(Vídeo) A Nao Victoria, a primeira en dar a volta ao mundo no ano 1519, chegou a Galicia

Esta gran nao está Sanxenxo, no porto deportivo. Iso si, non se trataba da Victoria orixinal, que se perdeu ao volver das Antillas cara Sevilla, senón dunha réplica idéntica.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 26/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Victoria foi unha nao construída no século XVI pola monarquía hispana para a navegación oceánica. Foi a primeira nave en circunnavegar a Terra ou, o que é o mesmo, en dar a volta ao mundo. E esta fin de semana recalou en Sanxenxo, no porto deportivo. Iso si, non se trataba da nao Victoria orixinal, que se perdeu ao volver das Antillas cara Sevilla, senón dunha réplica idéntica. Entre iates de gran luxo e veleiros (xunto ao do propio rei emérito que se deixou caer pola localidade unha vez máis para participar nas regatas), chamaba poderosamente a atención un barco de madeira escura cuxas velas e mástiles lembraban ás historias de Piratas del Caribe.

Nao Victoria no porto deportivo de Sanxenxo
Nao Victoria no porto deportivo de Sanxenxo | Fonte: GC

A nao Victoria foi construída para a chamada 'Armada da especiería' ou 'Armada de Magallanes', sendo o único navío que deu a volta ao mundo (1519-1522) ao mando do prestixioso explorador español Juan Sebastián Elcano. Armouse nos estaleiros de Ondarroa (País Vasco) e non queda na actualidade documentación nin do estaleiro nin da súa construcción ou planos. O nome vén da igrexa de Santa María da Victoria de Triana (Sevilla) e alí foi onde Fernando de Magallanes xurou servizo ao rei Carlos I. O buque como tal tiña unha capacidade de carga de 85 toneis viscaínos (102 toneladas).

Tivo un custe de 300.000 marabedís, incluíndo o bote e o aparello. E no inicio da expedición contaba cunha tripulación de 45 homes: 9 oficiais, 11 mariños, 3 artilleiros, 10 grumetes, 2 paxes e outros 10 homes máis entre criados do capitán e outros viaxeiros. A súa eslora tiña entre 18 e 21 metros (de 59 a 69 pés) e 7,5 metros de manga. Ademais, foi blindada con madeira de carballo. Entre o seu armamento atopábanse 6 falconetes de ferro forxado e 4 canóns tamén de ferro forxado. E, como todos os barcos da época, propulsábase a vela, a unha velocidade inferior aos 7 nós.

A súa ruta orixinal trataba de buscar as 'illas das especias'. Carlos I aprestou dende España naquel tempo cinco naves ao mando de Fernando de Magallanes para descubrir estas illas: ademais da Victoria había outro catro barcos: a Trinidad (capitana, 110 toneis e 55 mariños); a San Antonio (120 toneis e 60 mariños); a Concepción (90 toneis e 45 mariños); e a Santiago (75 toneis e 32 mariños). O mando inicial da nave era de Luis de Mendoza, que ademais de capitán da Victoria era tesoureiro da Armada, cuxo capitán xeral era Fernando de Magallanes (na nao Trinidad). A expedición, que zarpara de Sevilla o 10 de agosto de 1519, chegara o 31 de marzo de 1520 a unha bahía chamada porto de San Julián (na Patagonia arxentina), onde se prepararon para pasar o inverno. Alí varios capitáns, entre eles Mendoza, amotináronse contra Magallanes, tomando o control das naos Concepción, San Antonio e Victoria.

Magallanes é quen de lograr o control novamente da Santiago, a Victoria e a Trinidad, bloqueando a fuxida á saída do porto das dúas naos rebeldes que teñen que rendirse, e nomea capitán da Victoria a Duarte Barbosa. A Santiago naugrafou na costa da Patagonia oriental. A San Antonio perdeu de vista ás outras naos e decidiu emprender o camiño de volta a España polos seus propios medios. As tres naves restantes, escasas de provisións, atravesan o Pacífico rumbo ao oeste ata chegar, o 6 de marzo de 1521, ás illas 'dos ladróns' (as Marianas). Dende alí viaxaron, tras tomar provisións, ata o arquipélago de 'San Lázaro' (as Filipinas) o 16 de marzo, onde Magallanes morre loitando na illa de Mactán. Duarte Barbosa é elixido novo capitán xeral, pero é traicionado e asasinado.

A Concepción foi incendiada en Bohol polos seus tripulantes, porque non tiñan suficientes homes para manexar as tres naves, así que a tripulación repartiuse entre a Trinidad e a Victoria. Juan Sebastián Elcano, que zarpara como mestre da nao Concepción, foi elixido capitán da nao Victoria, continuando a viaxe ata chegar ás illas Molucas. Dende Tidore observouse que a Trinidad facía moita auga e seguíronse dous derroteros distintos: coa nao Victoria sairían entre 59 e 70 tripulantes que regresarían navegando cara o cabo de Buena Esperanza; a Trinidad quedaría a reparar en Molucas. Tras a reparación e volta á navegación foi capturada polos portugueses e xa non regresou a España. O 6 de setembro de 1522 a Victoria recalou en Sanlúcar de Barrameda (Cádiz), con só 18 sobrevivintes a bordo, rematando a viaxe en Sevilla. En Sevilla produciuse a descarga das especias que traía consigo, e que cubriron con creces os gatos de toda a expedición (cinco naves en total). 

Como é lóxico, dar a volta ao mundo foi a maior fazaña marítima de todos os tempos e era a primeira vez que un barco o lograba, saíndo e chegando novamente ao porto de Sevilla. Para poder recrear esta nave no ano 1991, seguiuse un longo proceso de investigación histórica dirixido por Ignacio Fernández Val, o seu deseñador e construtor. Un exhaustivo estudo baseado en fontes documentais, crónicas, tratados náuticos do século XVI e iconografía da época, que permitiu precisar as súas dimensións principais, arboladura, velas e equipos. No 2004, para conmemorar a primeira volta ao mundo e difundir o labor descubridor dos mariños españois, a réplica empredeu unha nova viaxe ao redor do mundo: 26.894 millas e 17 países visitados entre 2004 e 2006, convertíndose tamén na primeira réplica en circunnavegar a Terra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta