Oliva_sinhache, camiño do millón de seguidores: "Un rapaz de 17 anos ten unha foto comigo en pixama, quen dixo vergonza?"

A boirense emprega a retranca galega nos seus vídeos para falar de cousas que todos pensamos pero que poucos nos atrevemos a dicir.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 21/07/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Se che falo de Olivasinhache (@oliva_sinhache) pode que non saibas de quen se trata, pero se che falo dunha muller de pelo branco curto e ollos azuis que fai vídeos de pouca duración nos que a retranca galega é a protagonista, seguramente si a viras en máis dunha ocasión nas redes sociais. E é que esta muller de Boiro é unha das creadoras de contido da nosa terra con máis seguidores en Instagram (vai a polo millón), entrando tamén pola porta grande ao mundo de Tik Tok. Hoxe o Galicia Confidencial ten a oportunidade de coñecer un pouquiño cal é a súa historia e que se agocha detrás da súa personaxe: é Oliva así como se amosa nos vídeos na realidade?

@oliva_sinhache nun dos seus vídeos
@oliva_sinhache nun dos seus vídeos | Fonte: Tik Tok @oliva_sinhache

Oliva cóntanos que comezou a súa andaina nas redes sociais fai ben pouquiño para a cantidade de seguidores que ten. "Comecei na pandemia, creeime unha conta de Tik Tok para ver os vídeos que facían os meus sobriños e, un bo día, comecei a facelos eu tamén", explica. Quen lle diría que de aprender a crear contido da man dos seus sobriños remataría sendo tan coñecida. "Pouco a pouco a xente comezou a chegar e así ata hoxe", afirma. Así naceu a personaxe de Oliva, "unha muller que di o que pensa, que está disconforme con case todo e que intenta facer algo de crítica social utilizando o humor". De feito, ao preguntarlle onde vive, sae a Oliva das redes cando nos di: "Se vivo nun dos pobos máis bonitos de Galicia, Boiro, dise e punto, non hai necesidade de ser humilde", chancea.

Sen embargo, a Oliva da realidade pouco ten que ver coa Oliva das redes, pois "é unha muller tímida que intenta pasar desapercibida e non meterse en follóns". Quen o diría! Custa imaxinar á Oliva das redes durante a súa vida diaria, sen soltar todo aquilo que se lle pasa pola cabeza. E é que en verdade a súa personaxe toca temas sobre os que todos opinamos nalgún momento e di aquilo que moitos pensamos, pero que, ao mellor, por ser politicamente correctos, non nos atrevemos a comentar. De feito, Oliva asegura que as súas fontes de inspiración son diversas: "O meu fillo, as miñas amigas, a miña familia, os telexornais... A vida!".

O que si non ten calquera é esa capacidade que ela si ten para dicir as cousas que lle molestar de forma chistosa, con esa graza natural que fai rir aínda sen buscalo. "Os meus vídeos son pura retranca, lévoo nos xenes", confesa Oliva, que como boa galega usa a retranca ao seu favor. Ademais, os seus vídeos son moi curtiños, algo que Oliva di que se debe a que "intento que os meus vídeos sexan graciosos, e facer vídeos longos nos que todo o contido sexa humor todos os días é moi complicado, a miña cabeza non dá para máis", chancea.

Con ese preto do millón de seguidores en redes sociais que a apoian e que chegou en cuestión de cinco aniños, todo fai pensar que a personaxe de Oliva seguirá crecendo, pero confésanos que "en xeral, son unha persoa positiva, pero a vida foise encargando de darme coas expectativas na cara, así que agora deixo que as cousas flúan e vou actuando segundo as cousas se vaian dando". Polo de agora xa experimenta esa cuestión que leva acarreada a 'fama' e que é que che recoñezan pola rúa e che paren para tomarse fotos ou falar contigo: "En Boiro coñéceme todo o mundo, pero en vacacións, cando chega máis xente de fóra, páranme máis pola rúa".

Sobre este tema cóntanos unha anécdota: "A pasada semana foron as festas do verán en Boiro e un día baixei pola noite ao portal para abrirlle a un amigo do meu fillo e, ao abrir a porta, un rapaz que pasaba recoñeceume e pediume unha foto". Ata aí todo normal, o problema é que "agora hai por aí un rapaz duns 17 anos que ten unha foto comigo estando eu en pixama", aínda que "quen dixo vergonza?", chancea Oliva, sempre na súa liña de positividade e humor.

O primeiro vídeo viral de Oliva "foi un no que falo dos fillos, dende que nacen ata que se marchan da casa". O vídeo comeza dicindo: 'Tener hijos es un trabajo para toda la vida...', e vai narrando como en todas as etapas da vida dun fillo hai cousas negativas que unha nai ten que soportar. "A pesares de que xa ten tres anos, a xente aínda segue usando ese audio para facer os seus propios vídeos". E é que non se pode negar que Oliva di verdades coma puños, aínda que sexa en clave de humor, como que durante a adolescencia non saen da súa habitación ou que cando son maiores che encasquetan aos netos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta