Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade: "O Plan de Recursos Humanos debe estar aprobado este ano"

Gómez Caamaño aposta tamén por un plan para eliminar a burocracia dos profesionais de Atención Primaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2024 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegurou que o Plan de Recursos Humanos debe estar aprobado este ano, do mesmo xeito que "a desburocratización da primaria". Nunha entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press, o novo titular de Sanidade considerou que este plan é "unha necesidade prioritaria", xa que sen el "non se pode planificar".

Neste sentido, o conselleiro explicou que un plan de recursos humanos é un instrumento "básico para poder planificar tanto a curto como a medio e longo prazo". "Sen iso, non hai nada que facer", aseverou antes de subliñar que o seu departamento quere ser "ambicioso" para consolidar e analizar "as necesidades e prioridades da poboación". Así, fixou as metas que se marca para o seu cargo: "Loitar a matar fronte á burocracia, mellorar as condicións de traballo da atención primaria e recuperar a ilusión. Hai moita xente boa no Sergas que está esgotada. Hai que recuperar ese talento e volver ter un sentimento de pertenza, volver ir ao traballo feliz", resumiu.

ATENCIÓN PRIMARIA

Nesta liña, defendeu a súa aposta por unha sanidade pública que teña como base "unha interacción real e eficiente entre a atención primaria e a hospitalaria", para que "a continuidade asistencial deixe de ser un palabro" e impacte "positivamente nos pacientes". Así mesmo, remarcou que hai que conseguir que os médicos "fagan de médicos, eliminando toda a burocracia". "Calcúlase que o 30 e o 40 % dun médico de atención primaria é burocrática. Iso non ten sentido. Necesitamos converter aos médicos de familia nos principais embaixadores da educación sanitaria na nosa poboación", sostivo.

Sobre a integración do Sergas na Consellería, Gómez Caamaño afirmou que obedece a "unha reordenación funcional para mellorar a eficiencia de sistema". A continuación, defendeu os cambios nas xerencias das áreas sanitarias de Santiago e Ourense. Segundo o conselleiro, os cambios non responden a "unha crítica á súa xestión", senón que "fai falta aire novo".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda (i), xunto ao novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño (d), durante o primeiro Consello da Xunta do novo Goberno de Alfonso Rueda, no Pazo de Raxoi
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda (i), xunto ao novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño (d), durante o primeiro Consello da Xunta do novo Goberno de Alfonso Rueda, no Pazo de Raxoi | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

En todo caso, mostrou o seu agradecemento a Eloína Núñez (ex xerente da área compostelá) e a Félix Rubial (ex xerente da área ourensá). Por outra banda, Antonio Gómez sinalou que o problema de falta de cobertura das prazas MIR de médico de familia é "un problema do Goberno central" e recoñeceu que "probablemente haberá que modificar a metodoloxía", apostando, apuntou, por "facer esas prazas realmente atractivas".

"MÁXIMA DISPOSICIÓN AO DIÁLOGO"

Ademais, mostrou a súa "máxima disposición ao diálogo" tanto cos colexios médicos como cos sindicatos. Tamén dixo esperar unha "boa" relación coa oposición, aínda que recoñeceu que a sanidade é "moi atractiva como instrumento de loita política". "A saúde non é unha cuestión de dereitas nin de esquerdas, é dos cidadáns, aos que lles interesa que resolvan os seus problemas. Veño falar con todos e de todos e veño facer o que fixen toda a miña vida: defender unha sanidade pública de calidade. Eles están no mesmo; temos que ter puntos de encontro. Máxima dispoñibilidade e máximo diálogo", reiterou. En canto ás listas de espera, Gómez Caamaño, sen dicir cifras, afirmou que o obxectivo é "melloralas", aínda que destacou que "tampouco son tan malas".

INFORME DE CONTAS

Doutra banda, preguntado polo informe de fiscalización publicado este pasado luns polo Consello de Contas, o responsable de Sanidade insistiu en que o documento "recomenda" e "non ten reparos xurídicos". En relación aos orzamentos, Gómez Caamaño relatou que se trata de "unha práctica normal", aínda que recoñeceu que "probablemente haberá que mellorar e facer orzamentos máis axustados á realidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta