Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2024 | Actualizada ás 14:11
O PSdeG apoia "avanzar" e "romper" coa tauromaquia, á que ve como "violencia que se exerce contra os animais", despois de transcender este venres a supresión do Premio Nacional de Tauromaquia por parte do Ministerio de Cultura. "O PSdeG é un partido avanzado, que avanza coa sociedade", dixo a súa presidenta, Carmela Silva, ao ser preguntada en rolda de prensa sobre esta decisión do ministro de Cultura, Ernest Urtasun (Sumar). Posteriormente, o presidente de Castela-A Mancha, o socialista Emiliano García-Page, anunciaba que crearía uns galardóns propios.
Aínda que non se referiu especificamente aos premios suprimidos, Silva aliñouse cos avances sociais e "coa xente nova", que "non admite a violencia" nin "o sufrimento". Por iso, apoiou "romper con cuestións" que "formaban parte de, entre comiñas, a cultura". "Que eu non lle chamaría así", apostilou Silva.
Desta cuestión tamén se serviu a dirixente socialista para cargar contra os actos do Dous de Maio, Día da Comunidade de Madrid, celebrado o xoves e dirixido pola presidenta desta autonomía, Isabel Díaz Ayuso. "No PSdeG consideramos que xa non son admisibles cousas (a tauromaquia) que o eran ata agora, pero despois de ver onte á presidenta Ayuso subida a un palio cal emperatriz, muller doutra época, non hai nada xa que me sorprenda", ironizou Carmela Silva.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.