Operación Foliada: varios cabalos e asnos mortos, maltratados e desnutridos en fincas da Terra de Melide

O Seprona investiga a un veciño de Melide e a outro de Toques como presuntos autores de abandono e maltrato animal.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 06/07/2024 | Actualizada ás 11:49

Comparte esta noticia

A Patrulla do Seprona da Garda Civil do Milladoiro investigou a dous varóns como presuntos autores de 6 delitos de abandono e maltrato animal no marco da operación Foliada. A operación comezou en setembro de 2023 despois de observar numerosos casos de abandono e maltrato animal con resultado de morte na comarca de Terra de Melide, así como a preocupación social que xeraba nas localidades desta comarca pola cantidade de animais que vagaban polas vías de comunicación co conseguinte risco para a seguridade vial e o dano producido nas plantacións existentes.

Animais propiedade dun dos investigados
Animais propiedade dun dos investigados | Fonte: GARDA CIVIL

No transcurso da investigación os efectivos actuantes localizaron en varias explotacións pertencentes aos investigados e en parcelas vinculadas coas mesmas, cadáveres de equinos abandonados e en avanzado estado de descomposición, cos consecuentes riscos de bio-seguridade para o resto da fauna, tanto doméstica como salvaxe, así como exemplares con síntomas de caquexia severa e en estado agonizante, sendo necesaria a actuación dos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería de Medio Rural, os cales tiveron que practicarlles a eutanasia polo seu estado irrecuperable.

Dende a Patrulla tamén constataron que os animais vagaban fóra dos límites das explotacións sen ningún tipo de control, co conseguinte risco para a seguridade viaria, tendo ocasionado alo menos un sinistro viario, por impacto dun turismo contra un asno propiedade dun dos investigados, ademais de pastorear en fincas privadas alleas, provocando numerosos danos en plantacións existentes. Tamén se comprobou que un dos investigados publicitaba os animais en páxinas web de venda e redes sociais, atopándose esta persoa inhabilitada para o comercio e a tenencia de animais por sentenza xudicial.

Por todo, a Garda Civil procedeu á investigación do veciño de Melide como suposto autor de 4 delitos de abandono e maltrato animal, 1 delito de quebrantamento de condea, 1 delito de usurpación de estado civil e outro de ameazas, ordenando a Autoridade Xudicial o seu ingreso no Centro Penitenciario; e ao veciño de Toques como presunto autor de 2 delitos de abandono e maltrato animal, 1 delito de ameazas e outro delito contra a seguridade viaria.

Cabalos mortos investigados na Operación Foliada
Cabalos mortos investigados na Operación Foliada | Fonte: Garda Civil
Cabalos mortos investigados na Operación Foliada
Cabalos mortos investigados na Operación Foliada | Fonte: Garda Civil
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta