Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 08/06/2024 | Actualizada ás 22:00
Na realidade actual manéxanse dúas realidades contradictorias entre si e que desembocan nunha preocupación cada vez maior para empresas, gobernos e sociedade: o cambio climático e os seus efectos xa están aquí, avanzan a un ritmo moito máis rápido do que se podía predicir e o uso de renovables non é suficiente para cubrir a demanda de enerxía do mercado actual, de tal xeito que non se pode prescindir así como así da enerxía fósil. É por iso que a maior parte das empresas vense obrigadas a combinar renovables e fósil para poder atender aos seus clientes. Sabedoras de que están contribuíndo ás emisións de CO2, xa están poñendo sobre a mesa toda unha serie de iniciativas para compensar tales emisións e reducir a súa pegada de carbono.
"Os científicos cada vez estamos máis preocupados pola rapidez e gravidade do cambio climático", asegura o catedrático de Economía da Universidade de Vigo (UVigo) Xavier Labandeira, que asegura que "estamos ante un problema moi grave, máis do que prevíamos". Ademais, destaca que "fai uns 20 ou 30 anos pensabamos que poderiamos controlar as emisións e así manexar de forma directa os cambios de temperatura, como se tivésemos un certo control sobre ese aparello que é o planeta, pero o problema é que non, porque os efectos desas emisións fan que perdamos o control, xa non somos capaces de controlar o asunto porque chegado un certo umbral os ecosistemas comezan a reaccionar". Por iso, urxe "actuar xa, pasar xa a unha fase de adaptación ao cambio climático a grande escala, porque xa é moi tarde".
Ademais, o catedrático lembra que o cambio climático afecta a todo: dende a agricultura ata a saúde pasando polas propias infraestruturas. E cal é o sector que está contribuíndo en maior medida a esas emisións que derivan no cambio climático? Labandeira teno claro: "o da enerxía xerada a partir de combustibles fósiles". "Temos que reducir as súas emisións", conclúe, apostando polo camiño da "eficiencia enerxética". E é que "non só necesitamos máis renovables e menos fósiles, senón tamén moita reducción da demanda enerxética ou, alo menos, unha maior optimización da mesma".
"AÍNDA QUE A PARTICIPACIÓN DAS RENOVABLES FOI AUMENTANDO, NON VAI SUBSTITUÍR DE HOXE PARA MAÑÁ A CONTRIBUCIÓN FÓSIL"
Con todo, hoxe por hoxe, como afirma a profesora de Economía da Universidade de Santiago de Compostela Rosa Regueiro, "o consumo de enerxía primaria segue centrando a forza nas fontes de enerxía fósil", de tal xeito que, "aínda que variou a proporción e si hai unha presenza máis destacada das renovables na actualidade, estas teñen unha función estritamente complementaria na produción de electricidade, non principal". Así, "aínda que é certo que a participación das renovables foi aumentando, non vai substituír de hoxe para mañá á contribución fósil, e non vai ser así porque o sistema non está diseñado para o sexa, e moito menos de inmediato".
Así mesmo, e aínda que a todas as economías do mundo desenvolvido lle interesan as enerxías renovables porque permiten aforrar custes no proceso de xeración de enerxía con respecto ás enerxías fósiles, Regueiro puntualiza que "só nolo permiten no proceso de xeración, non no proceso de posta en marcha". Así, exemplifica que á hora de construír un parque eólico empréganse cementos, máquinaria, industria... o que tamén xera emisións. Por iso, "aínda que as renovables son enerxías verdes e teñen moitas vantaxes, tamén hai que saber que non son actuacións de impacto cero, aínda que si de impacto moitísimo menor que as enerxías fósiles".
Por outra banda, non en calquera lugar se poden desenvolver enerxías renovables, pois, por que se instala un parque eólico nun territorio? A profesora explica que un proxecto eólico desenvólvese cando unha empresa obtén resultados rendibles das medicións que fai sobre un terreo durante alo menos 5 anos, vendo que hai vento suficiente para que lle resulte rendible a explotación industrial dese lugar. E, ademais deses límites económicos, tamén hai límites técnicos, que "non só dependen da velocidade de desenvolvemento da tecnoloxía, senón tamén da xeración de recursos críticos, recursos precisos para poder fabricar os compoñentes dos aeroxeradores, como o cinc ou o aluminio". "Canta menos oferta deses recursos críticos máis vai subir o prezo e un aeroxerador vai ser máis caro de instalar", explica Regueiro.
Neste sentido, e partindo da base de que vai ser imposible rematar xa mesmo co emprego de combustibles fósiles, Labandeira aposta por que as empresas "desenvolvan compensacións ambientais, como pode ser a plantación de árbores, usando a natureza como fonte de compensación das súas emisións". "Unhas emisións netas cero non significan realmente que sexan 0, e haberá sectores que teñan que seguir emitindo gases de efecto invernadoiro, polo que é importante recorrer ás compensacións nestes casos", expón o investigador, que, con todo, chama a non caer na xeralización: "Precisamos preservar esa posibilidade de captación de carbono de forma natural para cousas que realmente sexan inevitables".
O BOSQUE DE NATURGY EN CABANAS: APOSTA POLA BIODIVERSIDADE AUTÓCTONA E EN COMUÑÓN COAS POBOACIÓNS LOCAIS
Precisamente nesa liña de tratar de compensar as emisións de dióxido de carbono á atmósfera é onde se enmarca unha das iniciativas que Naturgy desenvolve en Galicia: o bosque de Cabanas, que forma parte dun proxecto de bosque corporativo máis amplo: o 'Bosque Naturgy'. Rematouse de plantar o pasado ano 2023 e nel hai dende alcornoques ata carballos, castiñeiros, teixos e encinas distribuídos por unha superficie dunha hectárea. Grazas á súa diversidade vexetal tamén goza de diversidade de fauna, con todo tipo de insectos e animais que habitan no seu sotobosque.
Tal e como nos explica Nieves Cifuentes Valero, responsable do departamento de Medioambiente e Responsabilidade Social, dende Naturgy "estamos levando a cabo accións que beneficien tanto ao clima como á diversidade e ás persoas". Niso é no que concentran unha das patas da súa estratexia de transición enerxética. Por iso, saben que o máis importante é "reducir ao máximo as nosas emisións de gases de efecto invernadoiro". Como exemplo, apunta ao peche das centrais de carbón no ano 2020. "Nesas zonas creamos plans de transición xusta para que se fomenten as enerxías verdes", explica Cifuentes.
Doutra banda, tamén desde a compañía "apostamos polas renovables, tanto eólica como fotovoltaica, para substituír progresivamente a xeración térmica". Apuntan, sobre todo, a confiar nos "gases renovables", máis concretamente no biometano, "para que aos poucos o gas tamén sexa renovable, xa que para a descarbonización non só se necesita apostar pola xeración eléctrica renovable, os gases renovables son fundamentais para cumprir os obxectivos climáticos".
A idea deste espazo natural é "facer proxectos que nos beneficien e que beneficien á sociedade tanto en termos de absorción de carbono como de biodiversidade, porque se só temos en conta a lóxica climática ao final só plantariamos especies de rápido crecemento que "son os que máis CO2 absorben", por exemplo eucaliptos. Pero en realidade "non queremos só que esas plantacións capturen CO2, senón que queremos construír bosques que sexan biodiversos e por tanto teñan diferentes tipos de especies nativas de crecemento máis lento que, por unha banda, capturen CO2, pero polo outro , proporcionar hábitats biodiversos a esas áreas".
"PARA AS EMPRESAS COMPROMETIDAS COA MITIGACIÓN CLIMÁTICA É UNHA OPORTUNIDADE CREAR CAPITAL NATURAL PARA COMPENSAR O NOSO IMPACTO"
E como se decidiron a crear un bosque deste estilo en Cabanas? A responsable de medioambiente de Naturgy afirma que "porque temos unha gran presenza en Galicia". A premisa foi "partir dunha zona degradada que estivese tamén próxima a núcleos de poboación, para que a xente tamén puidese desfrutar dese bosque". Ademais, quixeron facer un bosque con certificación FSC, certificación de xestión forestal que garante a xestión do bosque con criterios de biodiversidade e beneficios para a poboación local. Na plantación de Cabanas, de feito, a selección de especies realizouse a través dun estudo de silvicultura previo baseado nas especies autóctonas idóneas para a contorna.
"Eu creo que agora hai unha oportunidade, nun momento no que Europa está apostando forte pola sustentabilidade e a loita contra o cambio climático, así como por restaurar os seus ecosistemas e mellorar a súa biodiversidade", considera Cifuentes, que ve neses terreos degradados e abandoados que mesmo poden supor un risco a nivel incendiario, "sitios ideais para realizar todo este tipo de proxectos de restauración ambiental". Neste sentido, asegura que "para as empresas que estamos comprometidas coa mitigación climática é tamén unha oportunidade o ir creando capital natural e biodiversidade, para poder compensar os nosos impactos".
De cara ao futuro próximo dende Naturgy xa traballan na posta en marcha dun terceiro proxecto de bosque, o segundo en territorio galego. En concreto ocupará a superficie dunha hectárea no concello de Forcarei. Plantaranse fundamentalmente piñeiros e suporá a rexeneración dunha zona desarborada dende antes do ano 1989. A estimación de toneladas totais de CO2 que absorberá o proxecto é de 484. Ademais, este bosque, ao igual que o de Cabanas, tamén contará con certificado de xestión forestal sostible FSC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.