Por Ángela Precedo | LUGO | 12/10/2024 | Actualizada ás 14:00
Galicia é campo: agricultura e gandaría. Aínda que coa concentración poboacional nas grandes cidades tendamos a esquecelo, o rural é o sustento da nosa terra: o que nos dá de comer e o que fai que a nosa gastronomía sexa tan valiosa. E, se hai quen non o sabe apreciar, xa están os de fóra para facelo. Sabías que hai concursos europeos de manexo de gando nos que participan mozos e mozas gandeiros? O obxectivo destes campionatos é manter o relevo xeracional dentro dunha profesión cada vez máis denostada. Agora ben, sabes cal é realmente a boa nova? Que hai moitos rapaces e rapazas galegos que participan neles, chegados de granxas repartidas por toda a comunidade. Sen ir máis lonxe, foron 12 os concursantes galegos da pasada edición do maior concurso de manexo de Europa, o Young Breeders School (YBS), celebrado a finais do mes de agosto en Battic (Bélxica): María e Andrea Otero (granxa Fontixón, en Castro de Rei); Lorena Iglesia (SAT de Rey de Miñotelo, na Pastoriza); Alba López (gandaría Quintián, no Páramo); Simón Blanco (gandaría Queiruguera, en Val do Dubra); e Xabier Montes (Casa do Rei, en Rodeiro).
No concurso participaban en total 180 gandeiros chegados de 28 países diferentes. O conxunto español logrou a primeira praza por enriba de Suíza e Polonia. Hoxe, dende o Galicia Confidencial, falamos con Alba López, gandeira de 23 anos da gandaría Quintián do Páramo que quedou segunda na Sección Terceira (as seccións van en funcións das idades dos participantes). Para ela foi unha auténtica sorpresa, pois, como nos confesa, "saíra un par de veces á pista antes, pero fai moitos anos, esta é a primeira vez que participo nun concurso de manexo como tal", e, a verdade é que "foime ben, inesperadamente para min, pero foime ben". Algo que tamén agradece á becerra coa que saltou ante o xuíz, que lle deu moitas facilidades para ser dirixida. Agora, de cara ao futuro, Alba xa ten en mente a súa participación noutros concursos, e agarda "seguir vinculada ao rural e á granxa", pois, de feito, está estudando veterinaria. "Para min o ideal sería poder compaxinar o ser veterinaria con ser gandeira", asegura esta moza paramesa.
EN QUE CONSISTEN ESTES CONCURSOS?
Pero, en que consiste isto do manexo de gando? Como nos explica Alba, "hai que sacar á vaca ou becerra á pista, ante o xuíz, e facer que o animal luza o mellor posible nela, tamén disimulando o mellor que se poida os defectos que poida ter". Ademais, apunta que dentro do concurso hai unhas normas de manexo específicas que "se deben cumprir o mellor posible para dar unha boa imaxe de cara ao xuíz". En resumo, "a idea é sacar a máxima elegancia do animal, pero tamén pola túa parte", afirma esta moza gandeira. Dentro dos concursos hainos de varios tipos, pero neste caso concreto, cada participante tiña que manexar un único animal e saír á pista na sección que lle correspondese en función da idade: no caso de Alba, "tocoume na sección terceira, porque teño 23 anos". Na súa sección había algo máis dunha vintena de concursantes. E, dentro do Clube de Xóvenes Gandeiros ao que pertencen Alba e os seus compañeiros, as idades chegan ata os 25 anos.
Así as cousas, aínda que semelle sinxelo, non o é tendo en conta un factor fundamental: "O animal que vai manexar cada un asignáronnolo alí, eran animais de granxas de Bélxica e distribuíronos acorde á nosa altura". Isto é o máis complicado, como confesa Alba, porque "se ti sabes que vas concursar coa túa becerra xa preparas ao animal na casa, daslle unha alimentación específica, lávalo dunha determinada maneira, peitéalo e manéxalo diariamente". Ademais, "estando con ela todos os días xa coñeces o seu temperamento e como se comporta ante cada estímulo". Pola contra, neste concurso "tiñas que tratar de manexar un animal que nunca antes viras e que tampouco fora nunca a un concurso, e tiñas 4 días para poder adaptarte a el e entrenar". Así, conta que, durante as tardes, mentres uns pelaban aos animais outros manexaban e ían facendo quendas. Alba amosa a súa gratitude coa becerra que lle tocou, porque "axudoume bastante, era bastante dócil e conseguín domala ben", fronte a outros casos nos que "pode que che toque un animal que se pon moi nervioso". Ao final isto tamén é cuestión de ter un pouquiño de sorte e de boa man co gando.
COMO CHEGA UNHA MOZA A INTERESARSE POR ESTE 'MUNDIÑO'?
Agora ben, dende logo, para un mozo ou unha moza de hoxe en día non debe ser nada sinxelo coñecer da existencia de concursos coma este, e moito menos é habitual que, de coñecelos, amosen interese polos mesmos. Pero Alba asegura que "sempre me gustou o mundo dos concursos e, hai cousa de nove anos fun a unha escola que organiza a Confederación Nacional de Frisona Española (CONAFE) en Asturias". Iso si, nunca ata o de agora participara como manexadora e saíndo á pista nun concurso, aínda que si "teño ido traballar a concursos acompañando a gandeiros que levaban animais a participar". Seguramente fose ese contacto de primeira man co 'mundiño' o que a levase a adentrarse máis e máis nel. "Ademais, como teño granxa na casa, sempre estiven moi en contacto coas vacas e sempre tiven ese 'gusaniño' co mundo dos concursos", confesa a moza gandeira.
Do mesmo xeito, tampouco resulta frecuente que unha rapaza de vinte anos se interese pola gandaría e polo rural, algo que Alba lamenta fondamente: "Cada vez queda menos xente que queira adicarse ao sector primario". Se ben, e en contra do que poida semellar, asegura que "dentro do mundo dos concursos, aínda que non somos moitísimos, si que hai uns cantos rapaces e rapazas da miña idade máis ou menos". E, como conta, "é moi bonito, porque facemos piña e, como estes concursos os adoita haber tres ou catro veces no ano, tamén nos serven para atoparnos con xente nova que comparte esta mesma afección, este 'hobby', como lle poderiamos chamar". De feito, sen ir máis lonxe, moitos dos gandeiros galegos se atopan xa dentro do Clube de Xóvenes Gandeiros que hai en Galicia, dende onde lles convidan a participar en diferentes escolas. Alba, por exemplo, ten ido a facer cursos a Asturias e este verán estivo noutro na Granxa de Lourizade, en Pontevedra. "A cousa era saber un pouco a que nos ibamos enfrontar nestes concursos", afirma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.