Ambos os dous profesábanse respecto e admiración mútua. Vostede é comunista e eu non, pero ímonos entender, díxolle Peinador, militante do Partido Galeguista. Mesmo lle ofreceu un lustroso cuarto no hotel, que Soto, agradecido, non aceptou. Lembraba eu esta anécdota o pasado sábado no cemiterio de Santa Baia, mentres asistía á celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística que tan ben organizou o goberno municipal de Mondariz.
Durante os dous anos que permaneceu Soto na súa escola mondarizana gañou a confianza e simpatía de pais e alumnos, aos que formou nos valores da libertade e humanismo. Durante aquel breve período de tempo foron frecuentes as súas viaxes a Vigo para estar en contacto con dirixentes do Partido Comunista e compañeiros da Asociación de Traballadores do Ensino foron frecuentes. A sublevación militar do ano 1936 obrigouno a abandonar Mondariz disfrazado de franciscano.
Cando puido volver do exilio mexicano acompañeino a Mondariz para reencontrarse cos seus compañeiros, un matrimonio de mestres que aínda vivían na vila. Pero antes paramos para mirarmos o desastre que provocara o incendio de 1972 nas instalacións do Balneario. Quedaba en pé unicamente a nobre fachada do edificio. Presenciando aquela desfeita avivouse a súa memoria e tivo memorables palabras para Enrique Peinador Lines, “a quen habería que recatar do inxusto esquecemento”, díxome. Pasados os anos dediqueime a a cumprir aquel mandado.
Luís Soto é unha figura senlleira do nacionalismo galego. Desde o exilio mexicano, en colaboración con outros compañeiros de xeración, axitou na diáspora latinoamericana a loita contra a dictadura franquista en todas as frontes. Concebíu e dirixíu a mellor revista editada no exilio, “Vieiros”, coa colaboración de Carlos Velo ; impulsou o Padroado da Cultura Galega de México, que había ter as súas réplicas en Montevideo e Caracas. Colaborou coa revolución cubana cando Fidel Castro e o Ché permaneceron en México para adestrárense na guerra de guerrillas... súa foi a idea de crear a UPG, á que dimos corpo e presenza en todo o País, e os actos de defensa dos labregos de Castrelo de Miño cando “o feudalismo hidroeléctrico de Fenosa”, como lle chamara Otero Pedrayo, dedicíu asulagar aquelas terras.
O 12 de novembro de 1981 falecía Luís Soto en México. Ao pouco tempo habíanse publicar as súas memorias. Moitos anos despois, Xurxo Martínez González, publicaría a a súa biografía, “Luís Soto.A xeira pola unidade galega”.
A Fundación Lois Peña Novo leva organizado diversos actos que denominou ”Vieiros da Memoria de Luís Soto” en distintos lugares de Galicia e Portugal; en Tourém, onde descubrimos un monumento na súa memoria; en Podentes, A Bola, onde nacera, o Concello deulle o seu nome a unha Galescola; en Lobios un parque infantil leva o seu nome; o Concello de Celanova deulle o seu nome a un camiño que vai cara Vilanova dos Infantes,e en Muiños descubríuse unha placa na casa onde estivera a súa escola. A Universidade de Vigo no Campus de Ourense plantou unha árbore autóctona traída do parque do Xurés, que medrará cunha placa ao seu pé deixando constancia do seu papel na fundación da Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense.
O próximo domingo ás cinco da tarde asistiremos ao derradeiro acto dos programados, será na alameda de Mondariz onde o Goberno municipal perpetuará a memoria do noso amigo e mestre Luís Soto Fernández.