Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2024 | Actualizada ás 14:53
A creación dunha tarifa eléctrica galega e a posta en marcha dunha empresa "100 % pública" encargada da xestión dos recursos de produción enerxética de Galicia son as dúas primeiras iniciativas que o BNG presentou na recentemente iniciada lexislatura do Parlamento autonómico.
A encargada de rexistrar os dous textos lexislativos foi a propia portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, quen, logo de presentar as iniciativas acompañada por membros do seu grupo, debullou en rolda de prensa o contido das mesmas, enfocadas a "cambiar a paradigma" do modelo enerxético de Galicia.
"Fronte ao negocio privado e especulativo dun puñado de multinacionais, queremos que a enerxía e os recursos naturais estean ao servizo da sociedade", aseverou Pontón, que asegurou que ambas as leis "son complementarias" e servirían para que as familias teñan "un alivio" nas facturas e as empresas galegas gocen dun "revulsivo de gran impacto" que as faría "máis competitivas".
En primeiro lugar, o Bloque expón a posta en marcha dunha compañía "cento por cento pública" a semellanza das que operan en países como Francia, Suecia ou Italia e que teña a capacidade, ademais de producir e comercializar enerxía de fontes renovables, de promover actuacións de "eficiencia e aforro enerxético" ou a creación de comunidades "de enerxía renovable e cidadá".
Todo iso para, segundo Pontón, situar a Galicia "na vangarda da innovación" dentro da "análise do cambio climático e a transición enerxética" a partir do traballo desta empresa pública adscrita ao departamento de Enerxia da Xunta que nacería para que a xestión dos recursos enerxéticos "sirva ao país e non ás multinacionais".
TARIFA ELÉCTRICA
A segunda as iniciativas presentadas este mércores polo BNG é a demanda, levada ao Parlamento autonómico xa en varias ocasións, de que Galicia conte cunha tarifa eléctrica propia que a recompense pola súa condición de territorio "produtor" de enerxía. Unha cuestión que, como reiterou a líder nacionalista, "só require de vontade política" que "tería un grande impacto" para as familias e as empresas de Galicia e que "é legal e perfectamente viable". "Estamos a falar de abaratar as peaxes que pagamos na factura", engadiu.
Así, Pontón defendeu que esta proposta, que de saír adiante na Cámara galega sería remitida para a súa tramitación no Congreso, permitiría "xerar un beneficio económico" para un territorio que "exportou o 42 % de toda a electricidade" que produciu sen verse "recompensada" polo "alto prezo" ambiental e social de actividades como os parques eólicos ou as centrais hidroeléctricas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.