Coren promove un plan de expansión no mercado chinés

O grupo alimentario ourensán vén de participar no certame Internacional Sial Xangai, a maior mostra comercial de alimentación de China e unha das feiras máis importantes do mundo, que se desenvolveu entre o martes 28 e o xoves 30 de maio na cidade asiática.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 04/06/2024 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

A cooperativa COREN estivo presente no certame Sial Xangai cunha caseta de 30 metros cadrados na que presentou as súas producións criadas en Galicia con máximo benestar e respecto ao medio ambiente. En concreto, nesta feira centrouse en impulsar os produtos de porcino fresco --en particular, a gama de carne de porco alimentado con Castañas--, que xa exporta ao país asiático.

O Ministro Luis Planas con representantes de COREN. Foto: Prensa Cooperativa Coren.
O Ministro Luis Planas con representantes de COREN. Foto: Prensa Cooperativa Coren.

A delegación de Coren presente na feira estivo encabezada pola delegada comercial de Coren en Reino Unido, Teresa Gómez-Franqueira, e o responsable de exportación, Miguel Sarria, así como outros axentes comerciais, que mantiveron un amplo programa de reunións cos clientes que xa ten actualmente no país asiático, ademais de establecer novos contactos comerciais.

O expositor de Coren contou coa visita do Ministro de Agricultura, Luis Planas, e o director Xeral de Sanidade da Produción Agroalimentaria e Benestar Animal, Valentín Almansa, que acudiron á feira como valedores das empresas españolas e, en concreto, trasladaron aos representantes de Coren o seu apoio polo bo facer da cooperativa. Representantes que foron, ademais, convidados á recepción que a comitiva ministerial mantivo en Sial cunha selección de empresas españolas que foron a Xangai.

CONSOLIDAR A PRESENZA EN CHINA

Coren leva varios anos acudindo a Sial Xangai, unha acción que se enmarca dentro do plan estratéxico para afianzar a súa presenza en China. O alto potencial de crecemento e consumo do país asiático (con 1.469 millóns de habitantes) sitúano como unha das súas prioridades.

Neste sentido, un dos obxectivos da visita do ministro Luis Planas a China foi axilizar a negociación dos protocolos de apertura do mercado chinés á exportación de novos produtos cárnicos españois, polo que mantivo un encontro co Ministro da Administración Xeral de Aduanas, Yu Jianhua, para coordinar os traballos técnicos para autorizar novas exportacións no prazo de tempo máis breve posible.

O Grupo Coren exporta xa a China a súa gama de porcino fresco, e está a xestionar a presenza de produtos de avicultura. "O crecemento neste mercado suporá un importante impulso para a actividade da cooperativa e, en consecuencia, para o sector cárnico galego, contribuíndo á dinamización e xeración de riqueza no sector agroalimentario da nosa terra", conclúen desde a cooperativa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta