Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2024 | Actualizada ás 16:58
O Consello da Xunta aprobou este luns o Bono Remuda, unha nova convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cun prespuesto de 1,5 millóns de euros para fomentar o traspaso de negocios e garantir a súa permanencia no seo do tecido produtivo galego.
Segundo explicou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á celebración do Consello, a orde de axudas enmárcase no Plan de Remuda que funciona ao amparo da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con 13 centros activos e ao que levan adherido máis dun centenar de empresas.
As axudas buscan "evitar o peche de negocios por falta de substitución xeracional, á vez que se facilita que as persoas interesadas en emprender poidan recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente".
Os negocios deben ter o domicilio social e fiscal en Galicia e estar inscritos na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento. A substitución debe ser por xubilación ou próxima xubilación do titular do negocio. Tamén por causas sobrevindas como incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou falecemento, e deben producirse entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2024.
O Bono Remuda conta con dúas liñas de axuda. A liña 1-Bono remuda rural, para negocios situados en concellos de menos de 5.000 habitantes, á que se destina un millón de euros e para o que se fixa un 75% de porcentaxe de subvención respecto do prezo estipulado no contrato de substitución.
Mentres, a liña 2-Bono remuda xeneral, para municipios de 5.000 habitantes ou máis, conta con medio millón de orzamento e a porcentaxe de subvención será do 70%. Se se trata de substitución mediante aluguer do local e/ou medios produtivos, o importe da achega será o correspondente aos primeiros 18 meses de aluguer.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.