Dos nervios por ter a mellor nota posible aos que non descartan a FP: así afrontan estudantes galegos a ABAU

Alumnos que fan a selectividade na Facultade de Comunicación de Santiago aproveitan os descansos para repasar e intercambiar impresións do último exame.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2024 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

Os nervios e os repasos de última hora son as principais maneiras que teñen os alumnos de afrontar a Avaliación para ou Acceso á Universidade (ABAU) en Galicia, unhas probas que arrincaron este martes e que para algúns mesmo poden ser a porta de entrada cara a un ciclo superior de Formación Profesional (FP).

Máis de 13.400 estudantes galegos (case 2.900 en Santiago) están chamados a participar no que anteriormente se coñecía como selectividade ao longo de tres días, ata o xoves 6 de xuño, nunha decena de localidades. Será a última co modelo covid, que se caracteriza por unha maior optatividade á hora de realizar os exercicios. Este martes, a partir das 9.00 horas, os aspirantes empezaban a ocupar as aulas para recibir unhas pautas de como se ía a desenvolver a ABAU, unhas instrucións que practicamente son dabondo coñecidas para eles.

Antes do inicio do primeiro exame ás 10.00 horas, que como novidade este ano foi o de Lingua Galega e Literatura, os mozos encheron os corredores da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago e a maioría, a pesar de saber que a tranquilidade ía ser a súa mellor aliada, recoñecían ante o micrófono de Europa Press que estaban "nerviosos".

"Hai que estar acougados, se non lévase mal. Poida que algún sala regular e, se estás nervioso, pode saír peor", explica Pablo Penide, alumno do IES Manuel García Barros da Estrada que pretendía estudar Educación primaria, preferiblemente para ser profesor de Música. Antes do primeiro exame, desexaba que "oxalá" caese o que levaba máis estudado.

Un compañeiro seu, Adrián Castro, conta que a parte que máis se preparou foi a de sociolingüística, concretamente os prexuízos sobre o galego (precisamente o que acabou caendo), aínda que as semanas previas á ABAU afrontounas como un "repaso" do xa dado durante o curso. A súa intención é poder entrar nunha enxeñaría, "se pode ser informática".

OS NERVIOS "HAI QUE SABER CONTROLALOS"

Outras dúas alumnas do IES Manuel García Barros que queren entrar en INEF (Educación Física e Deporte) non ocultaban os seus nervios iniciais. Natalia confesaba que era "o normal", pero que "hai que saber controlalos". A súa compañeira, Arabia, recoñecía que só se relaxará "unha vez feito o primeiro", o de Lingua Galega e Literatura.

Tamén había entre os corredores da Facultade de Ciencias da Comunicación quen chegaba á selectividade desde unha FP superior, tamén para poder acceder a un grao universitario. É o caso de Lara González, quen quere entrar en Educación Infantil: "Lévoo ben, só levo dúas materias, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais e Portugués".

Ekaitz Fidalgo, estudante do IES Rosalía de Castro de Santiago, quere facer o camiño oposto: de Bacharelato a FP. "Só veño para ter a ABAU, por se máis tarde apetéceme entrar na universidade", indicou a Europa Press. Non entanto, nas últimas semanas dedicouse "todo o intre ao estudo, sen saír de casa nin nada". Foron días de "tensións", algúns "tamén con ansiedade", conta Fidalgo.

Pola súa banda, a súa compañeira Araceli Fernández, tamén do IES Rosalía de Castro, recoñecía estar "tranquila" porque estudou "moito" durante semanas, aínda que xusto o día previo aproveitou e saíu "a tomar algo" para relaxarse. Ela quere entrar nun Grao en Filosofía, Política e Economía que se imparte en Barcelona.

DESCANSO TRAS O PRIMEIRO EXAME

Unha vez roto o xeo co exame de Lingua Galega, os alumnos volvían ocupar os corredores durante media hora, principalmente para comentar a dificultade das preguntas e cales fixeran. Iso si, outros se apresuraban a coller os apuntamentos da seguinte proba, a de Lingua Estranxeira (polo xeral, inglés), que arrincou ás 12.00. Celia González, estudante do IES Rosalía de Castro, foi ao de Lingua Galega "moi tranquila", menos nerviosa do que esperaba, e con "boas sensacións", aínda que admitiu que "algúns exercicios podía facelos mellor".

Era unha das que non aproveitaba para repasar a materia de inglés: "Moitas veces creo que, por angustiarme demasiado repasando cada cousa, no exame confúndome cando en realidade xa mo sabía". Celia quere entrar en Historia, en Santiago, "e se non pois en Educación primaria ou Infantil".

Quen non foi "moi preparado" para a proba de Lingua Galega é Iago Castro, do IES de Cacheiras de Teo, pero proque "non hai moita teoría que estudar". Non entanto, saíulle "ben" e espera ter "un bo resultado". Co mesmo optimismo afronta o exame de Inglés, para o que non necesita repasar na media hora de descanso: "Ou o sabes ou non o sabes, agora en 15 minutos non vas aprender inglés". Iago, que quere entrar en INEF aínda que non descarta facer un ciclo, como opción B, afronta as tres xornadas da ABAU "de risas e pasándoo ben", cos nervios xustos.

Estudantes na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, no primeiro día da Avaliación para o Acceso á Universidade (ABAU)
Estudantes na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, no primeiro día da Avaliación para o Acceso á Universidade (ABAU) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta