo de "mínimos", como entende que está a facer a CEP. Neste sentido, Iria Salvande sinalaba que a proposta da patronal é un 33 % inferior ao convenio da provincia da Coruña. Subliñan que a CEP négase a introducir unha cláusula de garantía salarial e que está a pór en dúbida a profesionalidade dun sector que, para o sindicato, é "esencial" como se comprobou durante a pandemia da covid-19.

PUNTO DE DEBATE

O punto principal de debate atópase ao redor da antigüidade nun sector con salarios base de media que roldan os 850 euros e que só cos bienios do 5 % de antigüidade alcanzan os 1.200 euros mensuais. "É moi perigoso eliminar o complemento de antigüidade", sinalaba Salvande ante a intención da patronal de suprimir ese suplemento económico por incrementos salariais.

A próxima reunión da mesa de negociación está fixada para o 12 de abril. A CIG convocou folgas parciais para o 5 e o 11 de abril, de 09.00 a 16.00 horas; mentres que para o luns 15 está previsto un paro total durante a xornada laboral completa. Tamén están anunciadas concentracións para este venres 5 de abril fronte á sede da CEP, ás 10.30 horas, e en ASIME, ás 12.00 horas. Concentracións que se repetirán o día 11.

Sucursal do BBVA
Sucursal do BBVA | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta