A Xunta di que "dignifica" os lugares de enterramento de vítimas franquistas

O PSdeG pídelle que "faga algo máis que dar trámite ás subvencións do Estado" vinculadas á Lei de Memoria Histórica.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/06/2024 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

A Xunta asegurou que está a aplicar "con total normalidade" e "coa mesma implicación" a Lei de Memoria Democrática en Galicia, unha norma na que a comunidade leva a cabo accións "pioneiras" ademais de tres liñas estratéxicas, que pasan por identificar e exhumar ás vítimas, divulgar traballos e investigacións e "dignificar" lugares de enterramento e vinculados á memoria.

Así o dixo a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, en resposta a unha pregunta formulada en Comisión parlamentaria pola portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, en relación á Lei de Memoria Democrática. Na súa intervención, Paloma Castro asegurou que o Goberno galego leva "sen incluír ningún tipo de actuación" para a recuperación da Memoria Democrática nos Orzamentos e na súa acción política "desde o ano 2012" e instoulle a que faga "algo máis que a dar trámite ás subvencións do Estado".

Segundo Castro, segundo a lei de 2022, o Goberno galego "ten que incluír" o coñecemento da memoria democrática no sistema educativo, incorporar a represión como materia curricular e fomentar a investigación da memoria democrática, así como impulsar programas de divulgación. Fronte a iso, acusou á Xunta de "meter nun caixón os seus deberes" e limitarse a "cubrir o trámite e salvar os mobles".

Con todo, Sandra Vázquez negou estas afirmacións e asegurou que a lei se aplica en Galicia "con total normalidade" e que a Xunta participa "de forma activa" en todas as convocatorias do Goberno central sobre a materia, tendo en conta de que se trata dunha lei estatal. As tarefas do Goberno galego, recollidas no Plan Cuatrienal de Memoria Democrática 2021-2024 baséanse en tres "liñas estratéxicas", dixo Sandra Vázquez, a localización, exhumación e identificación das vítimas, a divulgación de traballos sobre a materia e a dignificación de lugares de enterramento e lugares de memoria.

En 2023, o último ano completo sobre o que hai datos, iniciáronse os traballos en tres fosas, a de Santa María de Pradocabalos, en Viana do Bolo, a do cemiterio de San Salvador, en Oza-Cesuras, e a fosa de Santa María do Val, en Narón. Ao longo dese ano tamén se difundiron traballos como un estudo histórico sobre o impacto da violencia franquista en Celanova, presentación de resultados do Plan de Memoria Histórica e participación en foros e congresos.

No ámbito de dignificación de lugares, sinaláronse os lugares onde estiveron as fosas comúns en Celanova, Vilagarcía de Arousa, cemiterio de Vilacova, en Lousame, e San Pedro de Filgueira, en Crecente. En todos os casos, dixo Sandra Vázquez, está previsto a instalación dun memorial. Este ano, avanzou a directora xeral, a Xunta "seguirá traballando coa mesma implicación" neste ámbito.

Achan restos e casquillos de bala na fosa na que se busca a tres represaliados en Bértoa, Carballo
Achan restos e casquillos de bala na fosa na que se busca a tres represaliados en Bértoa, Carballo | Fonte: ARMH

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta