Celavente, no Concello do Bolo, pon en valor os seus fornos e as súas fontes

Será o 4 de maio cun roteiro etnográfico-gastronómico que alcanza a súa XIV edición. A idea xurdiu dende a Asociación Centro de Animación Rural Celavente no ano 2006 coa intención de restaurar e recuperar os fornos e fontes comunitarias que había nos diferentes barrios de Celavente.

Por X.M. Fernández | O Bolo | 03/05/2024 | Actualizada ás 22:59

Comparte esta noticia

Contactamos con Alberto Vázquez, membro da asociación organizadora e Alcalde do Concello do Bolo, para falarmos dunha nova edición da Ruta dos Fornos que terá lugar o sábado 4 de maio no lugar de Celavente.

Fonte dos Hortos. Foto: XMF.
Fonte dos Hortos. Foto: XMF.

Segundo nos conta, a idea xurdiu dende a Asociación Centro de Animación Rural Celavente no ano 2006 coa intención de restaurar e recuperar os fornos e fontes comunitarias que había nos diferentes barrios de Celavente. Fíxose un proxecto, baixo o nome de ‘Proxecto ruta do pan e da auga’, e presentouse a unhas axudas do Agader. A iniciativa tivo éxito e no 2007 concedéronlles a subvención, co cal comezaron a restaurar os fornos da contorna e tamén unhas dez fontes.

Unha vez restaurados, levouse a cabo a segunda parte do proxecto que era poñelos en valor cunha ruta gastronómica circular para dalos a coñecer ao tempo que se promovían os produtos locais. Así, pois, a primeira Ruta dos Fornos celebrouse no ano 2008.

Nacía así a Ruta dos Fornos e con ela xa unha tradición para moita xente que se achega a Celavente, a primeiros de maio, para vivir esta experiencia que une sendeirismo, etnografía e gastronomía. Un motivo tamén para moitos/as que están fóra de achegarse á súa terra e coincidir con familiares, amigos/as e incluso para coñecer xente. “A maioría da xente vén da comarca pero tamén de Madrid e moita de Barcelona que teñen raíces no pobo”, comenta Alberto. “Este ano temos xa unhas 30 reservas de xente de Barcelona”, engade.

"A primeira Ruta dos Fornos celebrouse no ano 2008"

Ambiente na contorna dun dos fornos do percorrido (arquivo). Foto: XMF.
Ambiente na contorna dun dos fornos do percorrido (arquivo). Foto: XMF.

O roteiro comeza en Celavente ás 13:00 h., e a partir de aquí comeza un percorrido circular por 6 fornos --que teñen o nome de cada un dos barrios satélites-- e un secadeiro de castañas. En total, estímase que se fan uns 4,3 quilómetros e con pouco desnivel. “Hai xente de 80 anos que o fai”, dinos o Alcalde do Bolo. E como atractivos engadidos, en cada forno ofrécese un pincho a base de produtos locais como avituallamento, e o percorrido está amenizado por algunha charanga e/ou grupo tradicional. No remate, en Celavente, organízase unha pequena festa.

XIV RUTA DOS FORNOS

O vindeiro sábado 4 de maio chégase á XIV edición estando interrompida a ruta os anos 2020, 2021 e 2022. Segundo comenta Alberto, “hai xa arriba de 800 reservas e pode superarse o número de inscricións dos últimos anos, antes da pandemia”. O prezo é de 15 euros para adultos/as e 7 para nenos/as ata 12 anos, e cada participante recibe unha xerra de barro para beber viño e outras bebidas que se ofrecen nos fornos e tamén, auga ao paso polas fontes.

A ruta comezará ás 13:00 h. en Celavente e despois descorrerá por 6 fornos e 1 bodega-secadeiro: Forno do Viduelo, Forno dos Hortos, Forno de Outeiro, Forno de Fondo, Forno do Campo, Forno do Cima e Bodega da Capilla. Os produtos que se ofrecen son: chourizos asados, orella de porco, xamón asado, empanadas variadas, torta de roxóns, crema de castañas, roscón, pan, auga, viño e licores.

Os grupos que amenizarán este ano o roteiro son Abertal da Rúa, e Arroutada de Tomiño. Ao remate, chegando a Celavente de regreso ás 18:00 h., unha Disco Móbil poñerá o ramo a esta orixinal celebración

Xerras que se dan aos participantes. Foto: Asoc. Centro de Animación Rural Celavente.
Xerras que se dan aos participantes. Foto: Asoc. Centro de Animación Rural Celavente.
Grupo Abertal animando a Ruta dos Fornos (arquivo). Foto: XMF
Grupo Abertal animando a Ruta dos Fornos (arquivo). Foto: XMF
Un dos fornos restaurado. Foto: XMF.
Un dos fornos restaurado. Foto: XMF.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta