Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2024 | Actualizada ás 17:12
O PPdeG reivindicouse este xoves como "o partido da mocidade galega" con medidas como a gratuidade das matrículas universitarias ou o acordo para "acabar coas desigualdades entre comunidades" cunha ABAU "común e máis xusta".
En declaracións aos medios en Santiago, acompañada pola presidenta de Novas Xeracións, Nicole Grueira e o coordinador de Educación do PPdeG, Ovidio Rodeiro, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, remarcou a aposta do seu partido por "premiar e estimular o esforzo do alumnado" e esgrimiu medidas "pioneiras" impulsadas desde Galicia.
Medidas como a proposta dunha ABAU común a partir de 2025 formalizada esta semana nun acordo asinado polas 12 comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular, que representan ao 70% do alumnado español, e coa que se pretende --subliñou-- pór fin aos "17 camiños distintos" que existían ata agora nesta proba e que "prexudicaban" a estudantes de Galicia.
"Galicia lidera o debate a nivel nacional e logramos sacar adiante a nosa postura, dando solucións onde o Goberno central e os seus socios só ofrecen división, mantendo a nosa autonomía e competencias, pero cunha mellor coordinación", explicou Prado. Engadiu que este pacto "se axusta á lei e blinda as singularidades" galegas, sobre todo no que respecta ao galego.
GRATUIDADE DAS MATRÍCULAS
Sobre a gratuidade da matrícula universitaria á que deu luz verde o Consello da Xunta, o número dous do PPdeG lembrou que o presidente Alfonso Rueda comprometera en campaña electoral das pasadas autnómicas que esta medida sería unha realidade nos primeiros 100 días de goberno.
"Aquí temos o resultado. Galicia foi pioneira coa conxelación das taxas universitarias, tamén ratificada para o próximo curso por décimo cuarto ano consecutivo, e agora damos un paso máis coa gratuidade da matrícula", salientou.
Tamén aproveitou para animar á mocidade galega a "seguir apostando polo partido que mellor defende os seus dereitos" e resaltou o apoio maioritario logrado o pasado 18 de febreiro, cando "máis do 40% de mozos" da comunidade "escolleron a papeleta do PPdeG".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.