Piden ao Concello de Ferrol que "rectifique" na redacción de contratos, que se publicarán só en castelán

O grupo municipal do BNG e A Mesa pola Normalización Lingüística reclama que o Concello cumpla "a legalidade do Estado e de Galicia".

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 12/04/2024 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

O grupo municipal do BNG no Concello de Ferrol e A Mesa pola Normalización Lingüística, pediron ao goberno municipal desta cidade, liderado polo Partido Particular, que "rectifique á instrución dada aos funcionarios", nas que se recolle que os pregos de contratos públicos se publicarán só en lingua castelá.

Nunha rolda de prensa conxunta ofrecida este venres no Concello, o portavoz do grupo político, Iván Rivas, sinalou que están "un pouco á expectativa de se ese anuncio que se fixo, se fai realidade ou non", en alusión ao manifestado este xoves polo tenente de alcalde, Javier Díaz, que trasladou que, grazas á colaboración da Xunta, vanse utilizar os seus servizos lingüísticos e os pregos serán publicados nos dous idiomas.

"Se isto non se rectifica, nós imos seguir coas iniciativas que temos previsto desenvolver", advertiu. "Nós a día de hoxe non temos coñecemento de que haxa unha rectificación desa instrución, que é o que obriga a un funcionario a actuar baseados nos criterios que aí se establezan", apuntou.

Pola súa banda, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceiras, asegurou que esta proposta do goberno de Ferrol "non se axusta nin á legalidade do Estado nin á legalidade de Galicia" e que "tanto a directiva como a lexislación estatal están en vigor desde o ano 2017", detallando que a "Lei 9/17 de Contratos de Sistema Público di que os contratos deben de subirse ao Diario Oficial da Unión Europea, pero tamén di que deberán de estar relatados en castelán ou en lingua cooficial correspondente", lembrando que desde o ano 1981 "o galego é lingua oficial da comunidade autónoma de Galicia".

PETICIÓN Á UNIÓN EUROPEA

Maceiras tamén citou outras moitas normativas e así incidiu en que "para facer interpretacións que conducen á eliminación do galego e a rebaixar o rango de oficialidade da lingua, converténdoa nunha lingua simplemente anecdótica, pois é algo que non corresponde".

"Entendemos que o Concello de Ferrol ten dúbidas respecto das directivas europeas, precisamente pola ausencia de oficialidades do galego na Unión Europea, o que debería de facer é reclamar a oficialidade do galego na Unión Europea, tal e como fixeron recentemente practicamente o resto de alcaldes de Galicia", concluíu.

Arquivo - Fachada principal do Concello de Ferrol (A Coruña). EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Fachada principal do Concello de Ferrol (A Coruña). EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta