A literatura galega, cada vez mellor, pero aínda moito por facer: 348 libros fronte a 1.924 en catalán en 2024

Feminismo, historia e arte, política e literatura infantil, á cabeza das obras editadas en lingua galega no que vai de 2024, así como reflexións arredor da propia lingua.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 13/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O mundo editorial é complexo, non sempre resposta ao interese dos propios artistas, senón que detrás tamén hai que ter en conta toda unha serie de parámetros comerciais, realizando unha análise minuciosa de cada mercado. Lanzarse a publicar unha obra non é algo que se faga ao tolo: primeiro analízase ao público, os seus intereses, a súa idade... E ata o seu idioma.O emprego do galego na lingua galega, historicamente falando, podemos dicir que se remonta ata o ano 1810, coa publicación de 'Proezas de Galicia', de Xosé Fernández e Neira, con todo, non se pode dicir que fose nesa data na que xurdiu a conciencia da importancia de publicar en lingua galega.

Libros e material colocado nos andeis dunha libraría
Libros e material colocado nos andeis dunha libraría | Fonte: David Zorrakino - Arquivo

De feito, ata despois da morte de Franco, aló polo ano 1975, a produción en galego era moi escasa: entre unha e dez publicacións anuais. Dende a década dos 80 si que a literatura en galego comezou a despegar e, de feito, foi 'in crescendo' ata a actualidade: se no 1980 se publicaran 99 libros, o pasado 2023 foron 1.606. Con todo, sería pecharse os ollos á realidade dicir que todo o traballo está feito e que a lingua galega conquistou o ámbito da literatura, pois aínda queda moito por facer para chegar ao nivel doutras nacionalidades históricas como é, en España, o caso de Cataluña. Se no 2023 se editaron 348 libros en galego, en catalán esta cifra case se multiplica por seis, chegando aos 1.924. Aínda que tamén é certo que o galego está mellor que o vasco neste ámbito, pois o pasado ano en euskera só se editaron 205 publicacións.

Polo que respecta aos datos de publicación en outras linguas, en aragonés editáronse en 2023 só 6 obras; en aranés, 3; en asturiano, 9; en valenciano, a frioleira de 141 (algo menos da metade que en lingua galega); e en portugués, 25 (significativo tendo en conta que non é lingua oficial nin cooficial en España). Este son datos sacados das bases de datos do Ministerio de Cultura, que fan referencia ao número de publicacións nas diferentes linguas, xa sexan novas edicións ou reedicións. Tamén computan dobremente aquelas obras que foron reeditadas en dúas ocasións no mesmo ano.

Por outra banda, tamén hai que pór en valor o auxe da publicación de obras en lingua galega experimentado nos últimos anos con respecto ás últimas décadas do século pasado, xa que dende os 2000, aproximadamente, o número de obras editadas en galego foi en aumento, superando xa nese ano as mil. Así, indo á historia, no ano 1950, só se editara un libro en lingua galega, igual que no ano 1955 e no 1960; no 1965, editáranse 5 libros en lingua galega; no 1970, 15; no 1975, 36; tras a morte de Franco o pulo creativo foi considerable, chegando no 1980 aos 99 libros editados en galego; no 1985, foran xa 182; no 1990, 379; no 1995, 819; e xa no 2000 se superaron os mil libros editados en lingua galega, con 1.090 obras. No 2005 chegaron a 1.445; no 2010, a 1.822; no 2015, a 1.214; no 2020, a 1.491; no 2021, a 1.346; no 2022, a 1.736; no 2023, a 1.606; e no que vai de 2024, a 348.

QUE SE PUBLICA EN GALEGO?

Outra pregunta que toca facerse, chegados a este punto é: que tipo de obras temos publicadas en lingua galega? Pois para facernos á idea, as obras editadas neste 2024 son un bo exemplo: temática histórica e feminista á cabeza, tamén con moitas creacións destinadas ao público infantil, obras de temática histórica e artística, de política e relacionadas co propio mundo da literatura, así como numerosas reedicións de exitosas obras que xa saíran en anos pasados. Ademais, e precisamente por estar adicado este 17 de marzo, Día das Letras Galegas, a Luísa Villalta, tamén hai edicións e reedicións vinculadas á súa figura. Neste senso podemos citar 'Abonda con vivir: Luísa Villalta', de Montse Dopico; 'As escumas da letra: bibliografía de Luísa Villalta', de Esperanza Mariño Dávila e Laura Romero; 'Sempre infinita: Luisa Villalta', de Eva María Mejuto Rial; e 'Somos un pobo de artistas: o método Luísa Villalta'.

Con temática feminista e de reivindicación da figura da muller, atopamos 'Basta!: guía de autodefensa feminista para adolescentes', de María Krovisky; 'Diario dunha sufraxista: Hubertre Auclert', de Nicole Cadène e Xabier Ron Fernández; 'Feminismo terapéutico: psicoloxía práctica para o autocoñecemento', de María Fernet; 'A mística da feminidade en 'Mad Men'', de Xosé Antonio Casado; 'Pioneiras 1940-1980: arquitectura da primeira xeración de arquitectos en Galicia', de Alberta Lorenzo Aspres; ou 'Rompedoras: contra a mutilación xenital feminina', de Cristina Alba Pereda. Con temática histórica, política e artística estarían: 'Autogoberno e sistemas de financiamento, o papel da nación galega', de Xosé Díaz Díaz; 'Bestiario en pedra: animais fabulosos na arte medieval galega', de Carlos L. Bernárdez; 'Compañía de Tranvías: 120 anos do servizo da Coruña', de Rubén Ventureira; 'Galicia 'MusiCalidade': unha terra feita de acordes", de Noel Miguélez Rodríguez; ou 'As peregrinacións a Compostela: mito, historia e falsidades', de José Miguel Andrade.

Sobre a propia lingua en si e sobre o uso do galego na literatura tamén hai varias publicacións, como serían 'A casa do amo: unha análise do discurso colonial e racista na literatura galega', de María Reimóndez, Ana Luisa Alonso e Alberto Álvarez Lugrís; 'Gramática práctica do galego', de Patricio Fernández Barciela; ou 'Historia social da lingua galega', de Xosé Henrique Monteagudo. De temática política pura e dura teriamos a tradución ao galego de 'Feijóo: biografía dun farsante (non autorizada)', de Manuel Monge; ou a de 'Iribarne', de Sther F. Carrodeguas; así como 'Pasado arrincado: lugares de memoria democrática en Galicia', editado por Galaxia.

Para nenos houbo xa nestes primeiros meses do ano un feixe de publicacións, comezando por varias novas entregas dos Bolechas de Pepe Carreira: 'Apreden a palillar en Camariñas'; 'Da escola á granxa'; 'O camiño de Santiago'; 'Cando botamos aos viquingos'; 'Cando construímos castelos'; 'Luísa Villalta' (como non, para achegar aos máis pequenos á autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas); ou 'Manuel Murguía'. Pero tamén reedicións dos Bolechas como 'Historia de Galicia'; 'Cando andabamos polo monte'; 'Cando domesticamos animais e plantas'; 'Cando pelexamos coas lexións romanas'; e 'Cando viviamos nos castros'. Tamén para nenos estarían as traducións de 'Amelia Fang e as vacacións de media lúa', de Laura Ellen Andersson, e as entregas en galego de 'Dila Crocodila: espremer os miolos' ou 'Dila Crocodila 2: son xenial', de Ana Gómez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta