O caché de Aitana en Castrelos: 266.000 euros por enriba do de Sting e 146.000 por debaixo do de David Guetta

A artista española é a artista que máis visita este verán Galicia, con tres citas, unha delas, a de Castrelos, gratuíta para o público, pero na que o Concello desembolsará un total de 786.500 euros.

Por Ángela Precedo | VIGO | 13/07/2024 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

Aitana é, sen lugar a dúbidas, a cantante que máis citas ten este verán en Galicia. Despois de ser cabeza de cartel esta pasada fin de semana no festival Portamérica, celebrado na azucreira de Portas, a seguinte parada será no Morriña Fest da Coruña o 27 de xullo. E só uns días despois, o 3 de agosto, chegará ao auditorio de Castrelos, en Vigo. Nos festivais as entradas para asistir partían dos 45 euros, pero a súa actuación na urbe olívica será gratuíta... alo menos para o público, porque ás arcas do consistorio custaralles a frioleira de 786.500 euros (IVA incluído). Cifra que a convirte na artista mellor pagada dos concertos deste ano e que a posiciona como unha das mellor pagadas na historia de Castrelos.

Cantante Aitana
Cantante Aitana | Fonte: CONCELLO DA CORUÑA - Arquivo

Con algo menos de 7 anos de traxectoria ás súas costas e máis de 13 millóns de escoitas semanais, despois de darse a coñecer na entrega de Operación Triunfo do 2017, onde quedou segunda, o seu caché xa ascende a 726.000 euros, aos que habería que engadir outros 60.500 para cubrir as necesidades do seu equipo durante a estancia na cidade de Vigo. A artista catalana superá así o caché de Alejandro Sanz, que ocupaba o primeiro lugar entre os artistas españois mellor pagados polos 611.000 euros que custou o seu concerto do ano pasado. Este ano tamén pisarán o escenario vigués outros dous grandes artistas españoles de actualidade: Melendi e Dani Fernández, pero o seu caché quédase nos 351.000 e nos 121.000 euros, respectivamente. Pola súa banda, Vetusta Morla e Xoel López cobrarán uns 332.750 euros; e Luz Casal, 167.585 euros. 

Botando a vista atrás, atopamos que outro 'triunfito' cunha traxectoria máis dilatada que Aitana, dende o 2002 na música (máis de 20 anos) e con máis de 4 millóns de discos vendidos, David Bisbal, que percibiu no seu momento, o pasado ano 2023, 170.000 euros. Mentres que Bad Gyal, cantante de reggaeton e trap que comezou a súa andadura no 2016, cobrou o pasado ano 181.500 euros. Pola súa banda, Beret, recoñecido cantante de pop español con 9 discos de platino e 3 de ouro, percibiu no 2023 pola súa actuación en Castrelos 168.069 euros.

Pablo López, saído de Operación Triunfo no 2008 con 6 discos de platino e un de ouro custou 127.050 euros o pasado ano. Ana Mena, cantante cuxa traxectoria explotou no 2016, con 44 discos de platino, un de diamante e 4 de ouro, percibiu 111.320 euros de Castrelos. Dani Martín, cantante con máis de dous millóns de discos vendidos, cobrou no ano 2022 un total de 287.980 euros por actuar en Vigo. E Lola Índigo, saída de 'Fama, a bailar' e cun breve paso por Operación Triunfo, con máis de doce discos de platino, 123.420 euros.

Máis aló dos cantantes españois, entre as actuacións máis agardadas deste ano en Castrelos está a de Luis Fonsi. Cantante, compositor, actor, músico e produtor con máis de 29 anos de traxectoria musical (dende o 1995) ofertará o 23 de xullo un concerto polo que percibirá 245.630 euros. O portorriqueño vendeu ao longo da súa carreira máis de 10 millóns de discos. No 2022 Sebastián Yatra, que logrou recoñecemento internacional dende que unha das súas cancións explotou no 2016 e que conta con 72 discos de platino e 6 de ouro ás súas costas, percibiu 206.480 euros.

Ademais tamén hai que ter en conta que a actuación máis cara da historia de Castrelos, a do prestixioso DJ David Guetta no 2023, que vendeu ao longo de toda a súa carreira musical máis de 45 millóns de discos, custou case un millón de euros. En concreto, 932.000, o que supón só 146.500 euros máis que o que cobra este 2024 Aitana. O ano anterior, no 2022, ao concello vigués custoulle 515.387 euros a contratación de Sting, un artista de renome internacional con máis de 100 millóns de discos vendidos; mentres que o concerto de Jared e Shannon Leto, con 10 millóns de discos vendidos ao longo da súa carreira, supuxo un desembolso de 387.000 euros

E cómpre lembrar que o pasado 2023 descartouse traer ao cantante canario Quevedo, con 55 discos de platino e 5 de ouro, que estaba de total actualidade e rematou dando un concerto (con entradas de pago) no Ifevi, porque tiña un caché de 520.300 euros (266.200 euros menos que Aitana). Entre os que tampouco chegaron a materiarilizarse, Tanxugueiras, por exemplo, tiña un caché de 80.525 euros; e Rels B, de 239.500 euros. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta