O Orgullo galego: Nanina Santos Castroviejo, a activista que se atreveu a declararse lesbiana en plena represión

"Nunca sentín que tivese que pedir permiso a ninguén para ser quen son", dicía Nanina en varias entrevistas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 30/06/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Nada en Notaria (Padrenda), no ano 1951, Nanina Santos Castroviejo é unha escritora galega que revolucionou o seu tempo. Destacada feminista comezou a súa actividade na clandestinidade. En 1970 entrou na Federación de Comunistas que se fusionaría co Movimiento Comunista. E foi a primeira representante feminista nestra organización e responsable da estrutura de mulleres do Movemento Comunista Galego (MCG). Tamén participou na creación da Asociación Galega da Muller en 1976 e foi promotora da revista 'Andaina', fundada en 1983 e que puxo punto e final á súa andadura este mesmo ano. Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago (USC), foi profesora de música no IES de Brión ata o 2019. 

Nanina Santos Castroviejo
Nanina Santos Castroviejo | Fonte: Arquivo

Pero o máis salientable desta gran muller foi o seu valor para declararse abertamente lesbiana e dar visibilidade á súa orientación sexual en tempos nos que reivindicarse como lésbica era algo revolucionario, mal visto e mesmo perseguido. En varias entrevistas Nanina expresaba que "nunca sentín que tivese que pedir permiso a ninguén para ser quen son". Xunto a ela, as mulleres que a seguiron o seu movemento "escandalizamos e espertamos o interese dalgúns medios de comunicación, pero tamén nos enfrontamos a comentarios do tipo 'lo que les falta es un buen hombre', críticas ao noso físico...".

Ademais, nunha época na que os anticonceptivos estaban prohibidos ou as farmacéuticas chegaban a advertir sobre os riscos que supoñían os primeiros tampóns para a virxindade, Nanina xa loitaba contra isto. "Falar de sexualidade fóra dos círculos pechados dos homes contando as súas fazañas non existía case, comezabamos a descubrir que cousas que viviamos na nosa intimidade non eran individuais, a explorar, a ler e sobre todo a demandar liberdade sexual". Foi no ano 1979 cando a Asociación Galega da Muller sacou a súa primeira nota apoiando a homosexualidade. E no 1983 daba un paso máis aló no seu descurso coa reivindicación de "somos lesbianas".

Nanina contaba que durante os 40 anos que durou a ditadura franquista e os moitos outros séculos de castración relixiosa sobre a sexualidade da muller fixeron forte esa mensaxe de que unha muller se non era nai ou esposa non era ninguén. "Quen se saía do establecido do matrimonio era unha puta, imaxinádevos se era lesbiana! O noso castigo era non existir, o silencio, iso conducía a que as mulleres se sentisen raras, enfermas, que algo había mal nelas e mesmo a rematar en psiquiátricos con tratamentos de electroshock", dicía Santos nas súas entrevistas. Grazas a mulleres como Nanina a loita pola liberdade sexual chegou ata o punto no que nos atopamos hoxe en día, cando aínda hai moito por facer, pero xa se leva un bo treito percorrido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta