A Escola de Cantaría de Poio convértese nun centro integrado de FP

Refórzase a súa oferta formativa ao incorporar catro novas titulacións para o próximo curso.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 01/06/2024 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

A Xunta incorporou á Escola de Cantaría de Poio á rede de centros integrados de FP e reforzou a súa oferta formativa ao incorporar catro novas titulacións para o próximo curso. Así o explicou este sábado o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, que visitou o centro para informar as novidades académicas para este curso. O Executivo galego asumiu o pasado ano a titularidade deste centro e este cambio traduciuse en "melloras importantes" para o alumnado, xa que a partir deste curso, ensinos que ata o momento eran considerados como formación non formal pasarán a ser títulos oficiais.

"Neste traspaso asumimos o compromiso de potenciar o oficio da cantaría en liña coas novas necesidades e demandas do sector e que agora plasmamos mediante a nova oferta de FP que se aprobará no Consello da Xunta deste luns e na que tenderemos de novo unha marca de prazas", explicou o conselleiro. Paralelamente, o goberno autonómico ultima os trámites administrativos para a incorporación da Escola á rede de centros integrados de FP como un CIFP especializado no sector da edificación, a construción e a cantaría, polo que serán xa 28 os centros que formen parte desta rede.

NOVAS TITULACIÓNS

A partir de setembro incorpóranse catro novas titulacións ao catálogo formativo desta escola, das cales dúas son ciclos duais e outra é unha titulación de alta especialización. Desta forma, suman un total de 92 prazas de nova oferta e o compromiso é incrementar o número ano a ano ata superar as 300. Son o ciclo básico en Reforma e Mantemento de Edificios (18 prazas), dous ciclos de FP dual en Construción (22 prazas) e en Proxectos de Edificación (30 prazas) e da titulación de alta especialización en Pedra Natural especializada en cantaría (22 prazas), unha das 13 deste tipo que entran novas este curso en toda Galicia.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visita a Escola de Cantaría de Poio
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visita a Escola de Cantaría de Poio | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta