Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 20/06/2024 | Actualizada ás 21:09
Os xardíns son espazos de recreo e desconexión que a todos nos gusta visitar. Son lugares que nos axudan a escapar dese axetreo do mundo moderno e que nos invitan a reflexionar. Ao mesmo tempo permítennos conectar coa natureza e gozar de especies que quizáis nunca antes víramos. Dentro deles hai desde fontes ata esculturas que tamén contribúen a crear esa aura romántica. E en Galicia temos moitos xardíns de beleza singular, a maioría deles pertencentes a grandes pazos e castelos de señores doutra época. O problema é que a pesares de ter tantos, só 7 gozan do recoñecemento de 'xardíns históricos' e, polo tanto, de protección por parte das administracións. Os demais están na súa maioría en mans de particulares aos que non lles compensa declarar estes espazos 'xardíns históricos' por todas as obrigas legais que iso conleva e, polo tanto, estanse a descoidar.
Jesús Ángel Sánchez García, catedrático de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela (USC), puxo de manifesto a necesidade de preservar estes espazos nunha conferencia do encontro 'Xardíns históricos: a protección dun patrimonio cultural', organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG). É importante lembrar que en Galicia temos 7 denominacións de xardíns históricos: os xardíns do Pazo de Oca na Estrada, os xardíns do Pazo Quiñones de León en Vigo, os xardíns do Pazo de Rubianes en Vilagarcía de Arousa, os xardíns do Castelo de Soutomaior na localidade homónima, os xardíns do Pazo Quinteiro da Cruz en Ribadumia, os xardíns do pazo de Lourizán en Pontevedra e, recén incorporado, o Parque do Pasatempo de Betanzos (aínda pechado ao público). Como pode verse, a maioría deles están asociados a un pazo, polo que o catedrático da USC explica que "moitas veces a sociedade cre que é mellor catalogalos como monumentos, antes que como xardíns históricos". Para Sánchez García, isto afonda máis na importancia de visibilizar ese patrimonio oculto e facelo valioso para a sociedade por si mesmo.
E é que "os xardíns históricos nos rodean, pero seguen estando ocultos, pois moitos deles son subsidiarios dos pazos". Neste senso pon como exemplo os xardíns do palacio de Versalles (Francia), cuxa estrutura xardinística supera en moito a arquitectura do palacio estritamente pétreo. "As elites, sobre todo no Antigo Réxime, pero tamén nos comezos da Idade Contemporánea, entenderon que facer xardíns non só era dotar ás casas de espazos para o lecer da familia, senón tamén crear espazos que falaran para a posteridade, como sinais de prestixio e distinción", explica o catedrático da USC. Os primeiros xardíns xurdiron vinculados á aparición dos pazos galegos, esas primeiras moradas da nobreza no rural. Con todo, aínda non eran propiamente xardíns, senón hortas. De feito, Sánchez García apunta a planos dos séculos XVII e XVIII nos que aparecen eses pequenos espazos, compartimentos que no futuro serían xardíns, como hortas produtivas que pouco a pouco foron mudando incorporando ese sentido estético como lugar de paseo e desfrute. Para o historiador chama poderosamente a atención esa condición de horta mesmo en espazos tan estensos e protagonistas como os xardíns do Pazo de Fefiñáns, que ocupan máis que a propia casa.
ATA O SÉCULO XVII NON SE FALABA DE XARDÍNS, SENÓN DE HORTAS DOS PAZOS
A denominación de horta mantívose ata a segunda metade do século XVII. Durante os séculos XVI e primeira metade do XVII falábase de horta como ese espazo pechado por muros, para o desfrute da familia, que se vai ordenando con paseos, aparecen pérgolas, fontes e moitos testemuños empezan a falar do que se cultiva nelas: frutais cítricos na horta de Fefiñáns, por exemplo. Nesa segunda metade do XVII aparecen as primeiras descricións nas que se emprega o denominativo xardín, que para Sánchez García "indica claramente a idea doutro tipo de espazos, recoñecidos como de recreación, cunhas intervencións artificiais orientadas a crear paseos con mirtos, buxos... coa presenza tamén de elementos máis lúdicos como fontes, estanques, bancos para sentarse ao aire libre, e sempre achegados á casa, que serven como transición para o resto das fincas". Isto ocorre por exemplo no Pazo de Gondomar.
Tamén hai documentación que fala de plantacións estéticas no xardín desaparecido da Fortaleza de Castro de Amarante, en Antas de Ulla, que di que no ano 1681 gozaba de diferentes plantas cualificadas de pinturas polas súas múltiples cores, algunhas delas aromáticas, e, ademais, unha rúa feita con buxos e outras árbores formando parte tamén desa finca, así como asentos de pedra e xogos, o cal "amosa claramente esa connotación de espazo lúdico para o desfrute das familias propietarias". Sánchez García tamén indica que ás veces temos evidencias en pedra da creación de elementos deses xardíns que foron labrados polos canteiros, como na fonte do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, xardín completado con dous bancos de pedra á entrada para a recepción das visitas. "A idea era agradar aos visitantes e copiaron a disposición de xardíns da corte e dos aristócratas, que se ían copiando uns aos outros pola dinámica de emulación das clases altas que se daba na época, pois adaptar e replicar este tipo de disposicións empezaba a entenderse como elemento de distinción das elites, de posta ao día, de estar á moda e do bo gusto", explica.
DURANTE OS SÉCULOS XVII E XVIII OS XARDÍNS GALEGOS RECIBEN INFLUENCIAS FORÁNEAS, ESPECIALMENTE ITALIANAS E FRANCESAS
Durante os séculos XVII e XVIII os xardíns galegos reciben influencias foráneas, especialmente italianas e dos xardíns cortesanos do barroco francés. Este barroco francés deixa notarse nos aterrazamentos que quedan moi visibles, por exemplo, nas Torres de San Tirso do Pazo de Quiroga, en Abegondo, e tamén nos estanques, como no do Pazo de Oca, na Estrada, con clara evocación aos Xardíns do Bo Retiro de Madrid, pois tamén inclúen esculturas de barcas e outras máis satíricas que simulan a presenza dos cortesanos que xogaban coas cañas a pescar no estanque. A influencia francesa tamén está presente nos encaixes feitos con buxos nalgúns xardíns e que, no Pazo de Mariñán, en Bergondo, mesmo serven para despregar as sinais heráldicas dos propietarios. O Pazo do Faramello, en Rois, tamén é un bo exemplo das estruturas aterrazadas.
O século XVIII especialmente foi a época de máis grande apoxeo dos xardíns dos pazos, e foi tamén o século do apoxeo das clases nobres. Nese momento, como explica o catedrático da USC, "un casamento ou unha herdanza servían non só para magnificar a arquitectura das casas, senón tamén para plantar xardíns, con grandes inversións". E apunta que "eses espazos axardinados usábanse como outro símbolo máis de poder e orgullo da nobreza, para poder exhibilos aos visitantes". Como indica, "ás veces mesmo competían familias entre si intentando ver quen estaba por diante na creación dos xardíns, quen incorporaba máis plantas exóticas, fontes, estanques e novas ideas, algo que se deu por exemplo entre os propietarios dos pazos de Oca, na Estrada, e Santa Cruz de Rivadulla, en Vedra".
NA SEGUNDA METADE DO SÉCULO XVIII GAÑOU TERREO UN ENFOQUE DOS XARDÍNS MÁIS NATURALISTA, CHEGADO DE INGLATERRA
Tamén estes xardíns servían para "marcar distancia nesta etapa do Antigo Réxime con respecto ás clases populares, pois os labregos só podían ver a terra como un sustento, mentres que as clases nobres podían destinar esas grandes extensións de terreo a espazos de desfrute e ornamentais". Na segunda metade do século XVIII, de feito, gañou terreo un enfoque máis naturalista, máis libre dos xardíns, chegado de Inglaterra. Isto é algo que se pode apreciar nos xardíns de Santa Cruz de Rivadulla, en Vedra, que gozan dun trazado máis de parque que de xardín, inspirado en modelos ingleses con presenza de cascadas, paseos irregulares, rusticidade... "Estes compoñentes son indicativos de como se están abrindo os xardíns galegos e conectando co que pasa fóra", asegura Sánchez García.
Isto é algo que se aprecia aínda máis no século XIX, chegado xa o pleno Romanticismo, os contactos comerciais, as liñas de vapor que conectan os portos galegos cos do sur de Inglaterra, a presenza de exiliados políticos galegos en terra inglesa... Todas estas circunstancias explican a introdución en Galicia dos xardíns umbríos, máis pintorescos, con exposición de variedades de plantas foráneas, con sementes chegadas por barco. "Empezan a dar unha nota distintiva aos xardíns galegos que aínda chega ata hoxe: que os xardíns galegos teñan esa personalidade da que moitas veces se fala débese sobre todo ao que acontece durante o Romanticismo". Foi nesa época cando se introducen algunhas das plantas que aínda seguen identificando aos nosos xardíns: hortensias, peonías, camelias, fucsias... favorecidas polas cualidades do clima e da terra. "Hoxe estas plantas están completamente naturalizadas e as consideramos case autóctonas, cando en realidade non o son, chegaron vía terrestre ou marítima", comenta o historiador.
NO SÉCULO XIX CONSOLÍDASE A IMAXE ROMÁNTICA QUE AÍNDA PERDURA HOXE DOS XARDÍNS UMBRÍOS, EN FLOR TODO O ANO
Sánchez García pon o exemplo dos xardíns do Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, en Vedra, onde se plantaron magnolios alternando con camelias de maneira experimental, porque nin os propietarios sabían realmente o porte que ían acadar, e hoxe aparecen moi achegados uns exemplares a outros. No Pazo de Peño do Ouro, en Noia, seguen chamando a atención exemplares de secuoias, araucarias, criptomerias e tamén grandes eucaliptos, introducidos ás veces sen ter a medida exacta do porte que van desenvolver. "O eucalipto é unha planta que máis que por funcións utilitarias e aromáticas chega a Galicia como un elemento para chamar a atención e demostrar que nobres son capaces de ter acceso ás súas sementes e os que non", asegura o catedrático da USC.
Así, durante esa época "queda consolidada esa imaxe romántica de xardíns galegos utópicos, umbríos, con gran variedade de plantas, con florecemento durante todo o ano". Estes xardíns chéganse a caracterizar como de tipo inglés, algo único na Península, fronte aos xardíns hispano-árabes, de tipo mediterráneo. De feito, "en Inglaterra din que Galicia é a terra por excelencia dos xardíns en España, con perenne humidade e a néboa tan típica do clima galego, pero tamén achegada a esa terra inglesa". Dende comezos do século XX os xardíns comezan a ter representacións na plástica, na pintura e, máis contemporáneamente, tamén na literatura. "Emilia Pardo Bazán ou Ramón María del Valle Inclán, nas súas novelas ambientadas en Galicia, repiten o tópico de presenza de mansións decadentes en ruínas tras o declive da nosa nobreza, vinculada a imaxes de xardíns umbríos, descoidados, como outro compoñente cultural característico da nosa terra", explica o historiador.
"QUEDA MOITO POR DESCUBRIR DE QUENES FORON OS AUTORES DOS XARDÍNS; PERO AS MULLERES XOGARON UN IMPORTANTE PAPEL"
A día de hoxe, como expón Sánchez García, "queda moito por descubrir de quenes foron os que fixeron os xardíns, dende algúns propietarios ata xardineiros e tamén caseiros, que eran aos que se lles encomendaba o coidado diario destes espazos". E é que non todos os xardíns galegos se sabe cando xurdiron. O catedrático da USC apunta a que no xardín do Pazo do Casal, en Bergondo, hai unha datación en pedra que pon que o xardín foi feito en 1853: "Isto é unha cousa incríble, o ter acceso a esta información dun xardín perfectamente coidado grazas a xeracións e xeracións de caseiros que se ocuparon de coidar este legado". Neste punto asegura que o coidado dos xardíns e mesmo a súa creación tamén estivo nas mans das mulleres, porque "sobre todo no XIX as grandes protagonistas do deseño, encargadas de mercar as plantas por catálogo e de vixiar o seu crecemento, foron as mulleres".
A pesares diso, a maioría da documentación que hai dos pazos fala dos homes, por ser os que tiñan as responsabilidades económicas de mantemento da casa. Como exemplos, cita a Josefa de Oca Ulloa, que no Pazo de Mariñán, en Bergondo, deseñou a terraza principal do parterre, dando instrucións aos xardineiros e ocupándose do día a día mentres o seu home estaba nos seus oficios. Tamén a muller de Andrés Gayoso de Neira, Constanza Arias de Ulloa, no Pazo e Oca, na Estrada, estivo á fronte da construción dos estanques, dando ordes ao xardineiro. Ou Ramona Pardo de Figueroa e Sarmiento no Pazo de Fefiñáns, en Cambados, e Francisca González Garrido (máis coñecida como Fanny Garrido) no Pazo de Lóngora, en Oleiros, así como a propia Emilia Pardo Bazán nas Torres do Pazo de Meirás, en Sada.
"TEMOS XARDÍNS AFECTADOS POR FUNGOS, FALTOS DE COIDADOS E EN ESTADO LAMENTABLE, ESTAMOS PERDENDO ESTAS XOAIS EN TODAS AS ESCALAS"
Na actualidade estes xardíns son fráxiles e mesmo os que teñen máis décadas de historia e traxectoria se enfrontan a ameazas que os afectan moi rapidamente e os fan perigar. Sánchez García fai un chamamento a traballar sobre eles, poñendo algúns exemplos. No Pazo de San Fernando do Picón, no Pino, a avenida de buxos, que foi a composición máis potente da parte central do xardín, creando murallas e torreóns inspirándose na xardinaría inglesa, está hoxe en moi mal estado. "Temos xardíns afectados por fungos, faltos de coidados e en estado lamentable, estamos perdendo estas xoais en todas as escalas", lamenta o catedrático da USC. Ademais, asegura que nalgúns destes xardíns mesmo se están dando "intervencións hosteleiras pouco respectuosas, sen ter en conta que son xardíns pequenos, moi compartimentados, con plantacións moi intensas e frondosas e que, cando se liberan espazos e se instalan comedores permanentes, o dano xa é irreversibilidade". Un exemplo disto sería o Pazo de Cela, en Cambre.
Para evitar chegar a estes extremos de descoido ou malas intervencións, García Sánchez aposta por "crear un rexistro de xardíns de interese", porque a día de hoxe "non sabemos cantos xardíns deste tipo hai en Galicia". Non quere empregar a etiqueta 'históricos' porque considera que "isto limita moito, a etiqueta recoñecida na Lei de Patrimonio de Galicia implica, como temos comprobado todos estes anos, unha barreira". E pregúntase: "se somos a terra dos xardíns no norte de España, por que solo temos sete?". Se ben é certo que moitos xardíns de pazos forman parte do monumento como tal, como o de Oca ou o de Mariñán, que se conciben xunto co pazo como conxunto histórico, o catedrático da USC considera que isto supón "limitacións novamente nas categorías e nas etiquetas contempladas na lexislación que no caso de Galicia teñen que superarse".
Pon exemplos do que se está a facer fóra de Galicia e que poderían servir como modelo a seguir: os franceses teñen a etiqueta dende fai anos de 'xardín notable' ou 'xardín singular'. "As obrigas que van recaer sobre un propietario de 'xardín histórico' seguramente na mente dos responsables de xestionar ese patrimonio o fagan rexeitar esa figura de protección, mentres que unha etiqueta de tipo cultural que non implique obrigas tan esixentes como as da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia permitiría abrir ese novo terreo a explorar as posibilidades de contribución e difusión dos xardíns sen estar tan encorsetados e suxeitos á lexislación". Na mesma liña, chama a "buscar fórmulas para que os propietarios particulares teñan reforzos e apoios por parte de asociacións, como a modélica Asociación de Portugal de Propietarios de Xardíns Históricos, e de institucións, con deducións fiscais ou subvencións directas para a restauración e mantemento de cousas que precisen dunha intervención económica tan forte que o propietario sexa incapaz de asumila na súa totalidade".
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida de Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
Xardíns do Pazo Quiñones León en Vigo | Fonte: CommonsXardíns do Pazo de Rubianes en Vilagarcía de Arousa | Fonte: Commons¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Apoio á oficialidade do topónimo 'ría do Eo' por parte do Tribunal de Xustiza de Madrid
- O Arquivo Militar de Ferrol non se trasladará a Madrid, asegura o Ministerio de Defensa
- O esgrafiado galego entra no Censo do Patrimonio Cultural
- O Plan de Xestión dos Penedos de Pasarela e Traba, paisaxe natural protexida dende 2008, entrará en vigor en 20 días
- Recuperan unha ara de orixe romana en Caldas de Reis
- Os Franco teñen que devolver case 600 obxectos do Pazo de Meirás ao Estado, segundo unha sentenza