A ligazón do Condado-Paradanta coa A-52, anos de atrasos sen resposta: "dá a sensación de que nos esqueceron"

Cinco concellos do Condado-Paradanta queren acabar co que consideran un erro; a falta de ligazón para unilos directamente coa autovía A-52. Erro, desidia, falta de cálculo ou de orzamentos, o resultado é un documento polo que estas cinco entidades locais fan fronte común para reclamar a oportunidade de reducir tempos en comunicacións viarias e custos para os viaxeiros. Despois de varios anos reivindicando unha solución, consideran chegada a hora de que as autoridades competentes arranxen o que eles ven como un erro.

Por Moncho Mariño | Santiago | 08/07/2024 | Actualizada ás 22:40

Comparte esta noticia

Os alcaldes da Cañiza, As Neves, Covelo, Mondariz e Mondariz-Balneario decidiron elaborar un documento común, con apoios en estudos técnicos e de organizacións empresariais e sociais, para desconxelar definitivamente as obras necesarias na ligazón de Lentille (Covelo) en ambas as dúas direccións. Desta maneira permitiríase a incorporación sen problemas á autovía A-52 cara Ourense e Madrid ademais de reducir tempos para chegar a Vigo e ao seu aeroporto. Estes son dous dos puntos que sinalan no documento os cinco alcaldes á parte de engadir outras vantaxes económicas mais tamén en seguridade viaria. Os argumentos para o último punto sinalado son os desvíos que deben tomar a maioría de vehículos en dirección Ourense e o uso da N-120, unha estrada que para as persoas consultadas resulta un perigo en inverno ante a acumulación de névoas, dificultades cando chove e a aparición de placas de xeo sobre o asfalto. Para os asinantes do documento é necesaria unha solución inmediata que non pode ter máis demoras.

Mapa parcial da A-52. MINISTERIO DE TRANSPORTES
Mapa parcial da A-52. MINISTERIO DE TRANSPORTES


COMUNICACIÓNS PRECARIAS E VALORACIÓN DA OBRA
A construción da A-52 acelerou as comunicacións do sur de Galicia coa meseta, concretamente o tramo O Porriño-Benavente. Con todo, cinco concellos do Condado-Paradanta reclaman unha ligazón coa autovía para eliminar dificultades co tráfico e reducir tempos de circulación. “A ligazón de Lentille permitiría ir directo a Ourense, aforraríanse 25 minutos de desvío por outros concellos e no caso de Mondaríz-Balneario, o tráfico pesado non tería que pasar polo centro da vila” di o alcalde César Gil. “Agora mesmo temos que coller un desvío a 20 km desde Mondariz até Cuvelo” di José Manuel Alfonso, alcalde das Neves.

“A día de hoxe o tráfico baixa por Ponteareas e a construción da ligazón sería positiva para todos” di Xoan Carlos Montes, alcalde de Mondariz. E non afectaría economicamente a Mondariz desviar o tráfico por unha nova ligazón? “Nós estamos paralelos á N-120 e a ligazón non afectaría á vida económica do concello, o que si arranxaría sería a incomunicacións de varias áreas”.

A situación é descrita por Pablo Castillo, alcalde de Covelo: “temos que subir pola N-120 até o Alto da Fontefría, un tramo perigoso en inverno e que dificulta o acceso dos cinco concellos e de toda a comarca á A5-2”. As consecuencias económicas no transporte de mercadorías, por exemplo, poden traducirse en que “o tempo de circulación baixaría en media hora e o aforro estaría entre 50 e 100 euros que custa unha hora de transporte de camión e iso déixase sentir” di Ramón Alonso, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Transportes de Mercancías de Pontevedra (ASETRANSPO).  ASETRANSPO e outras organizacións sociais e empresariais apoian a iniciativa que consideran beneficiosa para as empresas da comarca.

Alén disto, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra lembra que nun estudo realizado “polo anterior Ministerio de Fomento” calculaba a obra en 10 millóns de euros. A este orzamento sumaba que era unha obra tecnicamente complexa debido á cercanía do túnel do Folgoso: “o que limita a posibilidade de deseñar adecuadamente as seccións”. Ademais, a Subdelegación sinala que o tramo da N-120 entre Covelo e A Cañiza “ten unha IMD de 500 vehículos por día, que resulta moi baixa para xustificar unha obra destas proporcións”. Por último, apuntan que “a A-52 conta con enlaces bidireccionais moi próximos ao de Lentille, como son os da Cañiza e o de Batalláns”.

Os alcaldes de Mondariz-Balneario, A Cañiza,  Covelo,  Mondariz e  As Neves.. CONCELLO DO COVELO
Os alcaldes de Mondariz-Balneario, A Cañiza, Covelo, Mondariz e As Neves.. CONCELLO DO COVELO

ANOS DE REIVINDICACIÓN
A A-52 naceu coa intención de acelerar os tempos de comunicación no sur de Galicia, mais unha vez rematados todos os tramos actuais, quedaron espazos sen unir a esta vía.
Para a Subdelegación do Goberno a petición de reforma do enlace de Lentille non é unha novidade. “De feito é un asunto que xa ten pasado por varios gobernos (dous deles do Partido Popular) sen ter en conta nunca a execución da obra”.

Desde o departamento dirixido por Abel Losada, lembran que “en 1996, Mariano Rajoy, sendo candidato pola provincia de Pontevedra ao Congreso, comprometeuse a execución desta obra por escrito diante dos alcaldes da Paradanta”. Rajoy foi ministro durante varios anos nos gabinetes de José María Aznar e “non cumpriu a súa promesa. A obra non foi realizada”. Rajoy retomou o compromiso en 2003 e “tampouco o fixo”. Doutra parte, Rajoy foi presidente do Goberno entre 2011 e 2018 “e Ana Pastor ministra de Fomento. A ministra renovou aquel compromiso do PP co Concello de Covelo. Máis a obra nunca se executou e nunca figurou nos Orzamentos do Estado”.

O alcalde de Mondariz-Balneario, César Gil, considera que “agora somos máis cores políticas e máis concellos” para reclamar a ligazón de Lentille. Porén, a representación do Goberno central en Galicia sinalaba “en principio a semana do 24 ao 30 para dar unha resposta” de cara unha reunión de traballo. José Manuel Alfonso, o alcalde das Neves, recorda que “esta obra é unha petición que xa debe ter quince anos, mesmo estivera aquí en 2012 a exministra de Fomento, Ana Pastor”. Tamén houbera unha reunión entre o alcalde de Mondariz, Xoan Carlos Montes e Pastor para transmitir a mesma preocupación.

“Desde o Concello de Covelo levamos reivindicando esta solución desde hai anos, xa desde a construción da A-59 pedimos un dobre enlace que ao final non foi por falta de orzamento” di Pablo Castillo. A ligazón permitiría estar no aeroporto de Vigo en 35 minutos e en 40 minutos podería estarse na estación do AVE en Ourense. “Dá a sensación de que nos esqueceron. Por iso, sempre que se anuncian os Orzamentos do Estado presentamos enmendas en relación a esta obra”. De momento non houbo resposta, sinala Castillo.

Desde a subdelegación do Goberno, Abel Losada non ve mal que se reclame ao actual Goberno, presidido por Pedro Sánchez, “o que deixaron sen facer Aznar, Rajoy e Pastor, a pesar de telo prometido repetidamente”. Aínda así, Losada destaca que “estamos en tempos de prioridades. “Entendo perfectamente que os alcaldes protesten, pero dá a sensación de que é moito máis fácil protestar cando gobernamos os socialistas que cando goberna a dereita”.

Os alcaldes que asinaron o documento para pedir a ligazón na A-52 para os cinco concellos do Condado-Paradanta esperan a resposta da Delegación do Goberno a finais de xuño de 2024. Por outra parte, a subdelegación informou que agora mesmo o Estado realiza investimentos na Paradanta con Fondos Europeos para “cuestións de competencia municipal como a mobilidade sostible, a iluminación eficiente, despregue da fibra óptica ou a reforma de inmobles e dotacións municipais”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta