Un home enfróntase a máis de 20 anos de prisión por malos tratos continuados á súa parella en Pontevedra

A xuízo por violar, pegar, humillar, acoitelar e asperxer insecticida na cara da muller coa que mantiña unha relación sentimental.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2024 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá o vindeiro martes, día 9, o xuízo contra un home acusado de pegar de forma habitual, ameazar, humillar, acoitelar, violar e mesmo asperxer insecticida sobre a cara da súa parella, á que someteu a continuas agresións e vexacións "case desde o inicio da relación".

Fiscalía pide para o acusado penas que suman máis de 20 anos de prisión, así como outros tantos de afastamento, como autor dos delitos de violencia habitual, cinco de malos tratos, un de lesións leves, un de ameazas e un delito continuado de agresión sexual. O escrito de acusación fiscal recolle que o procesado mantivo, desde finais de 2018, unha relación sentimental coa muller, coa que convivía nun domicilio de Pontevedra xunto coa filla de seis anos dela. A relación mantívose ata decembro de 2019.

"Case desde o inicio", apunta, o acusado "someteu á súa exparella a continuas humillacións e menosprecios" por motivos como a boa relación co pai da súa filla ou o seu traballo como camareira. Controláballe as saídas, as súas redes sociais e os seus contactos con amigos e familiares "cunha actitude sumamente celosa e agresiva" que provocaba nela "un clima de terror" e "profundo medo".

Entre as agresións que narra o escrito, o acusado fíxolle nunha ocasión un corte nunha perna cun coitelo de cociña e, noutra, asperxeulle insecticida na cara, alcanzándolle os ollos, mentres se maquillaba para ir traballar, dicíndolle que non quería que ninguén a mirase. En xaneiro de 2019 golpeou á vítima na cabeza e deulle unha patada nas costelas, un episodio polo que necesitou asistencia médica. Tamén foi atendida no PAC da Parda o 21 de xuño do mesmo ano, por mor das dores derivadas dun golpe que o acusado lle propinou na cabeza.

Fiscalía apunta tamén no seu escrito que, desde o inicio da relación, o procesado "case todas as noites buscaba manter relacións sexuais" e, nas ocasións nas que ela se negaba, agarrábaa e obrigáballe a mantelas.

Xa finalizada a relación, as situacións de violencia mantivéronse. En concreto, en decembro de 2019 presentouse na súa casa e, tras insultala, tentou forzala a manter relacións sexuais, chegando a rabuñala na cara. Ese mesmo día, en presenza da filla menor dela, deulle unha puñada e varios bofetóns. Pouco despois da medianoite do 20 de febreiro de 2020, esperouna á saída do seu traballo para agarrala polo pescozo e obrigala a porse de xeonllos. Posteriormente, golpeouna. Ese mesmo mes, a muller recibiu por whatsapp mensaxes nos que ameazaba con acoitelala.

O "continuo comportamento agresivo e violento" do procesado, prosegue o escrito, levou a que a muller "vivise a vida en común coa súa entón parella e viva na actualidade cun medo constante ás reaccións" do acusado, polo que tivo que recibir tratamento psiquiátrico.

Arquivo - 016. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - 016. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta