A AP-9 será protagonista no Congreso: o BNG defenderá anular a concesión a Audasa e impulsar o seu traspaso a Galicia

Tamén pedirán suprimir as peaxes. "Non hai razóns para non transferir a AP-9, como non as hai para non finalizar a concesión", sinala Rego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2024 | Actualizada ás 16:32

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá na Cámara baixa que se anule a concesión da AP-9, suprimir as peaxes nesta autoestrada e impulsar o seu traspaso a Galicia. O parlamentario do Bloque defenderá a moción consecuencia da interpelación formulada a pasada semana e buscará o apoio para instar ao Goberno a anular a prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP-9 polo goberno do popular José María Aznar, a asunción da xestión directa da autoestrada, a supresión das peaxes e o impulso da transferencia a Galicia.

Durante o próximo pleno do Congreso, a organización nacionalista levará unha reivindicación histórica e maioritaria na sociedade galega para pór fin a unhas peaxes que cualifica de "estafa legalizada". Despois da interpelación urxente realizada polo deputado do BNG ao ministro de Transportes, na próxima semana será debatida unha moción co mesmo obxectivo. "Pór punto final á concesión é unha cuestión de vontade política, de xustiza e tamén da aplicación da legalidade ante o procedemento de infracción aberto pola Unión Europea pola ampliación do prazo de concesión", sinalou.

"O Goberno debe realizar de forma inmediata un estudo no que se exploren as vías xurídicas para a anulación da prórroga da concesión da Autoestrada do Atlántico e sexan avaliados os custos económicos que tería para o Estado a asunción da xestión directa da AP-9", subliña o parlamentario, que asegura que a cantidade de 4.000 euros dita polo ministro Óscar Puente "non parte dun estudo serio e fiable" nin de datos "contrastados".

Tamén pedirá o apoio da Cámara baixa para instar ao Goberno a anular a prórroga de 25 anos á concesionaria, que arrincou o 18 de agosto de 2023 e asumir a xestión directa da autpista e a supresión das peaxes. "Lograr este obxectivo na actualidade está perfectamente xustificado se consideramos que, segundo a Comisión Europea, as prórrogas nas concesións foron adoptadas de forma irregular, polo que se podería declarar a nulidade da concesión actual", argumenta Néstor Rego.

Ademais, sostén que o mantemento das peaxes representa "non só un castigo para todos os galegos senón unha clara discriminación para Galicia". No mesmo pleno debaterase e votarase a toma en consideración da proposición non de lei para a transferencia a Galicia desta autoestrada, unha iniciativa que emana do Parlamento galego co apoio de todas as forzas con representación.

Saída da AP-9 á Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela
Saída da AP-9 á Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela | Fonte: AUDASA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta