Estudo dos fósiles en Galicia: unha tarefa heroica debido á súa escaseza e mala preservación

Da man da paleontóloga e investigadora da UDC Aurora Grandal coñecemos algúns dos achados arqueolóxicos máis relevantes de Galicia: do mamut de Buxán aos osos cavernarios e cervos da cova de Liñares.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 18/06/2024 | Actualizada ás 22:10

Comparte esta noticia

Os fósiles son algo fascinante, e esa é unha cousa na que case todo o mundo está de acordo. Pero, lémbraste de que algún fose atopado en Galicia? Tranquilo, se non te lembras non é porque non esteas ao tanto das novidades sobre o mundo da paleontoloxía, senón porque no nosa terra é terriblemente complicado atopar fósiles, debido ás características particulares das rochas e á orografía do terreo, entre outros factores. Da man da paleontóloga e investigadora da Universidade da Coruña (UDC), Aurora Grandal, participante no V Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) contámosche por que Galicia é un lugar tan pouco fructífero para a arqueoloxía.

Cráneo de oso cavernario
Cráneo de oso cavernario | Fonte: Wikipedia

Grandal recoñece que en Galicia "non temos grandes sitios fosilíferos". Por iso, ante a pregunta de onde podemos atopar restos fósiles en Galicia, Grandal apunta "aos fondos mariños do Paleozoico que poden conter fósiles de organismos mariños que logo remataron por elevarse e formar montañas pola acción das placas tectónicas, como o famoso pregue do Courel". Con todo, asegura que "esa colisión foi tremenda, polo que os fósiles quedaron moi deformados ou directamente desapareceron a partir da mesma". Tamén podería haber fósiles en "zonas de lagos ou concas, como as das Pontes e Meirama, que foron un lago fai uns 40 millóns de anos". Pero, "ao ser escavadas para sacar delas linnito, cando se procedeu a queimar o linnito tamén se queimaron con el os fósiles". Agora poden aparecer algunhas mostras, pero moi poucas. 

Aínda así, o grande problema para a arqueoloxía galega é que "non hai unha tradición deste tipo de estudos en Galicia debido, entre outras cousas, á mala preservación dos fósiles, mentres que noutros lugares si a houbo xa dende o século XIX". Así, dos fósiles pertencentes ao Paleozoico en Galicia xa só se atopan anacos dalgúns crinoideos. Tamén dalgúns braquiópodos, organismos que vivían en cunchas bivalvas, pero que xa se atopan aplanados e deformados. E de trilobites, artrópodos abundantes nalgúns lugares pero tamén moi deformados no caso de Galicia. Por iso, para a investigadora, "o estudo dos fósiles en Galicia é algo heroico, xa que están moi mal conservados, así que é case facelo por amor ao arte".

DE GUILLERMO SCHULZ A JOSÉ VILLAAMIL E CASTRO PASANDO POR PRIMITIVO HERNÁNDEZ SAMPELAYO

Entón, de onde se sacaron os fósiles que hoxe por hoxe sabemos que son galegos? Grandal apunta a "xeólogos que estaban estudando as rochas de Galicia como Guillermo Schulz (1800-1877) e que cando aparecían fósiles os empregaban para datar as rochas; ou, xa moito despois, o enxeñeiro de minas Primitivo Hernández Sampelayo, que estudou a fauna paleozoica da provincia de Lugo e foi pioneiro en descubrir algúns dos poucos fósiles que conservamos". Con todo, a figura máis destacada na súa opinión é José Villaamil e Castro, un prehistoriador que "viviu en Mondoñedo de mozo e escribiu un libro de antigüidades prehistóricas e céltigas de Galicia, en 1873, antes de que se descubrise Altamira, estudando a cova do Rei Cintolo, da que fixo un esquema coas escavacións realizadas nela, así como doutra cova, chamada a Furada dos Cas, na que atopara ósos de roedores, lebres, rumiantes... unha fauna non moi antiga, pero si fósil, á fin e ao cabo".

Ósos do mamut de Buxán, atopado no Incio
Ósos do mamut de Buxán, atopado no Incio | Fonte: CSIC

Ese sería un primeiro comezo, pero despois dese ano de 1873 veu "a nada, ninguén continuou este tipo de traballos nin se seguiron buscando xacementos en covas", asegura Grandal. En concreto, apunta a diversos motivos polos que se abandonou esta busca. Entre eles, "sabemos que temos poucas rochas sedimentarias, con bandas de caliza moi estreitas comezando en Mondoñedo ata Valdeorras e con rochas graníticas e metamórficas predominando". De feito, apunta a un achado aillado e curioso que tivo lugar na canteira de calizas que se estaba explotando para unha cementeira de Buxán, no Incio, en Lugo, na que os traballadores atoparon no ano 1961 restos de mamut caídos nunha greta entre a caliza da canteira, restos que foran arrastrados alí polo movemento das rochas. "Foi algo moi chamativo porque dende facía moito tempo ninguén atopara fósiles en Galicia", lembra Grandal.

Polo tanto, son estas calizas que se estenden en estreitas franxas do leste cara o oeste as que poden conter aínda fósiles. "Nestas zonas atopamos unhas condicións ideais, porque non hai nelas lagunas que se recheasen con sedimentos, pero si covas, o 'cast', que é o que se desenvolve cando comeza a disolverse a caliza, e, se nel chegan a depositarse restos de animais, estes quedarían apartados das inclemencias meteorolóxicas", afirma a investigadora. Pon o exemplo da Cova da Valiña, onde en 1962 atopáronse algúns ósos de diferentes animais precisamente porque se preservaran no 'cast'.

A MAIORÍA DOS ÓSOS ATOPADOS NA SERRA DO COUREL PERTENCÍAN A OSOS CAVERNARIOS E CERVOS

O problema, segundo apunta, está en que en Galicia "tampouco hai un gran equipo para traballar en covas e atopar restos". Así que nesas zonas con moitas covas o equipo de investigación do que forma parte Grandal tivo que tirar dos espeleólogos: "A Federación Galega de Espeleoloxía promocionou a exploración das covas e colaborou co Laboratorio Espeleolóxico de Laxe, así que entre eles e ese laboratorio, que logo daría lugar ao Instituto Universitario de Xeoloxía (no que está a investigadora), naceu o estudo de todos os restos desas covas". Algúns restos foron atopados xa nos anos 80, como ósos de cervos e osos. "Nas covas atopamos restos de animais que vivían nelas, que caeron alí ou que foron transportados alí, de moi distintos tipos", explica Grandal.

No caso do seu equipo, centráronse na serra do Courel e nas inmediacións, "nas que se pode facer unha recollida superficial de ósos intactos en superficie, ás veces transportados dentro da cova en depósito secundario". A maioría dos ósos atopados na serra do Courel pertencían a exemplares de oso cavernario, un animal herbívoro moi grande que hibernaba nas covas. Tamén atoparon ósos doutros animais máis chamativos como o rinoceronte lanudo, bisontes... e algún lobo, pero había poucos nesa época en Galicia. Como cousa curiosa, e tras estudar o ADN dos ósos de oso atopados nas covas de Eirós, A Ceza e Liñares, os investigadores puideron concluír que "cada cova tiña unha linaxe mitocondrial específica, o que significa que en cada cova só habitaban osos da mesma linaxe", apunta Grandal. Pola contra, ao estudar os ósos de cervos, "vimos que había dúas linaxes principais: oeste e centro Europa e sudeste de Europa e Asia e, dentro dunha mesma cova, estaban mesturados". 

Ademais, realizando un estudo dos isótopos estables, extraendo coláxeno dos ósos fósiles que está formado polas proteínas comidas polo animal, e os hervíboros teñen un valor de nitróxeno máis baixo que os carnívoros e que os omnívoros, puídose saber que "o oso de Liñares era bastante máis hervíboro que os propios hervíboros, xa que os cervos tiñan un valor de nitróxeno nos seus isótopos máis alto que o oso". Como explica Grandal, "ese sinal isotópico vaise adaptando non só á alimentación, senón tamén aos cambios climáticos e de temperatura do pasado, xa que en momentos máis fríos os osos hibernaban durante máis tempo e tiñan un comportamento diferente a momentos de calor". Viría a ser esta outra forma de ver como era o metabolismo dunha especie que na actualidade xa está extinguida.

Mamut
Mamut | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta