López Campos reivindica na Asemblea de Promoción Lingüística a forza do galego: "Máis da metade da poboación o fala"

O conselleiro de Cultura, Política Lingüística e Xuventude, José López Campos, participou este xoves na inauguración da Asemblea Xeral da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), onde reivindicou a Santiago como "símbolo" do "cáracter multilingüe das sociedades humanas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2024 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Política Lingüística e Xuventude, José López Campos, participou este xoves na inauguración da Asemblea Xeral da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), onde reivindicou a Santiago como "símbolo" do "cáracter multilingüe das sociedades humanas". López Campos asistiu acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que representa á Xunta de Galicia na asemblea.

O conselleiro arrincou a súa intervención animando aos participantes a descubrir Santiago e desexando ademais que poidan facelo cun pouco de choiva. Así, reivindicou a elección da capital de Galicia como sede para este encontro, "unha cidade que é símbolo, como poucas, do carácter multilingüe de todas as sociedades humanas".

Un feito diferencial que xorde, explicou, da peregrinación que desde o século IX concentra Compostela. "Por esa condición histórica de Santiago, durante os últimos 11 séculos, peregrinaron ata aquí millóns e millóns de peregrinos e de persoas procedentes dos lugares máis afastados de media Europa. E cada unha delas estaba a transportar algo importante na súa mochila, a súa lingua, o patrimonio da súa terra", sinalou.

Por iso, convidou aos asistentes á asemblea a "pasearse pola cidade, declarada patrimonio cultural da humanidade pola Unesco" para "observar a condición multilingüe das súas rúas". "Seguramente, ouvirán a alguén falando unha lingua que lles resultará familiar. Talvez a lingua que vostedes viñeron a representar", comentou. Así mesmo, López Campos reivindicou a situación do galego na rexión, "onde máis da metade dos seus habitantes falan e teñen como lingua preferente o galego". "O noso desexo é que siga mantendo esa vitalidade mil anos máis", afirmou, parafraseando ao escritor Álvaro Cunqueiro.

IMPACTO DAS TECNOLOXÍAS NA LINGUAXE

Este venres terá lugar a conferencia anual da NPLD na que abordarán o impacto das novas tecnoloxías na linguaxe nos ámbitos social e económico. "Creo que é moi apropiado, moi de actualidade para a realidade lingüística que nos toca vivir", valorou o responsable de Cultura. O relatorio principal versará sobre o Proxecto Nós, que impulsa o Goberno galego e executa tecnicamente a Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de introducir de pleno o galego no mundo da Intelixencia Artificial. A exposición estará a cargo de Senén Barro e Elisa Fernández Rey, director e directora do CiTIUS e do Instituto da Lingua Galega (ILG), respectivamente.

O conselleiro de Cultura, Política Lingüística e Xuventude, José López Campos, participa na inauguración da Asemblea Xeral da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), en Santiago de Compostela
O conselleiro de Cultura, Política Lingüística e Xuventude, José López Campos, participa na inauguración da Asemblea Xeral da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), en Santiago de Compostela | Fonte: XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta