O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte acada xa a maioría de idade

Esta fin de semana celebra a súa 6ª edición coa participación máis alta de adegas da súa historia. Un total de 34 adegas darán a coñecer os seus caldos no Paseo do Malecón da capital da Ribeira Sacra os días 5, 6 e 7 de xullo.

Por Galicia Confidencial | Monforte de Lemos | 05/07/2024 | Actualizada ás 12:36

Comparte esta noticia

O Festival do Viño da Ribeira Sacra medra con paso firme dende o seu nacemento hai 6 anos. Trátase dun evento de exaltación dos viños deste territorio amparado que polo seu formato, ubicación e apoio económico e institucional, estase convertendo nun evento xa de referencia a nivel de Galicia.

Cartel
Cartel

José Tomé Roca, Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, será o encargado de inaugurar, este venres 5 de xullo, a 6ª edición xunto co pregoeiro, Antonio Lombardía Crespo, Presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra. O acto, no que participarán tamén diferentes autoridades institucionais, terá lugar ás 20:30 h. no Paseo do Malecón e suporá a apertura do Festival. O acompañamento musical correrá a cargo da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

O certame desta ano contará coa participación de 34 adegas, que supoñen o número máis alto de participación nas 6 edicións que se levan celebrado, e contará con 12 postos de gastronomía, actividades infantís, dous obradoiros e dúas masterclass para adultos relacionados coa Cata de Viños da Ribeira Sacra. Ademais do anterior tamén se ofertan 2 'Viñorutas' polo Sil e polo Miño para coñecer a viticultura heroica.

Como é costume dende os comezos, haberá unha oferta musical importante para as noites, mantendo nesta edición o emprazamento das actuacións musicais do Festival no propio recinto. Este ano, os concertos programados a partir das 23:00 h. correrán a cargo dos grupos Gin Toni’s e Malenne, que actuarán venres e sábado, respectivamente.

Coma novidade, ampliarase o horario de peche do Festival, que pasará das 12 da noite á unha da mañá o venres e o sábado, mentres que o domingo pechará ás 12 da noite.

Foto do ambiente do Festival do Viño (2018). Foto: CRDORS
Foto do ambiente do Festival do Viño (2018). Foto: CRDORS

En palabra de José Tomé, referíndose á celebración do evento, “pensamos que vai ser un reclamo importante para atraer xente a Monforte e ó conxunto da Ribeira Sacra, co fin de contribuír a dinamizar a economía da comarca, particularmente o mundo do viño, a hostalería e o comercio.” E engade que “queremos que o Festival siga medrando, que cada vez sexa máis atractivo e nos visite máis xente, e que contribúa de xeito importante á promoción dos nosos viños, da nosa paisaxe, da nosa gastronomía, dos nosos museos, dos nosos monumentos e da nosa cultura.”

O programa completo para descargar está na web do Concello de Monforte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta