Coñecendo a Elba, a galega con máis de 10.000 anos de antigüidade que pastoraba uros

Da man da paleontóloga e investigadora da UDC Aurora Grandal contámosche que é o que sabemos de Elba a día de hoxe e que é o que nos queda aínda por descubrir desta misteriosa muller; así como os ósos que aínda faltan por atopar do seu corpo para lograr unha reconstrución aínda máis fiel da que xa temos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 19/06/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O achado de fósiles en Galicia é algo practicamente imposible, máis aínda se falamos de fósiles de seres humanos. É por iso que o achado de Elba, unha muller do mesolítico con máis de 10.000 anos de antigüidade, ou alo menos de parte dos seus ósos, supuxo un auténtico fito na historia galega. Da man da paleontóloga e investigadora da Universidade da Coruña (UDC), Aurora Grandal, participante no V Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) contámosche que é o que sabemos de Elba a día de hoxe e que é o que nos queda aínda por descubrir desta misteriosa muller; así como os ósos que aínda faltan por atopar do seu corpo para lograr unha reconstrución aínda máis fiel da que xa temos.

Réplica de Elba
Réplica de Elba | Fonte: CSIC - Arquivo

Grandal sente fascinación por esa historia de ida e volta dos fósiles: "Nós estudamos os fósiles e chega un momento no que nos estudamos a nós mesmos, os humanos, e quen sabe se, algún día, nós mesmos como persoas individuais chegaremos a converternos en fósiles e alguén nos estudará". Esta reflexión parte un pouco dese momento no que o equipo da investigadora atopou a Elba. Como ela mesma conta, "foi un achado un pouco casual: apareceu nunha cova, nunha greta moi fonda correspondente ao afundimento dunha dolina na superficie, tras un episodio de colapso único". Na zona baixa atoparon entre os bloques restos de tres uros, o antepasado silvestre da vaca doméstica, e entre os bloques de arxila rechea polo medio restos de ósos dunha muller: un dente, algúns ósos dos brazo, un fémur... "Este achado foi impresionante porque a primeira vez foi cousa casual, pero logo xa diriximos os nosos esforzos a recuperar os restos de Elba", comenta.

Ademais, Grandal asegura que "a cova é moi perigosa, moi dinámica", polo que "hai que baixar cun grande equipo para ir recuperando os ósos que se van quedando liberados a medida que se vai desprendendo o xacemento". Os ósos de Elba puidéronse estudar e puidose facer un estudo anatómico clásico para calcular o seu diámetro e o seu peso: "pesaba uns 56 quilos e, pola lonxitude do seu femur, debía medir 1,53 metros, polo que era máis ben baixa dentro do seu grupo de mulleres mesolíticas que habitaban a Península e Europa, quedándose por debaixo da estatura media", aínda que "era moi forte, porque tiña grandes insercións musculares aínda sendo pequeniña de estatura". 

Seguidamente, ademais dese estudo básico, contactaron co forense Serrulla do Imelga para realizar unha reconstrucción das súas patoloxías, e saber así de verdade quen era Elba e que lle fora pasando na súa vida. Este estudo arroxou detalles como que tiña "patoloxías como hiperostosis protoica, criba orbital, estrés derivado da alimentación ou da saúde, trauma cranoencefálico antigo, caries, hiplasia no dente, problemas de saúde durante o crecemento e artrose traumática nun pé, entre outras cousas". Tamén se puido estimar a súa idade, aínda que non con moita precisión, concluíndo que andaría entre os 20 e os 40 anos.

Finalmente, procedeuse a facer unha reconstrución artística-forense, aínda que faltaban moitos ósos da cara por atopar, así que esta reconstruíuselle de maneira forense. O estudo dos isótopos estables de Elba tamén permitiu saber que "Elba non era moi carnívora a pesares de ser da época do Mesolítico e de que en moitos sitios aínda eran cazadores-recolectores, pero Elba xa non come moita carne en comparación con outros dos seus contemporáneos". Tamén se puido determinar que Elba tiña máis ben a pel escura, xunto a pelo e ollos tamén escuros. Así mesmo, concluiuse que a súa morte "fóra algo accidental".

Durante moito tempo o que máis estrañou foi que caese nese burato xunto aos tres uros, que eran animais salvaxes. "Por algún motivo estaban moi xunto cando a estrutura se derrubou e iso indica que tiña que haber algunha relación entre ela e os uros para que estivesen tan preto", explica Grandal. Foi por iso que se lle comezou a chamar A Pastora, porque a hipótese era que podía estar pastorándoos. A día de hoxe, como conclúe a investigadora, "xa non queda moito do seu compoñente xenético, o que queda está xa moi diluído".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta